DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 18 de marzo do 2016

Estudantes de cinco universidades presentaron en Bruxelas as campañas que deseñaron para Unicef

CCSS e da Comunicación gaña o concurso internacional XMINT Project

O alumnado vigués centrou o seu proxecto nunha aplicación para móbiles


ImageUnha aplicación para teléfonos móbiles, na que a través dunha “estratexia de gamificación” implicar á cidadanía nas actividades humanitarias que desenvolve Unicef. Esta idea foi o eixo da campaña de captación de socios coa que un grupo de cinco estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación vén de converterse no gañador do concurso internacional XMINT Project. Os alumnos da institución viguesa competiron nesta iniciativa, coordinada pola universidade belga Karel de Grote, cos equipos procedentes das universidades de Grenoble (Francia), Northumbria (Reino Unido), Katowice (Polonia) e Charlemain (Bélxica).

Duvi | Pontevedra
Unha aplicación para teléfonos móbiles, na que a través dunha “estratexia de gamificación” implicar á cidadanía nas actividades humanitarias que desenvolve Unicef. Esta idea foi o eixo da campaña de captación de socios coa que un grupo de cinco estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación vén de converterse no gañador do concurso internacional XMINT Project. Os alumnos da institución viguesa competiron nesta iniciativa, coordinada pola universidade belga Karel de Grote, cos equipos procedentes das universidades de Grenoble (Francia), Northumbria (Reino Unido), Katowice (Polonia) e Charlemain (Bélxica), que na tarde deste venres presentaron as súas campañas na sede de Unicef en Bruxelas.

Iago Souto, Alba Martín, Isabel Rey, Marta Caeiro e Ángel Rey son os cinco estudantes de Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual que representaron á Universidade de Vigo nesta iniciativa, centrada no desenvolvemento dunha campaña publicitaria “crossmedia” para Unicef. Un reto que implicaba a combinación de diferentes medios e soportes e que, no caso do equipo desta facultade do campus pontevedrés, tivo como elemento central unha aplicación para móbiles destinada a fomentar ás doazóns a esta organización e na que “a través dunha estratexia de gamificación, buscabamos achegar un valor engadido para que as persoas quixesen ter a aplicación no seu móbil e que, ao mesmo tempo, se fosen concienciando”, explicaba días atrás Ángel Rey, un dos integrantes do equipo que, xunto con Xabier Martínez Rolán, desprazouse esta semana a Bruxelas para representar á Universidade nesta competición internacional, na que este grupo de estudantes contou coa colaboración da Oficina de Relacións Internacionais (ORI) da Universidade.

“Tratábase dunha aplicación para potenciar as doazóns, na que se facía unha equivalencia entre cousas ás que podías renunciar na túa vida e o que podías achegar a Unicef”, explica Vicente Badenes, outro dos profesores encargados de titorizar este proxecto, no que, como lembra “os alumnos competiron con universidades moi potentes”. Nese senso, Badenes salienta que “fixeron un gran traballo en pouco tempo e a verdade é que é un proxecto destes que enorgullece”. Nese senso, este docente pon o acento no valioso desta experiencia e o que “pode achegar alumnado a nivel curricular”, ao tempo que incide en que se trataba dunha “competición-colaboración, na que o premio era xa participar e presentar o teu proxecto na sede de Unicef en Bruxelas”.

Xabier Rolán, pola súa banda, destacou "o alto nivel" dos proxectos de todas as universidades, que foron avaliados por un xurado composto por tres representantes de Unicef e un de cada unha das universidades participantes, que non podían votar polo seu propio equipo. A análise previa realizada, a creatividade, os contidos do plan,a presentación e o material entregado na mesma foron os criterios da avaliación realizada na "primeira edición dun proxecto que nace con vocación de continuidade" e no que, como salienta, "os representantes dde Unicef quedaron sorprendidos coa calidade e a paixón das diferentes propostas".

O colofón aos meses de traballo

Os profesores Oswaldo García, Mabel Míguez, Vicente Badenes e Xabier Martínez Rolán foron os encargados de coordinar o traballo deste grupo de alumnos, que desde o mes de xaneiro veñen desenvolvendo un proxecto que, en primeiro termo levounos a estudar campañas previas, tanto desta organización como doutras ONG, así como á realización de enquisas e a análise de diferentes estudos. A partires de aí, os estudantes comezaron a traballar no deseño dunha campaña na que fan uso de diferentes soportes, desde medios gráficos e audiovisais ata redes sociais. “Empregamos todos os medios que encaixaban ben na nosa idea”, engadía nese senso, días antes de partir cara Bruxelas, a estudante Marta Caeiro.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós