DUVI. Diario da Universidade de Vigo

Xeral

Luns, 25 de xaneiro do 2016

Este luns tiveron lugar os actos de recepción en Vigo e Pontevedra e mañá martes será en Ourense

A Universidade de Vigo volve marcar un máximo histórico con 586 estudantes estranxeiros

O país de procedencia máis numeroso é Italia e o centro máis internacional Filoloxía e Tradución


ImageCon 586 estudantes estranxeiros nos tres campus durante este curso, a Universidade de Vigo volve marcar un máximo histórico como institución de acollida internacional. Tras acadar unha cifra récord o curso pasado con 557, desta volta o número de alumnos e alumnas que estudan Vigo, Ourense e Pontevedra ao abeiro dos programas internacionais de mobilidade volve medrar, principalmente no campus olívico. Dos 586 estudantes foráneos recibidos neste ano, 137 cursaron nos tres campus o curso completo, 240 o primeiro cuadrimestre e 209 o segundo. Deles, 203 son homes e 383 mulleres. Por campus, Vigo continúa sendo o destino principal recibindo 436 estudantes, fronte aos 408 do curso pasado. En Pontevedra recalan 101, fronte aos 88 do anterior curso e en Ourense a cifra diminúe dos 61 aos 49. No tocante ao país de procedencia, o máis numeroso é Italia (85), seguido de Alemaña (78) e México (70).
Xoves, 22 de setembro do 2011

A países clásicos como Alemaña ou Italia engádense outros como Corea, Taiwan ou Senegal

A Universidade máis internacional dá a benvida a 427 estudantes dos cinco continentes

O vicerreitor destaca que o ano pasado se asinaron máis de 50 convenios con países de fóra da Unión Europea


ImageA países xa clásicos como Alemaña, Italia, Polonia, Brasil ou México engádense este curso outros como a República de Corea, Taiwan ou Senegal. Son 427 mozas e mozos e chegan dos cinco continentes. A Universidade dá esta semana a benvida aos estudantes estranxeiros de intercambio, fíxoo hoxe aos 380 que van estudar en Vigo e Pontevedra e farao mañá en Ourense, campus que foi elixido por 47 destes alumnos.
Encantados coas cidades que os acollen, “moi bonitas e con moitos espazos verdes”, a maior parte deles levan xa arredor de tres semanas nos campus. A gran maioría chegan como bolseiros Erasmus (325), pero esta non é a única opción, tal como explicaba o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, quen salientou que o curso pasado “asinamos máis de 50 novos convenios con universidades de fóra da UE”.

Venres, 03 de xuño do 2011

As probas terán lugar os días 8, 9 e 10 de xuño

O 41,6% do alumnado galego examinarase de selectividade nos tres campus da Universidade

Este ano a matrícula subiu en Galicia en máis de 1000 alumnos, acadando a cifra de 10.163 inscritos


ImageA vindeira semana 4232 mozas e mozos faran as Probas de Acceso á Universidade (PAU) en diferentes centros dos tres campus da Universidade de Vigo, unha cifra que supón o 41,6 por cento do total galego e que converte á institución académica viguesa na universidade galega con máis alumnos matriculados para realizar estas probas. A cita será o 8, 9 e 10 de xuño. Cun total de 10.163 alumnos matriculados, as probas acadan este curso un incremento dun 11% de matrícula con respecto ao 2010, o que supón que este ano realizarán os exames máis de 1000 alumnos ca o ano pasado.


Mércores, 12 de xaneiro do 2011

Co Plan Boloña aumenta o peso da docencia na nota final

Os exames xa non dan tanto medo

A Universidade estrea o primeiro calendario único de avaliación totalmente adaptado a Europa


ImageO traballo diario ten moito que ver na nota final. É o que están a comprobar os alumnos e alumnas da Universidade de Vigo que dende hoxe e ata o vindeiro 27 de xaneiro afrontan o primeiro calendario único de avaliación inmerso totalmente no Plan Boloña, onde a docencia gaña peso e a cualificación do estudante é unha mestura entre os exames e o traballo realizado ao longo do cuadrimestre. A proba conta entre un 50 e un 60%, “dependendo da materia”, o que dá moita tranquilidade aos que estes días terán que examinarse. “Eu sempre estiven en grupos reducidos, como co novo plan, e iso ten inconvenientes e vantaxes, unha delas é ter unha avaliación continua. Dá seguridade que non te xogues todo a unha carta”, explica Adrián, estudante de 4º de Filoloxía Galega.
Luns, 29 de xuño do 2009

Máis do 88% dos alumnos galegos superan as probas de acceso á universidade

Dos 8845 que se presentaron á selectividade, 7787 aprobaron


O 88,04% dos estudantes do ensino secundario que realizaron os pasados 17, 18 e 19 de xuño as probas de acceso á universidade acadaron a cualificación de aptos. A listaxe publicada esta tarde pola Comisión Interuniversitaria de Galicia amosa un descenso do número de aptos con respecto ao curso pasado, no que superaron as probas o 88,57%.
No que se refire ás opcións, a vía correspondente ás Artes é a que presenta un maio índice de aprobados, cun 93,55% fronte á de Ciencias Sociais que acadou un 82,59%.
<< Inicio < Ant. 1 2 Seg. > Remate >>
Resultados 1 - 9 de 15

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós