DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Opinión
Venres, 15 de maio do 2015

A Universidade súmase aos actos de celebración do 17 de maio

Don José Filgueira, o santo das Letras Galegas 2015. Por Camiño Noia

A catedrática Camiño Noia lembra a figura do ilustre galeguista, doutor honoris causa da Universidade de Vigo


ImageEn plena celebración do 25 aniversario da Universidade de Vigo é tempo de botar a ollada atrás e lembrar datas e persoeiros que, dun ou outro xeito, contribuíron a facer o camiño do que é hoxe esta institución. E, entre os múltiples nomes a lembrar e enxalzar está, como non podía ser doutra maneira nesta fin de semana, o de José Filgueira Valverde, quen o 31 de maio de 1996 foi investido doutor honoris causa desta Universidade. Foi nun acto celebrado no salón de actos da Escola de Enxeñaría Forestal no campus de Pontevedra e exerceu como madriña a catedrática do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Camiño Noia, quen agora lembra neste artigo a figura “do polígrafo galeguista de grande importancia na cultura galega”, “pioneiro na investigación” e “merecente da homenaxe que este ano recibe nas Letras Galegas”.
A Universidade, que cada ano colabora na organización do Memorial Filgueira Valverde, festexará o vindeiro xoves 21 de maio o acto institucional de celebración do Día das Letras Galegas.
Venres, 16 de maio do 2014

Na celebración do Día das Letras Galegas

Nimbos de Díaz Castro. Por Gonzalo Navaza

O profesor Gonzalo Navaza, recoñecido poeta, rende homenaxe a unha obra “cume da poesía galega”


ImageAínda que o acto institucional de celebración do Días das Letras Galegas será na Universidade de Vigo a vindeira semana, nesta data tan especial para o pobo galego o profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Gonzalo Navaza (Lalín, 1957) repasa neste artigo para o Duvi o que considera un dos libros “cumes da poesía galega”, Nimbos de Xosé María Díaz Castro (Guitiriz, 1914-1990), poeta ao que este ano se rende tributo. Recoñecido poeta e tradutor, perfil que comparte con Díez Castro, Navaza bota tamén unha ollada aos máis de sete lustros que o autor homenaxeado dedicou á tradución de linguas románicas e xermánicas en Madrid para diferentes institucións ministeriais.
Luns, 09 de setembro do 2013

O docente do Máster en Xestión Empresarial do Deporte reflexiona sobre a decisión do COI

Por que Toquio si e Madrid non. Razóns dunha decisión olímpica. Por Patricio Sánchez


Image A decisión do Comité Olímpico Internacional de outorgar a Toquio os Xogos Olímpicos de 2020 en detrimento de Madrid, abre a porta ás análises sobre os motivos que determinaron tal elección. Neste artigo de opinión, Patricio Sánchez, docente do Máster Universitario en Xestión Empresarial do Deporte, debulla as razóns polas que, ao seu entender, o COI inclinouse pola capital nipona, deixando a Madrid fóra da poxa. Sánchez que asegura que “a concesión dos Xogos á cidade nipoa non é unha sorpresa”, sostén que foron razóns económicas as que frustraron as aspiracións olímpicas da capital española, rematando a súa reflexión cunha chamada de atención sobre a relevancia do “compoñente económico” na planificación deportiva.
Venres, 07 de xuño do 2013

No Día Mundial dos Océanos

Un océano de oportunidades. Por Emilio Fernández

O director do Campus do Mar apela á necesidade de eliminar fronteiras entre disciplinas para coñecer o mar


ImageA Asemblea Xeral das Nacións Unidas decidiu que a partir de 2009 cada 8 de xuño se celebrase o Día Mundial dos Océanos como unha boa oportunidade para crear conciencia mundial dos desafíos aos que se enfronta a comunidade internacional en relación con esta temática. A celebración ten un sabor especial na Universidade de Vigo e no Campus do Mar, un proxecto liderado dende Vigo e co que se convida á humanidade a estudar todos os ámbitos de coñecemento relacionados co mar.
Para celebrar este día organizouse, en colaboración coa Asociación de Oceanógrafos de Galicia, unha visita divulgativa á Illa de Ons e, dende o Duvi, Emilio Fernández, director do Campus do Mar, reflexiona neste día sobre todas as oportunidades que o océano trae consigo.
Xoves, 16 de maio do 2013

Na celebración do Día das Letras Galegas

Roberto Vidal Bolaño: TEATRO galego, con maiúsculas

O profesor Xosé Henrique Costas lembra no Duvi a “un dramaturgo crítico e retranqueiro”


ImageUnha grandiosa obra dramática e un compromiso humano e vital inesquecibles fixeron que neste 2013 se lle dedique o Día das Letras Galegas ao escritor, actor e autor de teatro Roberto Vidal Bolaño. Cando chega o día grande da homenaxe, este 17 de maio, a Universidade de Vigo súmase ás moreas de actividades que por todo o país e alén das nosas fronteiras lembran a súa figura. Adiantándose á celebración o vindeiro venres do acto institucional de conmemoración desta data, o profesor Xosé Henrique Costas lembra neste artigo de opinión a figura do que denomina “un dramaturgo crítico e retranqueiro”, “un home polifacético ligado á emerxencia do sistema teatral galego, incompresible sen as súas achegas”.
Autor de referencia para o teatro, o audiovisual e a cultura galega en xeral, Vidal Bolaño falece no 2002 con tan só 52 anos cando estaba no mellor da súa vida creativa. Xosé Henrique Costas lembra neste artigo como, ao pouco de producirse esta morte tan extemporánea, o Consello de Goberno da Universidade decidiu bautizar o teatro do campus de Vigo como Teatro Roberto Vidal Bolaño.
Martes, 30 de abril do 2013

Co gallo do 1º de Maio

6.202.700 razóns para reivindicar os dereitos dos traballadores. Por Francisca Fernández Prol


ImageA sociedade española ten que enfrontarse a unha realidade non vivida nunca antes: unha taxa de desemprego que supera o 27% a nivel nacional, o 57% cando se fala de menores de 25 anos. Unhas taxas tras as que se agochan historias de "mozos e mozas que teñen vetado o acceso ao mercado laboral", de traballadores e traballadoras cunha ampla experiencia profesional pero "laboralmente desafiuzados" ou expostos "a un poder empresarial cada día máis arbitrario”. Estes son os alicerces do artigo de opinión escrito por Francisca Fernández Prol, profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidad de Vigo, co gallo do Día Internacional dos Traballadores. Experta en salario en especie, folga en servizos esenciais, pluriemprego e pluriactividade, as súas investigación céntranse na actualidade na Política Europea de Emprego, na conciliación da vida persoal e familiar e na igualdade de trato e non discriminación por mor do xénero.
<< Inicio < Ant. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 Seg. > Remate >>
Resultados 1 - 6 de 49

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós