DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 23 de febreiro do 2016

María Martiña Eslava analizou na súa tese a influencia da contorna familiar nesta etapa

Os estudos e profesión dos proxenitores e o acceso a Internet condicionan a aprendizaxe preescolar

Co obxectivo de mellorar a prevención e intervención educativa neste eido


ImageDurante a primeira infancia, a familia na que un neno ou unha nena medra é a influencia máis directa e importante no seu desenvolvemento, compartindo no momento da súa escolarización a responsabilidade educadora coa escola. Neste contexto, existe un crecente interese por estudar o impacto que teñen as variables estruturais familiares na aprendizaxe nos primeiros anos de vida e identificar os preditores do rendemento escolar. Na súa tese de doutoramento, a psicóloga María Martiña Eslava estudou en profundidade as variables de carácter contextual familiar que interveñen e/ou condicionan o desenvolvemento e a aprendizaxe adquiridos polo alumnado de tres a seis anos, destacando o papel que xogan os estudos e nivel profesional dos proxenitores e o acceso a Internet. “A clave é a creación de contornas estimulantes para o neno ou nena, espazos compartidos nos que poidan adquirir habilidades”, afirma a investigadora.

Rosa Tedín | Ourense
Durante a primeira infancia, a familia na que un neno ou unha nena medra é a influencia máis directa e importante no seu desenvolvemento, compartindo no momento da súa escolarización a responsabilidade educadora coa escola. Neste contexto, existe un crecente interese por estudar o impacto que teñen as variables estruturais familiares na aprendizaxe nos primeiros anos de vida e identificar os preditores do rendemento escolar. Na súa tese de doutoramento, a psicóloga María Martiña Eslava estudou en profundidade as variables de carácter contextual familiar que interveñen e/ou condicionan o desenvolvemento e a aprendizaxe adquiridos polo alumnado de tres a seis anos, destacando o papel que xogan os estudos e nivel profesional dos proxenitores e o acceso a Internet. “A clave última é a creación de contornas estimulantes para o neno ou nena, espazos compartidos nos que poidan adquirir habilidades que logo lles levarán a adquirir máis habilidades”, afirma a investigadora.

Máis de 400 nenos e nenas de tres a seis anos

A tese foi dirixida por Manuel Deaño e Sonia Alfonso e presentada na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense co título Contornas familiares e aprendizaxe preescolar. “A aprendizaxe é un proceso continuo que se desenvolve desde o nacemento e que está marcado por etapas nas que se produce a consolidación do adquirido, con cambios de orientación nos comportamentos dos nenos e nenas”, indica a xa doutora. Segundo explica, os tres, catro e cinco anos son períodos de adquisición de aprendizaxes iniciais onde a familia como primeira contorna de socialización ten unha influencia moi importante. Son idades nas que, sinala Eslava, se pode observar como os menores se inclinan por unhas formas de reaccionar ou cara outras ou se pode ver en que grao aceptan o que se lles está ensinando e como o incorporan dunha maneira máis ou menos inconsciente ao seu acervo de coñecementos ou como o utilizan para o seu propio crecemento.

O estudo realizado, que xorde coa intención de axudar a reducir as dificultades de aprendizaxe derivadas da desigualdade, parte “do desexo inicial de profundar naquelas variables externas ao neno pero que forman parte do seu contexto inmediato e que teñen un grande impacto no seu desenvolvemento durante os primeiros anos de vida, como son aquelas relativas á contorna e características familiares”. Este foco de interese cristalizou en tres estudos de carácter empírico realizados con máis de 400 nenos e nenas de tres a seis anos de diferentes puntos de Galicia. Resultado da investigación, Eslava Nodar salienta que “conforme ao esperado, as habilidades básicas para a aprendizaxe formal adquírense pola influencia conxunta das variables da experiencia obtida no curso e o nivel de estudos do pai e da nai”. Alén de incidencias concretas de variables, o máis importante para a aprendizaxe do infante, conclúe, é a creación de “contornas cognitivas estimulantes”, experiencias compartidas entre os nenos e nenas e os proxenitores, como o xogo, a conversación, a lectura compartida, actividades de ocio ou o uso de Internet e as TICs. Estas formas son as que contribúen ao desenvolvemento das súas habilidades, como o desempeño verbal e a alfabetización.

O rendemento escolar

Entres os aspectos concretos detectados durante a investigación, atopouse que “a variable nivel de estudos do pai influencia significativamente as puntuacións de rendemento dos escolares, mostrando un incremento diferencial das mesmas en función dos estudos do proxenitor". Tamén se encontrou que a actividade laboral da nai inflúe no desenvolvemento das habilidades básicas para a aprendizaxe. “Os fillos de nais con categorías profesionais máis altas obteñen mellores desempeños no rendemento escolar, non resultando estatisticamente significativa a categoría ocupacional do pai”, indícase na tese de doutoramento. Pola súa banda, o nivel de estudos da nai pasa a ser unha variable fortemente relacionada co rendemento educativo dos fillos en 4º e 5º curso de Educación Infantil.

O acceso a Internet, sinala a investigadora, tamén influencia significativamente as puntuacións de rendemento escolar. “Ter acceso a Internet no fogar supón unha maior puntuación nas habilidades preescolares dos nenos e nenas, fronte aos que non dispoñen deste recurso na súa casa”, afirma. A importancia deste resultado, indica a investigadora, está en que enfatiza a existencia dunha fenda dixital para a escolaridade, dado que case a metade dos fogares non dispoñen deste acceso á rede. “Hoxe en día sabemos que Internet intervén no desenvolvemento da vida familiar, modificando hábitos e costumes dos membros que a compoñen, se ben queda moito por coñecer sobre como afectan eses cambios ao desempeño académico dos fillos e/ou como utilizar a rede para potenciar os logros educativos”, recolle a tese de doutoramento. O uso de Internet e as TIC, apunta, ten sido interpretado a estas idades como un lugar común de participación de pais e fillos, uns recursos que permiten aos proxenitores desenvolver actividades estimulantes que potencian o desenvolvemento e a aprendizaxe dos menores, creando contornas nas que os nenos e nenas se senten implicados activamente e onde as tarefas que se levan a cabo teñen sentido para eles.

Os papeis cambian en habilidade verbal

Os resultados mostraron tamén que a educación dos pais e a actividade laboral do pai predín o desempeño cognitivo da habilidade verbal, cuantitativa, espacial, de memoria auditiva e de viso-motricidade dos nenos de educación preescolar de catro e cinco anos de idade. A influencia da actividade laboral do pai foi diferencial para a habilidade verbal desta idade; a educación da nai foino na habilidade cuantitativa e espacial e ambos por igual fórono na habilidade viso-motriz. Ademais, os resultados mostraron que, en nenos de educación preescolar de tres anos de idade, a educación da nai predí o desempeño da habilidade morfosintáctica de modo único; a dispoñibilidade de medios electrónicos predí de modo único o uso da habilidade fonolóxica e a educación da nai, conxuntamente coa dispoñibilidade de medios audiovisuais e o acceso a Internet, predín a comprensión verbal.

Evidenciando a desigualdade de oportunidades

Á vista de todos estes datos, apunta a investigadora, non deixa de ser “desconcertante constatar as desigualdades tan grandes de oportunidades para os nenos e nenas, mesmo nunha sociedade democrática como a española”. Así, lembra, aínda que moitos nenos son capaces de aproveitar as oportunidades que teñen para unha aprendizaxe axeitada outros non conseguen facelo e fracasan. “Pola contra, moitos deles superan a falta de oportunidades atopando físgoas de resiliencia polas que escapar dos seus condicionantes e conseguir logros non esperados”, subliña Eslava Nodar. A través da súa experiencia laboral con familias en risco, en centros de protección de menores e no proxecto de acollemento familiar de Cruz Vermella, indica, puido “observar como os factores sociofamiliares inciden nas aprendizaxes dos nenos desde idades moi temperás e non só na adquisición das competencias escolares senón tamén na conformación de actitudes e valores; aqueles que posibilitan o desenvolvemento das aptitudes intelectuais e emocionais, básicas ambas para lograr unha personalidade equilibrada e unha adaptación á vida social e laboral na idade adulta”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós