DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 20 de decembro do 2016

A esta cifra hai que engadir os usuarios que se achegaron aos seus postos para facer consultas puntuais

Os Martes Saudables atenderon este cuadrimestre arredor de 300 membros da comunidade universitaria

O vindeiro ano volverá a celebrarse unha nova edición desta iniciativa


ImageUn curso máis este cuadrimestre os postos informativos dos Martes Saudables percorreron os tres campus da Universidade de Vigo fomentando os bos hábitos de vida entre os membros da comunidade universitaria. Rematada a súa celebración, os seus promotores fan unha balance moi positivo desta edición. Arredor de 300 persoas realizaron o percorrido completo polas diferentes áreas de saúde que se abordan nos seus postos e cubriron a enquisa que se realiza neles. A esta cifra hai que engadir as persoas que fixeron consultas puntuais e que non seguiron todo o percorrido proposto polos monitores.

Rosa Tedín | Ourense
Un curso máis este cuadrimestre os postos informativos dos Martes Saudables percorreron os tres campus da Universidade de Vigo fomentando os bos hábitos de vida entre os membros da comunidade universitaria. Rematada a súa celebración, os seus promotores fan unha balance moi positivo desta edición. Arredor de 300 persoas realizaron o percorrido completo polas diferentes áreas de saúde que se abordan nos seus postos e cubriron a enquisa que se realiza neles. A esta cifra hai que engadir as persoas que fixeron consultas puntuais e que non seguiron todo o percorrido proposto polos monitores.

O Martes Saudables, lembran os seus responsables, son unha iniciativa financiada polo Consello Social da Universidade de Vigo que se enmarca dentro do proxecto Campus da Auga ConVida, unha proposta que aposta por crear a través da investigación, a formación e a sensibilización unha contorna educativa que reforce e promova condutas e estilos de vida saudables entre a comunidade universitaria, contando cunha comisión técnica integrada por especialistas de diferentes áreas de coñecemento. “Esta edición dos Martes Saudables foi bastante positiva. A xente xa sabe o que pode atopar nos nosos postos e nós xa temos moi traballados os seus contidos co cal cada vez son máis as persoas que se achegan a eles para realizar unha consulta moi concreta, como pode ser medir a tensión ou a masa muscular”, explica Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus de Ourense e membro desta comisión. Dado os bos resultados obtidos, a iniciativa continuará o vindeiro curso introducindo algunha novidade temática nos seus contidos.

Percorrido polos tres campus

Neste cuadrimestre, os postos dos Martes Saudables estiveron no campus de Ourense na Escola Universitaria de Enfermaría, nos edificios Politécnico, de Ferro e Xurídico-Empresarial e na Biblioteca Rosalía de Castro, atendendo a 160 membros membros da comunidade universitaria. No campus de Vigo visitaron a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e a Escola de Enxeñeiros Industriais, atendendo a arredor de 80 persoas. Por último, no campus de Pontevedra estiveron na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde 60 persoas realizaron todo o percorrido polos seus postos. Nos campus nos que hai menos oportunidades de achegarse aos postos dos Martes Saudables, como son os de Vigo e Pontevedra, indican desde a organización, é onde máis afluencia de público hai en cada sesión celebrada.

No seu percorrido polos postos, as persoas interesadas puideron informarse de balde sobre como mellorar a súa calidade de vida a través do deporte, da sexualidade e da nutrición e facerse algunhas sinxelas probas de enfermaría para comprobar o seu estado de saúde. Como novidade, este ano os Martes Saudables puxeron en marcha un proxecto de investigación cuxo obxectivo é analizar a evolución ao longo de catro anos dos hábitos de vida do alumnado que participa nesta iniciativa. No estudo participará un grupo de estudantes de primeiro curso que en cada edición se achegará aos postos dos Martes Saudables e un grupo que só o fará ao inicio e ao peche do seu paso pola universidade. Comparando os resultados, preténdese avaliar a efectividade dos Martes Saudables, o seu impacto real na calidade de vida do alumnado. De momento, indican desde a organización, son arredor de 80 os estudantes de primeiro curso apuntados para participar neste proxecto.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós