DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 20 de decembro do 2016

Desenvolven un programa de adestramento de forza na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

O Club Ciclista Rías Baixas comeza a rodar no campus

Este traballo permitirá aos investigadores medir os efectos deste tipo de preparación neste deporte


ImagePor terceiro ano consecutivo, os traballos de preparación para unha nova tempada deportiva achegan á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte aos deportistas do Club Ciclista Rías Baixas, que baixo a supervisión do profesor Óscar García e do titulado José Abalo inician nestas semanas un programa de adestramento de forza e flexibilidade dirixido a mellorar as súas prestacións sobre a bicicleta dentro duns meses. “O ano pasado fixemos un seguimento dos ciclistas ao longo da tempada e comprobamos que o adestramento de forza é un estímulo moi útil para o ciclista, moito máis mesmo do que pensabamos”, salienta García.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Por terceiro ano consecutivo, os traballos de preparación para unha nova tempada deportiva achegan á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte aos deportistas do Club Ciclista Rías Baixas, que baixo a supervisión do profesor Óscar García e do titulado José Abalo inician nestas semanas un programa de adestramento de forza e flexibilidade dirixido a mellorar as súas prestacións sobre a bicicleta dentro duns meses. “O ano pasado fixemos un seguimento dos ciclistas ao longo da tempada e comprobamos que o adestramento de forza é un estímulo moi útil para o ciclista, moito máis mesmo do que pensabamos”, salienta García dun traballo que, partindo das avaliacións do rendemento que se realizan a cada corredor, levará a pautar un programa personalizado tanto para o traballo en ximnasio que se desenvolverá na propia facultade do campus pontevedrés ata comezos de febreiro, como nas súas sesións de adestramento na estrada.

No marco do convenio marco asinado entre a Universidade e este club amateur de Nigrán, os ciclistas veñen de iniciar nas propias instalación da facultade, baixo a coordinación de Abalo, un adestramento que, como recoñece García, constitúe unha práctica non demasiado habitual neste deporte. “Isto é unha investigación aplicada, polo que, ademais de contribuír á súa preparación, permitiranos saber algo máis de como responde o ciclista a este tipo de estímulos”, sinala este docente, que incide en que, tras unha primeira colaboración en 2015 que serviu “para limar o deseño da investigación”, os datos obtidos a pasada tempada permitiron constatar unha serie de melloras tras un ciclo de entre dez e doce semanas de adestramento. Con ese mesmo propósito, o traballo que desenvolven desde este mes de decembro abrangue unha serie de medicións da potencia e forza máxima que aplican en determinadas máquinas do ximnasio, ás que se sumarán en xaneiro as análises “xa máis específicas que faremos enriba da bicicleta cun cicloergómetro”, co propósito de coñecer xa ao detalle “a potencia que aplican ao pedal”; análises que posteriormente contrastarán coas novas medicións que realicen preto do verán, cando os corredores se atopen xa nun pico de forma maior. “A idea de todo isto é que chegue ao preparador, que lles achegue información de que é importante o adestramento de forza en distintos ciclos ao longo da tempada, porque lles vai axudar a mellorar a potencia aplicada ao pedal dos seus ciclistas”, salienta este investigador.

Un traballo que se constata sobre a estrada

García e Abalo xa coordinaron o pasado curso un programa de adestramento de forza para os ciclistas do Rías Baixas que serviu como punto de partida a unha tempada na que, como recoñece este docente, “foi francamente ben a nivel de resultados”. Nesa mesma liña pronúnciase tamén o director deportivo do Rías Baixas, Marcos Serrano. “Se volvemos facelo é porque funcionou”, salienta este ex-ciclista profesional e ex-alumno da facultade dun traballo específico que combina coas concentracións que lle permiten traballar conxuntamente, “como un equipo”, co grupo de ciclistas que dirixe. “O que notamos é que o equipo non se ven abaixo en ningún momento, que se mantén todo o ano”, salienta Serrano dun traballo que lle outorga un “feedback” que lle permite tamén “coñecer aos corredores, porque o ciclismo ao final é un deporte no que vas nun coche a 60 quilómetros por hora”, polo que é este traballo previo o que permite “ver eses detalles que ao logo se transfiren á bicicleta”.

Non en van, a programación do adestramento ven precedida dunha valoración do rendemento de cada corredor, no que, a través dun estudo da súa composición corporal, da potencia que son capaces de xerar co seu tren inferior ou dunha tensiomiografía que lles permite ver as características dos principais músculos que afectan á pedalada, permite definir un plan de adestramento individualizado, no que, a través dunha serie de pautas, o ciclista poida adaptar o seu traballo sobre a bicicleta ás intensidades precisas para obter unha mellora no seu rendemento.

Avanzar na coordinación

Estas avaliacións do rendemento constitúen pois un piar básico para programar unha preparación que, como apunta García, “este ano empezamos un pouco máis tarde que o anterior, xa que imos axustar un pouco o calendario a que algúns deles cheguen nun pico de forma a Copa de España”. Nese senso, salienta como a principal novidade da tempada “que estamos a dar un paso máis no que é unha preparación absolutamente integrada”. Deste xeito, o traballo coordinado que desenvolve xunto con Abalo, Serrano e o responsable médico do Rías Baixas, Manuel Pueyo, permitirá no 2017 non só “programar o calendario de adestramento, senón tamén a carga exacta que vai ter cada ciclista ao longo do mesmo”, tanto de traballo de forza, como de resistencia e flexibilidade.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós