DUVI. Diario da Universidade de Vigo

Xeral

Luns, 09 de xullo do 2012

No congreso 'O reto de adaptar a educación ao século XXI'

A educación do futuro comeza a xerminar da man de docentes e profesionais do sector

As xornadas, dirixidas polo profesor e presidente de AGPTU, Pedro Pablo Gallego, inauguráronse este luns


ImageO congreso O reto de adaptar a educación ao século XXI botou a andar este luns co obxectivo de converterse nun punto de encontro para que o intercambio de puntos de vista entre profesionais da educación permita encamiñar o mundo educativo cara a excelencia. Nun contexto nada favorable, Carmen Guaite, vicepresidenta nacional da Asociación Nacional de Profesionais da Ensinanza, ANPE, comezou reclamando o importante papel dos docentes como profesión fundamental para o cambio social, a superación da crise e a configuración do futuro. Para Guaite, o principal problema co que nos atopamos ao falar de educación é que “por primeira vez na historia da humanidade, os profesores temos que explicar para que servimos, cando somos nós os que preparamos a sociedade que está por vir, cando somos o laboratorio onde xermina o futuro”.
Mércores, 07 de decembro do 2011

Entregaranse dous galardóns de 3000 euros aos proxectos máis innovadores

O 23 de decembro remata o prazo de inscrición no Premio Marine Inova

Promovido por Marine Instruments SA e Inova Consultores, en colaboración co Campus do Mar


Enerxías renovables, electrónica, física, informática, telecomunicacións, exploración e monitorización mariña e vehículos non contaminantes son os ámbitos nos que se deberán encadrar os proxectos que concorran á segunda edición do Premio Marine Innova, un galardón promovido polas empresas Marine Instruments S.A e Inova Consultores en Excelencia e Innovación Estratégica SL, en colaboración co Campus do Mar. Cursar estudos de grao, posgrao ou doutoramento en calquera das titulacións que se imparten nas universidades que integran o campus de excelencia internacional e ser menor de 30 anos, son as condicións que deben cumprir as persoas que queiran presentar un proxecto ao premio creado coa finalidade de promover a innovación tecnolóxica entre o estudantado e apoiar o espírito emprendedor.

Luns, 09 de novembro do 2009

Comezan as actividades da Semana da Ciencia 2009

A Universidade amosa a cara máis divertida da ciencia

Robots e enerxía nos obradoiros da primeira xornada


ImageSe a ciencia e a tecnoloxía son sempre dous dos eixes sobre os que se vertebra a vida nos campus, chegado o mes de novembro cobran un protagonismo especial da man da xa clásica Semana da Ciencia que hoxe botou a andar e que, ata o vindeiro día 23, porá en marcha multitude de actividades que invitan á sociedade a achegarse dun xeito ameno ás diferentes ramas do coñecemento científico.
Durante estes quince días a astronomía, a bioloxía, as ciencias do mar e da terra ou a robótica brillarán con luz propia esperando a que os participantes, na súa maioría estudantes de ensinanza secundaria e bacharelato, aprendan sobre ciencia, se afagan a ela e atopen respostas a moitas cuestións que a diario se formulan na vida real. Nesta primeira xornada os protagonistas foron os robots na ETSE de Telecomunicación e os obradoiros de enerxía, materiais e medio ambiente na ETSE de Minas.
Mércores, 27 de maio do 2009

Supón un incremento dun 9% con respecto ao anterior exercicio

A Universidade ingresou no 2008 once millóns de euros por actividades de I+D+i

A Memoria da OTRI recolle tamén datos de patentes e de novas empresas spin-off


ImageA Universidade de Vigo desenvolveu no ano 2008 preto dun millar de actividades de I+D+i por valor de once millóns de euros, dos cales 7,3 se corresponden a contratos con empresas, 2,2 a acordos con fundacións, asociacións sen ánimo de lucro e centros tecnolóxicos privados, entre outros, e 1,5 á administración pública. A cifra, segundo se reflicte na memoria de OTRI, supón un despegue de case un 9% con respecto ao ano anterior, cando a institución xa ingresara por este concepto algo máis de 10 millóns de euros.
No ano 2008 foron contratados para realizar algún tipo de actividade de I+D+i 38 departamentos, que representan o 73% do total da Universidade de Vigo. Algún deles, como o Departamento de Pintura, contratou por 1ª vez nesta anualidade.
O maior volume de facturación deste ano correspondeulle ao Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións, con máis de 1,5 millóns de euros, seguido do de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmico e Fluídos (1,4), Enxeñaría Telemática (1,3), Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía (1,05) e Organización de Empresas e Marketing (1,04).
Luns, 26 de xaneiro do 2009

Coa colaboración da Xunta e as Universidades de Vigo, Santiago e A Coruña

Bugalicia presenta un orzamento de 5 millóns de euros que favorecerá a investigación e a produción científica on line

Cada un dos 6.441 investigadores do SUG contará cunha axuda de 765 euros


O Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia presentou o seu orzamento para 2009 e a previsión de gasto en recursos electrónicos de información para a comunidade científica das universidades galegas, docentes e estudantes de terceiro ciclo. 5,1 millóns de euros é a cantidade á que ascende este ano o orzamento de Bugalicia, dos cales 3,2 proceden do esforzo inversor das tres universidades e o 1,9 do Goberno galego. Desta cifra, 4.930.324 euros empregaranse na contratación de recursos electrónicos de información científica repartidos entre os 6.441 investigadores adscritos na actualidade ao Sistema Universitario de Galicia, o que supón un investimento de 765 euros per cápita.
Martes, 30 de decembro do 2008

Segundo se desprende dun estudo de produción científica elaborado por Bugalicia

O 75 por cento da produción científica do Cesga publicouse en revistas científicas de alto factor de impacto

Dez teses da Universidade de Vigo empregaron os supercomputadores deste centro

Un 73.20 % das investigacións realizadas por investigadores que empregaron os servizos do Centro de Supercomputación de Galicia, Cesga, publicouse en revistas científicas de alto factor de impacto, tipo A, segundo se desprende dun estudo elaborado polo Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia. Entre os anos 2002 e 2007 publicarónse 1200 documentos, dos que 582 foron artigos, 438 presentacións de ponencias e pósteres en congresos nacionais e internacionais e 78 concretáronse na realización de teses, das que 10 pertencen á Universidade de Vigo.

<< Inicio < Ant. 1 2 3 4 Seg. > Remate >>
Resultados 1 - 6 de 23

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós