DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 23 de decembro do 2016

Este espazo acolleu este venres a inauguración da exposición 'Sanarte'

O estudantado de Belas Artes invade o novo centro de saúde de Marín

Alumnas da facultade protagonizan tamén a exposición 'Eu son miña', no Museo Manuel Torres desta localidade


ImageA idea de desenvolver unha mostra nun “espazo non expositivo” e os diferentes proxectos levados a cabo pola Facultade de Belas Artes no Hospital Provincial serviron como punto de partida de Sanarte, a exposición comisariada por tres estudantes deste centro que espalla as obras dunha ducia de alumnos e alumnas da facultade polas tres plantas do novo centro de saúde de Marín. A mostra, inaugurada na mañá deste venres, naceu como un proxecto para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional, como tamén acontece con Eu son miña, a exposición comisariada por catro alumnas que ata finais de ano propón unha reflexión sobre a violencia machista no Museo Municipal Manuel Torres desta localidade.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
A idea de desenvolver unha mostra nun “espazo non expositivo” e os diferentes proxectos levados a cabo pola Facultade de Belas Artes no Hospital Provincial serviron como punto de partida de Sanarte, a exposición comisariada por tres estudantes deste centro que espalla as obras dunha ducia de alumnos e alumnas da facultade polas tres plantas do novo centro de saúde de Marín. A mostra, inaugurada na mañá deste venres, naceu como un proxecto para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional, que imparte Xosé Manuel Buxán, como tamén acontece con Eu son miña, a exposición comisariada por catro alumnas que ata finais de ano propón unha reflexión sobre a violencia machista no Museo Municipal Manuel Torres desta localidade.

“Os centros de saúde adoitan ser sitios bastante fríos e pareceunos que levar pezas artísticas a un espazo que ademais é novo podería ser algo interesante”, salienta Jorge Santiago, un dos comisarios xunto con Juan Romero e Iago Torres da exposición que impulsaron coa colaboración da Xerencia de Xestión Ingtegrada de Pontevedra e O Salnés e do decanato da facultade e coa que agardan poder “harmonizar este espazo e que a xente se sinta máis cómoda neses tempos de espera”. Para iso, reuniron unha serie de obras de doce alumnos e alumnas da facultade, xurdidas como exercicios para diferentes materias. Pintura, fotografía, debuxo, serigrafía e mesmo escultura conviven deste xeito nunha “exposición de carácter multidisciplinar” que reúne os traballos de Ana Cabanes, Iván Graña, Alejandra Lago, Belén Liméns, Brais Romero, Ismael Salgueiro, Celia Sánchez, Irene Sanz, Eva Veiga e dos seus tres comisarios, que poderá visitarse ata o 13 de xaneiro. “Buscamos sobre todo obras planas, xa que era importante que as persoas puideran seguir circulando polo espazo”, salienta Santiago dunha mostra para a que, non obstante, tamén atoparon neste centro recentemente inaugurado “espazo baleiros que nos permitían xogar co volume”.

Arte feito por mulleres para reivindicar a liberdade das mulleres


“Non hai barreira, pechadura nin ferrollo que poidas impor á liberdade da miña mente”. Esta frase da escritora Virgina Woolf serviu como punto de partida para Eu son miña, a exposición que reúne no museo Manuel Torres os traballos de sete artistas e egresadas da Facultade. Promovida polas alumnas Sabela Ruibal, Gaxdaly Ameijeiras, Ana Carnero e Adela Caeiro xunto coa asociación de mulleres O Abeiro, esta exposición colectiva ten como propósito promover entre o público unha reflexión sobre a desigualdade, o feminismo e a violencia contra as mulleres. Trátase, como sinalan as súas comisarias, dunha exposición que emprega o posesivo no seu título “como un arma de empoderamento”, como un xeito de reivindicar que “a posesión é unicamente propia de cada muller”.

De aí que propuxesen ás sete artistas participantes, Anabel Montouto, Estela Pérez, Nerea Maceiras, Ana Puga, Sara Touzón, Andrea Davila e Sugnix, que plasmasen nas súas obras a súa interpretación da cita de Woolf, “o que ese texto lles suscita, motiva ou achega”. O resultado final, explican, é unha mostra que reúne, a través de diferentes técnicas e disciplinas, unha abordaxe coral ás ideas dunha feminista “cuxo pensamento segue sendo totalmente actual cen anos despois”, como salienta Ruibal. Por ese motivo buscaron “establecer unha relación entre as obras e algunhas frases da escritora” nunha exposición que, como lembra, busca tamén contribuír “a visibilizar e chamar a atención respecto dunha problemática que, desgrazamente, segue a ser actualidade”, como é a violencia contra as mulleres.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós