DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 10 de xaneiro do 2017

A cita, liderada a nivel local polo catedrático Jacobo de Uña, será do 9 ao 13 de xullo

O grupo de investigación Sidor trae a Vigo a reunión anual da Sociedade Internacional de Bioestatística Clínica

As dúas conferencias plenarias correrán a cargo de docentes de Harvard e a Universidade de Carolina do Norte


Image“Promover o estudo dos principios e métodos relativos ao deseño e análise na investigación clínica e incrementar a relevancia da teoría estatística na medicina clínica do mundo real”. Este é o obxectivo principal do 38º Congreso Anual da Sociedade Internacional de Bioestatística Clínica que se celebrará do 9 ao 13 de xullo no Auditorio Mar de Vigo, tal e como indica o catedrático da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Jacobo de Uña, presidente local do comité organizador e principal responsable do grupo de investigación SiDOR (Statistical Interference, Decision and Operations Research), un dos máis activos a nivel nacional en temas de bioestatística.

Leticia Castro | Vigo
“Promover o estudo dos principios e métodos relativos ao deseño e análise na investigación clínica e incrementar a relevancia da teoría estatística na medicina clínica do mundo real”. Este é o obxectivo principal do 38º Congreso Anual da Sociedade Internacional de Bioestatística Clínica que se celebrará do 9 ao 13 de xullo no Auditorio Mar de Vigo, tal e como indica o catedrático da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Jacobo de Uña, presidente local do comité organizador e principal responsable do grupo de investigación SiDOR (Statistical Interference, Decision and Operations Research), un dos máis activos a nivel nacional en temas de bioestatística.

“Dentro da Universidade somos moitos os que traballamos neste tema, tanto desde o noso grupo como desde o Centro de Investigación Biomédica (CINBIO), do que formamos parte” apunta De Uña, facendo fincapé no peso que pouco a pouco van adquirindo a nivel internacional. “A recente participación do SiDOR no programa de doutoramento internacional en Bioestatística MEDIASRES, financiado polo programa Marie Curie da Comisión Europea, deunos maior visibilidade”, subliña o docente.

A convención, organizada pola Sociedade Internacional de Bioestatística Clínica (ISCB), está dirixida fundamentalmente ao colectivo de estatísticos, clínicos e profesionais relacionados como epidemiólogos ou farmacólogos, segundo confirma De Uña, membro tamén da agrupación estratéxica ECOBAS (Economic and Business Administration for Society).

Amplo abano de actividades

O trixésimo oitavo congreso da Sociedade Internacional de Bioestatística Clínica contará cun amplo abano de actividades que inclúen, ademais das sesións de relatorios, talleres e simposios, un foro científico internacional para o intercambio de teoría, métodos e aplicacións da bioestatística na investigación médica. Por segunda vez na historia do congreso, a cita incluirá tamén o denominado Día dos Estudantes, unha xornada dirixida ao alumnado a piques de graduarse ou en fase de doutoramento, na que intercambiar pensamentos e ideas, e no que haberá tres relatorios para dar consellos aos asistentes sobre estratexias orientadas a acadar o éxito na investigación bioestatística.

Conferenciantes de prestixio

O congreso contará nesta ocasión con dous conferenciantes de gran prestixio internacional, Anastasios Tsiasis, profesor de Estatística da Universidade de Carolina do Norte, e Francesca Dominici, decana asociada de Tecnoloxía da Información na Escola de Saúde Pública de Harvard, que abordarán “temas de moitísima relevancia, como son os tratamentos discontinuos e dinámicos en ensaios clínicos”, explica o responsable do grupo SiDOR. O programa científico, “a parte máis relevante e a que dá sentido ao congreso”, contempla ademais oito sesións invitadas e pequenos simposios enfocados ao modelado de screening en pacientes ou o uso de imaxes en estudos clínicos, entre outros temas.

A investigación bioestatística en Galicia

En Galicia “hai moi bos profesionais e colaboracións estables de grupos de estatísticos con grupos clínicos ou multidisciplinares no campo da biomedicina”, indica de Uña, aínda así, en comparación con outros países, o papel clave do bioestatístico está algo menos recoñecido, “o que provoca que en ocasións o deseño dos estudos clínicos non sexa óptimo”, sinala o investigador. “No noso país hai moito percorrido por facer no sentido de acadar unha maior interacción entre departamentos de estatística e bioestatísticos contratados, por exemplo en unidades de investigación hospitalarias”, asegura.

Inscricións anticipadas ata o 30 de abril

Todas aquelas persoas interesadas en realizar unha inscrición anticipada terán ata o 30 de abril para abonar a cantidade correspondente, as inscricións posteriores a esta data terán un incremento no importe da mesma.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós