DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 11 de xaneiro do 2017

É a primeira convocatoria pública en Galicia de programas de maduración de resultados da investigación

Sete proxectos da Universidade de Vigo, seleccionados na primeira fase do Programa Ignicia da Xunta

As propostas viguesas concéntranse nos ámbitos tecnolóxico e científico


ImageQue os resultados dunha investigación cheguen a comercializarse non é un proceso doado e aínda menos se non existen os marcos financeiros axeitados. En Europa, dentro do Horizonte 2020, existen as denominadas probas de concepto, ao igual que ocorre noutras comunidades autónomas españolas, que tamén destinan fondos a esta etapa de maduración de tecnoloxías. No caso de Galicia, a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación, Gain, convocou este ano, por primeira vez, o Programa Ignicia dirixido a universidades, centros de investigación e tecnolóxicos e fundacións hospitalarias, co obxectivo de avanzar nas etapas de maduración dos resultados de investigación para chegar a súa comercialización. Na primeira fase de maduración do programa, un total de sete proposta das nove presentadas pola Universidade de Vigo foron seleccionadas, xunto a outras 18.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Que os resultados dunha investigación cheguen a comercializarse non é un proceso doado e aínda menos se non existen os marcos financeiros axeitados. En Europa, dentro do Horizonte 2020, existen as denominadas probas de concepto, ao igual que ocorre noutras comunidades autónomas españolas, que tamén destinan fondos a esta etapa de maduración de tecnoloxías. No caso de Galicia, a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación, Gain, convocou este ano, por primeira vez, o Programa Ignicia dirixido a universidades, centros de investigación e tecnolóxicos e fundacións hospitalarias, co obxectivo de avanzar nas etapas de maduración dos resultados de investigación para chegar a súa comercialización. Na primeira fase de maduración do programa, un total de sete proposta das nove presentadas pola Universidade de Vigo foron seleccionadas, xunto a outras 18 remitidas polas universidades de Santiago e Coruña, Gradiant, Aimen, a Fundación Biomédica Galicia Sur e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia.

“Para nós é un gran logro que sete dos nosos nove proxectos pasaran a primeira etapa, pois este é o indicativo de que os nosos resultados son bos e teñen potencial. Na seguinte fase, a de investimento financiaranse moi poucos proxectos, so aqueles con maior potencial de mercado, que permitan acadar a rendibilidade do investimento no curto-medio prazo”, explica Ángeles López, responsable da Oficina de I+D da Universidade de Vigo, servizo encargado, desde a promoción da convocatoria, ata a orientación de cada unha das propostas presentadas, así como a redacción da parte do mercado e explotación. Á espera do que suceda na segunda etapa, na que os proxectos obterán un informe no que se especificará como se tería que orientar a maduración e a comercialización dos resultados, a responsable da Oficina de I+D agarda que a convocatoria se consolide “e podamos ir presentando solicitudes de maduración en edicións sucesivas, acadando que se nos financie a comercialización dos nosos resultados, aínda que sexa de un en un”.

Desde a promoción da convocatoria a través da celebración dunha xornada, ata a orientación de cada unha das propostas, pasando pola “persecución dalgúns grupos de investigación” dos que se identificaron resultados que podían encaixar na convocatoria, a Oficina de I+D tamén foi a encargada de traballar man a man cos grupos, “xa que estes proxectos non eran proxectos de I+D ao uso e había que identificar o mercado, as aplicacións, a explotación…” explica Ángeles López, que considera que o éxito da institución nesta primeira etapa “se debe a que a nosa materia prima, os resultados da investigación, é boa”.

XHSplatform, UbiSmart, Biofast, Alzheimer, Smartinspect, Agricat e Geodron

Os sete proxectos da Universidade de Vigo que pasaron a primeira etapa teñen cadanseu grupo promotor e un resultado da investigación validado no laboratorio ou estadio TRL4, Technology Readliness Level, que xurdiu da NASA e que se adoptou nos proxectos europeos e trasladouse a todo tipo de proxectos de I+D, para indicar o grao de madurez dos resultados.
Fernando Aguado, Arno Formella, Ricardo Tubío, Alberto González e Diego Nodar, conforman o grupo promotor de XHSplatform, un proxecto de valorización e industrialización da plataforma multimisión de pequenos satélites da Universidade de Vigo para a provisión de servizos comerciais de acceso ao espazo rápido, frecuente, fiable e con custo eficiente. Pola súa banda, Felipe Gil, Francisco Javier gonzález, Raja Bose, Jaime Loureiro, Carlos Pérez e Jorge Fontenla promoven UbiSmart, un sistema que fai posible executar unha aplicación nos móbiles persoais e que cando esteamos preto dun dispositivo cunha gran pantalla e un teclado convencional se poda enviar a interfaz da aplicación á pantalla externa, para utilizar o seu teclado para interaccionar coa aplicación, que se segue a executar no móbil. No caso de Smartinspect, de Fernando Vázquez e Ricardo Samaniego, o proxecto desenvolve dous sistemas autónomos de inspección en servizo para o sector ferroviario, que permiten revisar os trens cando estes entran no taller de mantemento ou pasan por un punto clave da infraestrutura como estacións, túneles ou tramos especialmente adaptados, proporcionando un informe de estado en tempo moi reducido.

Carmen Terán e Pedro Besada promoven Alzheimer, que contempla tres series de derivados piridazinónicos de estrutura novidosa que posúen actividade inhibidora selectiva da monoaminooxidasa B (MAO-B) en condicións in vitro. A MAO-B, monoaminooxidasa B, é unha diana terapéutica validada para o tratamento da enfermidade de Parkinson e con boas expectativas para a enfermidade de Alzheimer. Pola súa banda, Pio González, Julia Sierra e Stefano Chiussi, integran o grupo promotor dun biomaterial para a rexeneración ósea, Biofast, cunhas características fisicoquímicas que os seus autores considera óptimas e unha similitude co tecido óseo que a converten nun produto de aplicación clínica en traumatoloxía, odontoloxía e maxilofacial, entre outros.

O proxecto liderado por Pedro Pablo Gallego, Esther Barreal, Juan Pou e Fernando Lusquiños, Agricat, ofrece un prototipo de cauterizador para aplicacións en agricultura, que achegaría unha solución ao problema fitosanitario xerado polos actuais sistemas de poda, facilitando a loita integrada de pragas e o control de enfermidades vexetais. Pola súa banda Geodrón, de Borja González, Yolanda Rodríguez e Antonio García Pino, é un xeorradar embarcado nun dron para a detección de minas e outros obxectos enterrados no solo, orientado principalmente á localización de explosivos como minas antipersoa, pero de utilidade para calquera aplicación na que sexa precisa a detección de obxectos non indentificables a simple vista.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós