DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 20 de decembro do 2016

Xurxo Airas analizou as situacións de folgas ilegais e folgas abusivas

Unha tese defende a necesidade dunha norma específica reguladora do dereito á folga

A falta de desenvolvemento no ordenamento xurídico “pon en entredito a madurez do sistema democrático”


ImageA folga é un dereito fundamental que aparece en el Título I, dos dereitos fundamentais e, na Sección 1ª, das liberdades públicas, pero carece dunha regulación específica. Para o docente e licenciado en Dereito Xurxo Airas a inexistencia dunha lexislación desenvolvida no ordenamento xurídico “pon en entredito a madurez do noso sistema democrático de dereito” e faino en todas as súas vertentes, “xa que a distancia entre empresarios e traballadores, e a ruptura das súas relacións, a través do mecanismo da folga, son a están na base do ordenamento xurídico social deste país”. Así o explica na súa tese de doutoramento, dirixida polo catedrático Jaime Cabeza, na que analiza o dereito á folga, a folga ilegal e a folga abusiva. Explica que aínda que este dereito fundamental está incorporado ao ordenamento con plenas garantías, “as regras do xogo seguen esperando polo lexislador, no noso ordenamento xurídico”.

M. Del Río | Vigo
A folga é un dereito fundamental que aparece en el Título I, dos dereitos fundamentais e, na Sección 1ª, das liberdades públicas, pero carece dunha regulación específica. Para o docente e licenciado en Dereito Xurxo Airas a inexistencia dunha lexislación desenvolvida no ordenamento xurídico “pon en entredito a madurez do noso sistema democrático de dereito” e faino en todas as súas vertentes, “xa que a distancia entre empresarios e traballadores, e a ruptura das súas relacións, a través do mecanismo da folga, son a están na base do ordenamento xurídico social deste país”. Así o explica na súa tese de doutoramento, dirixida polo catedrático Jaime Cabeza, na que analiza o dereito á folga, a folga ilegal e a folga abusiva. Explica que aínda que este dereito fundamental está incorporado ao ordenamento con plenas garantías, “as regras do xogo (mandato constitucional), seguen esperando polo lexislador, no noso ordenamento xurídico”.

Airas explica que a folga é “un dos grandes cabalos de batalla que a sociedade democrática española ten que abordar” e lembra que “como elemento de presión social, constitúe unha materia fundamental, no ámbito do dereito do traballo, e tamén, do ordenamento xurídico en xeral”. Por iso considera unha “obriga” levantar a voz “en defensa da necesidade dunha regulación específica, e sobre todo post constitucional, que achegue o dereito á modernidade, xa que seguimos utilizando, como norma de referencia o Real Decreto-Lei 17/1977 de 4 de marzo, sobre relacións colectivas de traballo”.

Mesmo xogo, distintas regras

O investigador asume que tanto sobre o dereito á folga como sobre o o exercicio da liberdade sindical existen un amplo abano de estudos e análises previos, pero tras “unha lectura detida de case todo canto se ten escrito” avanza unha conclusión: “non se pode pretender que todos xoguen ao mesmo, cando a delimitación do terreo de xogo é variable segundo quen a debuxe”. Neste sentido, unhas das principais conclusións da súa tese de doutoramento é a necesidade dunha norma específica “definidora e delimitadora dun terreo de xogo no que as partes xoguen o mesmo partido en igualdade de condicións”. Defende a elaboración dunha norma que “achegue luz e modernidade ao marco das relacións laborais, e que reste protagonismo ao poder xudicial, ao encomendarlle, unicamente, a tarefa de ser garante do cumprimento da legalidade”.

Claves do debate sobre o dereito á folga

Xurxo Airas destaca que a regulación do dereito de folga en España estivo sempre sometida a “críticas doutrinais”, con catro focos principais de debate: titularidade, modalidades, responsabilidades derivadas do exercicio do dereito de folga e limitacións ao seu exercicio. Sobre estes catro eixos estrutura a súa tese doutoramento o investigador.
No referente á titularidade do exercicio do dereito de folga, o investigador recoñece que “é e foi un dos cabalos de batalla na regulación e desenvolvemento deste dereito fundamental” e o feito de que o exercicio deste dereito siga estando limitado “a certas funcións é unha mostra innegable dese anacronismo en pleno século XXI”.

No relativo ás modalidades, explica que o ordenamento xurídico español distingue as folgas abusivas das folgas ilegais, cunha regulación independente, “carente dun sentido lóxico”. Aposta por unha “moderna redacción” que debería ser unificadora de concepto, “de maneira tal que os tribunais se convertan en cualificadores de legalidade e non en intérpretes da norma”.

Atendendo ás responsabilidades, a súa investigación destaca que son dous os elementos determinantes neste eido: a cualificación da folga e a participación activa na mesma. Pero dende o seu punto de vista, “as responsabilidades teñen que poder ser esixibles cando o suxeito responsable comete un ilícito xerador das mesmas con independencia dos elementos anteriores”. É dicir, que sostén que o dereito a esixir responsabilidades nace pola comisión do feito ilícito correspondente, e non polo feito da cualificación do acto ou polo grao de protagonismo do suxeito.

Os límites do dereito á folga

Un cuarto foco de debate céntrase nas limitacións do exercicio da folga. Airas lembra que o dereito de folga, por fundamental que sexa, “debe respectar no seu exercicio os principios xerais do ordenamento, e o abuso do dereito é un deses principios” e considera que “quen abusa no exercicio do que é o seu dereito, actúa en contra do establecido na normativa reguladora”. Por outra banda, e pesar do límite que debe supor o abuso deste dereito, o investigador recalca que no exercicio do dereito de folga, os dereitos á liberdade sindical e á información xogan un papel transcendental. Polo tanto, a actuación dos piquetes respectando os principios xerais do ordenamento xurídico non admite crítica algunha ao estar amparados polo exercicio dun dereito fundamental. Porén, Airas lembra que “non sempre é posible a correcta cualificación da actuación dos piquetes, e unha actuación en sentido contrario daría lugar ao xogo de responsabilidades correspondentes para aqueles que participan nel, como pon de manifesto a recente sentenza do Tribunal Constitucional de 14 de abril de 2016”, que aborda por primeira vez a cuestión da responsabilidade extracontractual dos integrantes dun piquete. Esta sentenza considera que o papel dun representante sindical ao fronte de un piquete informativo na folga de 2010 sobrepasaba os límites constitucionais que protexen as tarefas propias dos piquetes informativos.

Finalmente, o estudo de Xurxo Airas tamén afonda no papel que deben xogar as folgas dentro dos procesos de negociación laboral. Dende o seu punto de vista, o dereito á folga debería exercerse como un último recurso, tras o fracaso de procesos negociadores, xa que cando o proceso de negociación colectiva desemboca en folga, “ponse de manifesto o fracaso do proceso e a aparición da máis drástica das medidas de presión para forzar o acordo”. Neste sentido, considera que a folga debe ser entendida como un mecanismo de libre disposición ao servizo dos traballadores para levar a presión ao extremo máximo, “pero non para servir como elemento de chantaxe ao amparo do ordenamento xurídico”, conclúe.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós