DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Cabeceira
Venres, 10 de febreiro do 2012

Os investigadores principais do proxecto, F. Aguado e J.A. Vilán, satisfeitos polo obxectivo cumprido

O XaTcobeo en órbita, moito máis que un soño feito realidade

Apuntan que “ter chegado ata aquí, creando un picosatélite cos estándares da ESA, é todo un éxito”


ImageObxectivo cumprido. Coa conta atrás xa comezada, os investigadores principais do proxecto XaTcobeo danse por satisfeitos e consideran xa un éxito ter “cumpridos os prazos e os requisitos marcados pola Axencia Espacial Europea”. Así de convencidos se amosan José Antonio Vilán e Fernando Aguado a poucas horas do lanzamento do picosatélite ao espazo a bordo do foguete Vega. Ambos, xunto con dous estudantes implicados no proxecto, conforman a delegación viguesa que seguirá en directo dende a Güiana Francesa o despegue de Vega. “A guinda a estes tres anos de intenso traballo é o lanzamento e a comunicación dende terra co XaTcobeo, pero o obxectivo está cumprido, xa acadamos o éxito que buscábamos” con este proxecto punteiro que converte á Universidade de Vigo na primeira de Europa en poñer en órbita un CubeSat 1U construído cos estándares da ESA.

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós