DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 09 de xaneiro do 2017

Mantense aberta a inscrición nos sete cursos abertos a toda a cidadanía que promove a Vicerreitoría

Fotografía e xénero, educación non formal e intelixencias múltiples súmanse aos obradoiros do campus

O control de son en radio, locución, oratoria e música tradicional completan a oferta formativa


ImageUn achegamento á educación non formal, a abordaxe da teoría das intelixencias múltiples como ferramenta didáctica e un achegamento á fotografía desde a perspectiva de xénero constitúen as principais novidades que a Vicerreitoría do campus suma ao seu programa de obradoiros para este cuadrimestre. Desde finais de decembro permanece aberto o prazo de inscrición nos sete talleres, abertos a toda a cidadanía, que se desenvolverán no campus entre febreiro e abril e entre os que se atopa tamén un obradoiro de control de son en radio, así como as novas edicións dos talleres de oratoria, locución audiovisual e interpretación de instrumentos populares.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Un achegamento á educación non formal, a abordaxe da teoría das intelixencias múltiples como ferramenta didáctica e un achegamento á fotografía desde a perspectiva de xénero constitúen as principais novidades que a Vicerreitoría do campus suma ao seu programa de obradoiros para este cuadrimestre. Desde finais de decembro permanece aberto o prazo de inscrición nos sete talleres, abertos a toda a cidadanía, que se desenvolverán no campus entre febreiro e abril e entre os que se atopa tamén un obradoiro de control de son en radio, así como as novas edicións dos talleres de oratoria, locución audiovisual e interpretación de instrumentos populares.

“Aínda que sempre se pensan para o alumnado, como unha formación complementaria relacionada con algunha das áreas dos diferentes graos, trátase duns obradoiros abertos a todo o mundo”, salienta o responsable da Área de Extensión Cultural, Manuel Morquecho, destes talleres de 30 horas cun prezo de matrícula de 26 euros para os membros da comunidade universitaria e de 40 para o resto das persoas interesadas. De feito, anteriores edicións reunía entre os seus alumnos, engade, “a rapaces de 18 anos e xente xubilada, o que, á marxe do que se vaia aprender no curso, é xa de por si unha riqueza”.

Novidades que van dos estereotipos de xénero ao control radiofónico

Unha das novidades deste programa formativo é Fotografía e xénero. Análise de imaxes contra a desigualdade é unha da novidades, o taller no que, entre febreiro e abril, a fotógrafa e formadora ocupacional Natalia González proporá empregar a fotografía e os medios audiovisuais para afondar nas desigualdades de xénero e os estereotipos que persisten na sociedade e acadar así outra mirada sobre as imaxes que nos rodean. Tamén entre febreiro e abril, Ciencias da Educación e do Deporte acollerá o taller Intelixencias múltiples. Experiencias educativas para a implementación na aula, outra das novidades deste cuadrimestre. Nun curso dirixido fundamentalmente a futuros mestres e mestras, a docente e alumna do centro Noelia Gómez proporá un achegamento "ás intelixencias múltiples a través de situacións prácticas" que permitan ao alumnado dotarse de "ferramentas para a implementación de todas as intelixencias na aula", como sinala.

Tamén neste centro desenvolverase, no mes de marzo, o obradoiro Achégate ao tempo libre. A educación non formal como escenario profesional, un taller dirixido e impartido pola profesora Begoña Paz, que propón un achegamento á educación non formal e á “pedagoxía do lecer”, a través dos diferentes ámbitos de planificación de actividades de lecer como un recurso pedagóxico, “mediante ferramentas participativas e de traballo grupal”. Trátase, segundo sinala a súa responsable, “dun curso de iniciación que aborda os contidos básicos das distintas áreas que compoñen un curso oficial de monitor de tempo libre”.

A estas tres novidades súmase tamén Control de son en radio, un curso que dá continuidade ao obradoiro sobre podcast que o pasado cuadrimestre impartiu en CCSS e da Comunicación o técnico e locutor José María Bará. Promover unha familiarización co posto de control dunha emisora, a mesa de son ou os programas de edición constitúen os obxectivos centrais deste taller dirixido pola a profesora Aurora García e que se desenvolverá no mes de marzo.

Xunto coas propostas máis demandadas

A programación de obradoiros complétase con propostas que a demanda converteu fixas nesta programación, como Fala, oratoria e comunicación, que a partires de febreiro impartirá de novo o clown Al Rossel en CCSS e da Comunicación. Ofrecer ao alumnado unha serie de ferramentas que lles axuden a aumentar a súa seguridade persoal e control emocional á hora de afrontar unha exposición en público, así como o seu dominio da linguaxe non verbal centrarán un curso do que se xa se celebraron dúas edicións no presente curso. Neste centro desenvolverase tamén, no mes de marzo, unha nova edición do curso Locución Audiovisual, no que a actriz, xornalista e actriz de dobraxe Maika Aguado, propón un achegamento aos mecanismos de produción da voz e as características da redacción e narración audiovisual, co propósito de que o alumnado poida optimizar os seus recursos expresivos propios.

Tamén terá continuidade neste cuadrimestre o taller Interpretación de instrumentos populares galegos, que entre febreiro e abril permitirá na EE Forestal tanto iniciarse como ampliar coñecementos no manexo de instrumentos como a gaita, a pandeireta ou a zanfona, baixo a coordinación do músico e profesor Luís Sánchez Bolón.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós