DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 08 de setembro do 2015

En Europa só media ducia de centros contan con este certificado

A ENAC acredita a calidade do laboratorio vigués de medición de exposición a campos electromagnéticos

As instalacións puxéronse en marcha en 2014 no seo do centro de investigación AtlantTIC


ImageNun escenario como o actual, cunha sociedade especialmente sensibilizada cos niveis de radiación electromagnética que a rodean e necesitada de comprobar que eses niveis cumpren coa normativa de protección da saúde, a Universidade de Vigo puxo en marcha en 2014 o Laboratorio Antelia, unha infraestrutura que naceu para atender unha necesidade real, non só do mercado senón da sociedade en xeral. Apenas pasou un ano desde asúa posta en marcha e, dende entón, o centro foi xa acreditado pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) para a realización de diferentes ensaios relacionados coa comprobación dos niveis de radiación, o que o sitúa como referente internacional neste ámbito e lles servirá como punta de lanza para a prestación de servizos de alto valor engadido ao sector industrial e a sociedade en xeral.

D. Besadío | Vigo
Nun escenario como o actual, cunha sociedade especialmente sensibilizada cos niveis de radiación electromagnética que a rodean e necesitada de comprobar que eses niveis cumpren coa normativa de protección da saúde, a Universidade de Vigo puxo en marcha en 2014 o Laboratorio Antelia, unha infraestrutura que naceu para atender unha necesidade real, non só do mercado senón da sociedade en xeral. Apenas pasou un ano desde asúa posta en marcha e, dende entón, o centro foi xa acreditado pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) para a realización de diferentes ensaios relacionados coa comprobación dos niveis de radiación, o que o sitúa como referente internacional neste ámbito e lles servirá como punta de lanza para a prestación de servizos de alto valor engadido ao sector industrial e a sociedade en xeral.

Creado no seo de AtlantTIC -Centro de investigación en Tecnoloxías de Información e a Comunicación- e dirixido polo catedrático de Teoría da Sinal e das Comunicacións Manuel García Sánchez, unha das actividades máis destacadas do laboratorio é precisamente a comprobación dos niveis de radiación electromagnética na contorna de estacións de telefonía ou instalacións singulares como liñas de alta tensión ou centros de transformación eléctrica.

“A competencia e imparcialidade está á altura das esixencias internacionais”

Con recoñecemento internacional en máis de 60 países, recibir a acreditación ENAC “supón demostrar que a competencia e imparcialidade está á altura das esixencias internacionais”, subliña o director do laboratorio, ao tempo que explica que a acreditación recibida foi a Nº1141/LE2222 para a realización dos seguintes ensaios: medidas “in situ” de exposición de persoas a campos electromagnéticos (vista rápida do ambiente readioléctrico 100 KHz-3 GHz)e medida de ganancia de antenas (1 GHz-50 GHz), “parámetro co que se mide a capacidade dunha antena de captar unha onda electromagnética e entregala ao receptor”, aclara o catedrático vigués, que fai fincapé en que a nivel europeo só hai arredor de media ducia de laboratorios cunha acreditación similar para realizar este tipo de medidas.

No caso español, en medición de antenas só hai outro laboratorio destas características -situado en Madrid- e en contaminación electromagnética tres ou catro, todos eles na zona de Levante. “Nós somos os primeiros acreditados en Galicia”, aclara o docente, que resalta o feito de que o laboratorio naceu “para facilitar a oferta deste tipo de servizos a entidades e empresas” e, dende entón, realizaron xa arredor dunha ducia de cada unha destas probas.

A maiores destes ensaios ‘in situ’, o centro dispón dunha cámara anecoica, situada na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, para a medida de ganancia e diagrama de radiación de antenas “ensaios de gran valor para o mercado e requisito indispensable para a certificación das súas prestacións”.

Incorporación de novos servizos en función da demanda

Ademais das medidas dos niveis de radiación e de ganancia das antenas, o laboratorio realiza outro tipo de medicións relacionadas co mundo das antenas, como o diagrama de radiación e a impedancia “e no futuro iremos incorporando outros ensaios en función da súa posible demanda”, explica o director, cabeza visible dun equipo do que tamén forman parte un director de calidade, un director técnico e unha técnica, seguindo a estrutura marcada pola ISO 17025 para laboratorios de ensaio.

“Na actualidade é bastante habitual atopar persoas ou colectivos con preocupacións serias polos niveis de radiación electromagnética, ás veces ata tal extremo de inquedanza que lles chega a afectar á súa vida cotiá”, explica o director de Antelia, ao tempo que fai fincapé en que o principal obxectivo co que este laboratorio se puxo en marcha é proporcionarlle a estas persoas unha medida fiable do campo electromagnético, realizada seguindo unha norma de calidade acreditada.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós