DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 09 de decembro do 2016

Os dous primeiros logran a acreditación de centros de investigación singulares

Cinbio, Océano-Ecimat e AtlantTIC acadan máis de 4,7 millóns de euros pola súa excelencia investigadora

Pola súa banda, AtlantTIC reconfírmase como agrupación estratéxica consolidada


Image Máis de 4,7 millóns de euros vén de acadar a Universidade de Vigo na convocatoria de axudas para a acreditación, estruturación e mellora dos centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema Universitario de Galicia. A resolución da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que hoxe publica o DOG, resolve a concesión de 1,7 millóns de euros, respectivamente, para o Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, e para Océano-Ecimat, na modalidade de centros singulares de investigación e de 1,2 millóns de euros no caso de AtlantTIC como agrupación estratéxica consolidada. Do total dos 13,2 millóns de euros que a Xunta concede nesta convocatoria a centros e agrupacións singulares das tres universidades galegas, Vigo acadou algo máis do 35% do total das axudas.

Duvi | Vigo
Máis de 4,7 millóns de euros vén de acadar a Universidade de Vigo na convocatoria de axudas para a acreditación, estruturación e mellora dos centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema Universitario de Galicia. A resolución da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que hoxe publica o DOG, resolve a concesión de 1,7 millóns de euros, respectivamente, para o Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, e para Océano-Ecimat, na modalidade de centros singulares de investigación e de 1,2 millóns de euros no caso de AtlantTIC como agrupación estratéxica consolidada.

Do total dos 13,2 millóns de euros que a Xunta concede nesta convocatoria a centros e agrupacións singulares das tres universidades galegas, a Universidade de Vigo acadou algo máis do 35% do total das axudas, que se prolongarán durante catro anualidades, desde 2016 a 2019. A convocatoria impulsada pola Consellería de Educación co obxectivo de recoñecer a excelencia investigadora de centros e agrupacións estratéxicas contaba inicialmente cunha partida de 18,2 millóns de euros, financiados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Feder. Ao non acadar os proxectos o importe máximo da subvención, a partida finalmente repartida entre os destinatarios das axudas quedou fixada en 13.2 millóns de euros, acumulándose a parte restantes para vindeiras convocatorias.

Cinbio e Océano-Ecimat, novos centros singulares de investigación de Galicia

O Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, nacido coa finalidade de crear unha infraestrutura común para o persoal investigador especializado en biomedicina da Universidade de Vigo, confírmase xunto a Oceáno-Ecimat como novos centros singulares de investigación de Galicia. En ambos os dous casos percibirán 250.000 euros este 2016 e medio millón de euros nos anos 2017, 2018 e 2019, ata completar o total do 1,7 millóns de euros da axuda, que no caso de Cinbio permitiralle continuar avanzando o traballo que desde hai anos desenvolven en investigación básica, aplicada e clínica. "Isto supón realmente un recoñecemento á calidade dos investigadores de Cinbio e vai a permitir da máis visibilidade á excelencia que existe na Universidade no ámbito da biomedicina", asegura África González, directora de Cinbio. González considera que a consideración de centro singular, xunto co apoio económico axudaralles a medrar, a posicionarlle mellor internacionalmente e "polo tanto dar un salto cualitativo e cuantitativo. Queremos ser un buque insignia en biomedicina, onde a nosa principal característica e identidade é a existencia de grupos multidiciplinares de diversos ámbitos. Só asi cremos que é posible facer ciencia de excelencia".

No caso de Océano-Ecimat, Antonio Villanueva, xestor da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, considera esta concesión “un recoñecemento ao traballo que a Universidade de Vigo desenvolve no ámbito mariño, ao tempo que permite unificar nunha estrutura organizativa todas as capacidades da institución na investigación mariña”. A maiores, o xestor da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla cre que a acreditación como centro singular de investigación de Galicia de Océano-Ecimat é un “selo de excelencia” que supón unha proxección a moitos niveis, ademais dun “impulso económico que nos permitirá unha maior repercusión internacional”.

“Gasolina” para un AtlantTIC que aspira a máis

Dende AtlantTIC o investigador Carlos Mosquera aclara que levan recibindo este tipo de axudas desde que se crearon. “A primeira vez que a Xunta as sacou foi no 2006 e, dende entón, sempre nos beneficiamos delas, se ben AtlantTIC non se constituíu como tal ata o 2011”, subliñou o investigador, que resaltou tamén o “moitísimo xogo” que achegan as agrupacións estratéxicas para fomentar o labor investigador na Universidade. “Neste caso, ademais, estamos a falar do desenvolvemento de sectores tan estratéxicos para Vigo como son as ciencias da vida, no senso máis amplo, e as telecomunicacións”, apuntou Mosquera.

Respecto á renovación da axuda, Mosquera considera que se trata de “seguir na carreira, pero para nós non é suficiente, o importante é seguir traballando e aspirando a máis, pois o obxectivo é ser un centro de investigación de referencia, non só a nivel galego, e para logralo hai que traballar moito”, recalcou o investigador, que insistiu en que “esta axuda é a gasolina para seguir tirando, pero precisamos moito máis”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós