DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 22 de decembro do 2016

É un estudo pormenorizado das novidades que ofrece o actual proceso xudicial de conflito colectivo

A prestixiosa editorial Tirant lo Blanch publica a tese de doutoramento do xuíz decano Germán Serrano

Dirixida polo catedrático Jaime Cabeza, a tese defendeuse na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo


ImageA editorial Tirant lo Blanch, unha das máis prestixiosas no ámbito xurídico, acaba de publicar o libro El nuevo proceso judicial de conflicto colectivo, a obra na que se recollen os resultados da tese de doutoramento do xuíz decano de Vigo, German Serrano, dirixida polo catedrático Jaime Cabeza e presentada na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo en abril de 2015. “Unha vez lida a tese os membros do tribunal manifestáronme o seu interese na súa publicación”, explica o maxistrado, ao tempo que admite que “a publicación do libro é a culminación dun traballo, unha vez revisado e actualizado” e supón para el “ver un soño cumprido”.

D. Besadío | Vigo
A editorial Tirant lo Blanch, unha das máis prestixiosas no ámbito xurídico, acaba de publicar o libro El nuevo proceso judicial de conflicto colectivo, a obra na que se recollen os resultados da tese de doutoramento do xuíz decano de Vigo, German Serrano, dirixida polo catedrático Jaime Cabeza e presentada na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo en abril de 2015. “Unha vez lida a tese os membros do tribunal manifestáronme o seu interese na súa publicación”, explica o maxistrado, que recalca o feito de que “a publicación do libro é a culminación dun traballo, unha vez revisado e actualizado” e supón para el “ver un soño cumprido”.

Investiu na realización desta investigación algo máis de catro anos e nela intentou dar unha visión práctica, desde o día a día dos tribunais, dun proceso “tan complexo” como o do conflito colectivo, que define como, “un proceso xudicial especial que afecta a un grupo de traballadores e que busca unha solución xudicial, eminentemente interpretativa, dun conflito laboral”, explica Serrano, que engade tamén que tras as reformas laborais de 2010, 2011 e 2012, o concepto clásico de conflito colectivo cambiou, buscando, por un lado, a prevalencia da solución do conflito desde a negociación, “e por iso se queren priorizar as solucións da comisión paritaria e dos medios alternativos de solución como a mediación e a arbitraxe”, e polo outro, que a solución xudicial do conflito teña eficacia concreta en cada traballador afectado.

“Ao ter trasladado a reforma laboral de 2012 o control do despedimento colectivo cara a xurisdición, que dúbida cabe que se enriqueceu nos seus perfís, pois a modalidade xeral do conflito colectivo déixase para aspectos moi puntuais de interpretación de convenios ou de acordos de empresa, algo que por outra parte constitúe o labor xenuíno dos xuíces”, subliña o maxistrado.

400 páxinas nas que descubrir as arestas do novo proceso de conflito colectivo

Editado dentro da colección Enfoque Laboral e con preto de 400 páxinas, o libro fai fincapé en que tras estas recentes reformas laborais, ou a pesares delas, o proceso xudicial de conflito colectivo segue a ser a estación de termo dunha loita laboral anterior que é a que xera a discusión, “aínda que ás veces non sirva máis que de estación de transbordo para buscar unha solución ou para continuar co conflito”, subliña a editorial no resumo da obra.

A todo isto engádese que a recente colectivización do dereito laboral nalgunhas materias relevantes –extincións por causas obxectivas, modificacións substanciais, descolgues do convenio colectivo- necesitou empregar a canle procesal do conflito colectivo para estruturar o seu acceso á xurisdición. Esta encrucillada, sen esquecer a anterior, obriga, segundo se describe no libro, a reformular o estudo deste complexo proceso, pois os seus perfís fóronse tallando cara a outro camiño, de maneira que, nos supostos de conflito colectivo puro, o órgano xurisdicional convértese nun actor máis do mesmo, coas mesmas poucas posibilidades de facilitar unha adecuada solución, salvo en casos de eséxese de norma xurídica; e nos supostos nos que o proceso xudicial do conflito é a roupaxe procesal elixida para resolver unha controversia colectiva orixinada por unha situación de crise, o órgano xurisdicional aparece como alleo ao conflito, pois debe limitarse a controlar os requisitos formais da medida colectiva.

Intensa colaboración coa Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

Tras o seu paso pola Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo para realizar os estudos de doutoramento, o xuíz decano de Vigo segue a colaborar co centro, impartindo clases en varios mestrados e “procurando estar dispoñible para calquera acto, tanto como decano como máis especificamente no campo do Dereito Laboral”, engade Serrano, quen recalca que “poder facer os cursos de doutoramento e a tese da man do profesor Cabeza supuxo para min un soño cumprido”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós