DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 19 de decembro do 2016

O centro tamén albergará laboratorios da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

O Campus da Auga avanza coa convocatoria para ocupar espazos de investigación no seu novo edificio

O programa de doutoramento do proxecto de especialización obtivo a aprobación do Consello Galego de Universidades


ImageEste luns celebrouse o último Consello de Campus de Ourense de 2016. Nunha sesión ordinaria presidida por Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, informouse aos membros deste órgano, entre outras cuestións, dos últimos avances nos “produtos” do seu proxecto de especialización, o Campus da Auga. Entre eles, Mato anunciou a inminente apertura da convocatoria para que os grupos de investigación interesados poidan solicitar espazos de investigación no edificio do Campus Auga, cuxa construción está previsto remate a finais do vindeiro ano. O novo edificio acollerá tamén laboratorios da Escola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Ademais, destacou o reitor, o Programa de Doutoramento Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento acadou a aprobación do Consello Galego de Universidades na súa última reunión polo que só restan cuestións de tramitación para a súa posta en marcha no curso 2017/2018.

Rosa Tedín | Ourense
Este luns celebrouse o último Consello de Campus de Ourense de 2016. Nunha sesión ordinaria presidida por Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, informouse aos membros deste órgano, entre outras cuestións, dos últimos avances nos “produtos” do seu proxecto de especialización, o Campus da Auga. Entre eles, Mato anunciou a inminente apertura da convocatoria para que os grupos de investigación interesados poidan solicitar espazos de investigación no edificio do Campus Auga, cuxa construción está previsto remate a finais do vindeiro ano. O novo edificio acollerá tamén laboratorios da Escola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Ademais, destacou o reitor, o Programa de Doutoramento Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento acadou a aprobación do Consello Galego de Universidades na súa última reunión polo que só restan cuestións de tramitación para a súa posta en marcha no curso 2017/2018.

O Consello de Campus comezou co informe do reitor no que, entre outros temas, informou sobre o visto bo dado no último Consello Galego de Universidades a dúas cuestións relevantes no que atinxe ao campus de Ourense. Por unha banda, recalcou, conseguiuse o informe favorable para a creación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, quedando só pendente o paso polo Consello da Xunta para que o centro “teña personalidade propia dentro da Universidade e poidamos empezar a ir compondo os órganos de goberno” e demais cuestións. Tamén neste último Consello Galego de Universidades, destacou Mato, deuse o visto bo ao programa de doutoramento do Campus da Auga, sendo este trámite “o último escollo” para a súa posta en marcha o vindeiro curso académico. Deste xeito, o reitor subliñou como os proxectos de especialización dos campus da Universidade de Vigo están dando “produtos de verdade”, facendo fincapé en como o Plan Estratéxico do Campus da Auga xa ten acadados en dous anos o 90% dos obxectivos previstos para catro anos. Por este motivo, indicou, realizarase un segundo plan de actuación para o Campus da Auga.

Distribución de espazos

Durante a reunión, indicou o reitor ao seu remate, tamén se informou sobre a convocatoria de espazos no edificio do Campus da Auga e sobre a ubicación e distribución de espazos da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo desde 2016 ata 2020, período que abrangue a formación completa da primeira promoción do seu grao. Francisco Javier Rodríguez Rajo, director da Área de Desenvolvemento e Infraestruturas do campus de Ourense, foi o encargado de explicar as características da convocatoria que está previsto se publique antes de finais de ano. Segundo apuntou, as zonas susceptibles de cesión a grupos de investigación son espazos de investigación nas plantas dúas e tres do edificio e espazo de altura especial no Laboratorio de Hidráulica na planta baixa. Os espazos serán repartidos en módulos de 39,20 metros cadrados, segundo o tamaño e a actividade do grupo, e poderán ser de uso exclusivo ou compartido entre varios grupos de investigación. Unha parte do espazo quedará reservada para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos e/ou a asignación a investigadores de nova incorporación á Universidade de Vigo. Finalmente poderá ser solicitada algunha zona do Laboratorio de Hidráulica para actividades ou equipos que necesiten unha altura especial.

Poderán solicitar espazos dentro desta convocatoria os grupos de investigación que teñan todos os membros desenvolvendo tarefas de docencia e investigación no campus de Ourense, que teñan unha traxectoria continuada de actividade de I+D+i nalgún dos eixos estratéxicos do Campus da Auga e que teñan necesidade demostrable do tipo de espazo proporcionado polo centro. A concesión de espazos terá unha duración máxima de tres anos. “En pleno proceso de construción poderemos saber cales son as necesidades específicas dos grupos de investigación que van a ocupar o centro”, explicou Salustiano Mato sobre a utilidade de facer a convocatoria antes do remate das obras. Deste xeito, engadiu, “a partir da primavera poderemos deseñar os contidos do edificio con toda precisión”. “É un edificio que nace ocupado”, afirmou o reitor.

Alén de acoller grupos de investigación e laboratorios relacionados coa auga, o novo edificio, adiantou o reitor, tamén acollerá laboratorios da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Estes espazos uniranse aos xa existentes no Pavillón Manuel Martínez-Risco e nos edificios de Ferro e Politécnico de modo que, afirmou Mato, se garanten os medios materiais necesarios para impartir completo o grao de Enxeñaría Aeronáutica posto en marcha este curso. O uso destes espazos no novo edificio, afirmou, non implica renunciar “a futuras infraestruturas” segundo os retos que se marque o campus de Ourense.

Minuto de silencio por Ana María Enjamio

Ás 12.00 h os membros do Consello de Campus xunto a máis de medio centenar de membros da comunidade universitaria concentráronse entre os edificios Politécnico e de Ferro para gardar un minuto de silencio en repulsa do asasinato de Ana María Enjamio e da violencia de xénero e en apoio da súa familia, tal e como se fixo nos demais campus da Universidade de Vigo. Antes de dar inicio ao minuto de silencio, Salustiano Mato lembrou como Ana María Enjamio era egresada da Universidade de Vigo e amosou a repulsa da institución académica á violencia de xénero e seu apoio á familia de Ana María Enjamio. “Que nunca máis teñamos esta violencia machista tan descarnada e brutal”, pediu o reitor.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós