DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 15 de decembro do 2016

Celso Cancela é un dos coordinadores dun libro homenaxe ao catedrático da UAB Francesc Morata

24 olladas ás institucións, fronteiras e gobernanza europeas

A publicación intégrase na colección da Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo


ImageO proceso de integración europea e o papel que xogan na actualidade as institucións comunitarias, a gobernanza e a participación cidadá nas políticas públicas ou a cooperación transfronteiriza constitúen tres dos eixos de Europa, políticas públicas y gobernanza, un libro que profesores da Universidade de Vigo e da Autónoma de Barcelona impulsaron como homenaxe ao catedrático desta última institución Francesc Morata. 28 investigadores e investigadoras de diferentes países participan nun libro que, a través de 24 artigos, propón unha ollada “a liñas de traballo de plena actualidade en relación coa Unión Europea”, como salienta Celso Cancela.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
O proceso de integración europea e o papel que xogan na actualidade as institucións comunitarias, a gobernanza e a participación cidadá nas políticas públicas ou a cooperación transfronteiriza que trouxo consigo a UE constitúen tres dos eixos de Europa, políticas públicas y gobernanza, un libro que profesores da Universidade de Vigo e da Autónoma de Barcelona impulsaron como homenaxe ao catedrático de Ciencia Política desta última institución Francesc Morata, falecido en 2014. 28 investigadores e investigadoras de diferentes universidades españolas, británicas, francesas ou italianas participan nun libro que, a través de 24 artigos, propón unha ollada “a liñas de traballo de plena actualidade en relación coa Unión Europea”, como salienta o profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Celso Cancela, coordinador desta publicación xunto cos investigadores da UAB Antoni Durá e Andrea Noferini.

Publicado por Andavira, dentro da colección que coordina a Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo, a publicación que "pretende ser un agradecemento a unha persoa que nos mantivo unidos traballando nunhas liñas de investigación moi determinadas" comezou a xestarse na celebración no campus pontevedrés, en xuño de 2015, do I Congreso Internacional de Fronteiras Comparadas, como apunta Cancela deste traballo homenaxe a un “europeísta”, que foi ademais un dos impulsores da Recot, a Rede Europea de Cooperación Territorial, constituída no 2007 en Allariz.

Catro liñas coas que achegarse á realidade comunitaria

Co propósito de afondar en varias das liñas de investigación que centraron a traxectoria do homenaxeado, a publicación estrutúrase en tres bloques, centrados no proceso de integración europea, as institucións e políticas públicas comunitarias, a gobernanza, e as fronteiras e a cooperación territorial, xunto cun cuarto apartado, “con achegas de corte máis persoal” , centrado na tarxectoria académica de Morata. Deste xeito, explica Cancela, o libro aborda cuestións como a gobernanza comunitaria, “un tema candente desde o momento no que estala a crise do euro”, a incidencia da UE nos estados como “unha fábrica de políticas públicas en ámbitos como o medio ambiental”, ou a cooperación transfronteiriza, "un tema que segue sendo clave" nos programas comunitarios.

Esta reflexión colectiva conta con varias achegas dos investigadores da Área de Ciencia Política e da Administración, como a reflexión sobre a “gobernanza multinivel” que realizan o catedrático Argimiro Rojo e o profesor Enrique Varela. Mónica López Viso e Constantino Cordal, pola súa banda, propoñen nesta publicación unha análise sobre a participación dos entes locais na xestión compartida dos fondos estruturais e o seu papel no requilibrio territorial, mentres que Cancela e Álvaro López Mira afondan en “como Europa se constrúe nas súas fronteiras”, nun estudo sobre cooperación transfronteiriza.

Presentada recentemente polo Centro de Documentación Europea da UAB nunhas xornadas promovidas pola Recot que contaron coa participación de Cancela, Rojo e Varela, esta publicación forma parte da colección de Ciencia Política e da Administración que este grupo de investigación coordina desde o ano 2005 e que agora buscan “impulsar novamente coa ampliación do comité científico” e con publicacións como estaou o libro de actas do Congreso de Fronteiras Comparadas, que verá a luz a comezos de 2017.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós