DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 11 de xaneiro do 2017

Nun proxecto liderado por Extraco e no que participa o Laboratorio de Biotecnoloxía Agroalimentaria

Os residuos de madeira e castaña comezan a amosar o seu potencial como fonte de bioprodutos

A Facultade de Ciencias acolleu este mércores unha das súas xornadas de traballo


ImageDespois de case un ano de traballo, o Proxecto Innobiorresiduos, desenvolvido por un consorcio de empresas lideradas por Extraco coa colaboración das universidades de Vigo e Santiago de Compostela, comeza a dar os seus froitos. Este mércores os seus membros reuníronse na Facultade de Ciencias do campus de Ourense para expor os avances acadados no primeiro dos tres anos de execución do proxecto, que conta co financiamento da Axencia Galega de Innovación e que ten como obxectivo a valorización dun residuo agroalimentario da castaña e un coproduto do concentrado de extractos de madeira, maioritariamente de eucalipto, procedente do proceso de fabricación de taboleiros duros de fibras.

Rosa Tedín | Ourense
Despois de case un ano de traballo, o Proxecto Innobiorresiduos, desenvolvido por un consorcio de empresas lideradas por Extraco coa colaboración das universidades de Vigo e Santiago de Compostela, comeza a dar os seus froitos. Este mércores os seus membros reuníronse na Facultade de Ciencias do campus de Ourense para expor os avances acadados no primeiro dos tres anos de execución do proxecto, que conta co financiamento da Axencia Galega de Innovación e que ten como obxectivo a valorización dun residuo agroalimentario da castaña e un coproduto do concentrado de extractos de madeira, maioritariamente de eucalipto, procedente do proceso de fabricación de taboleiros duros de fibras.

O Consorcio Innobiorresiduos que desenvolve o proxecto está liderado por Extraco e formado polas empresas galegas Galaicontrol, Betanzos HB, Soutos Sativa e Indutec Ingenieros. Como entidades subcontratadas están o Laboratorio de Biotecnoloxía Agroalimentaria da Universidade de Vigo, situado no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación, e o Grupo de Investigación en Enxeñaría Civil e Enerxías Mariñas da Escola Politécnica Superior de Lugo. A iniciativa, que se desenvolve desde febreiro de 2016 ata finais de 2018, conta con financiamento da convocatoria Conecta Peme 2016 da Axencia Galega de Innovación, da Consellaría de Economía e Industria da Xunta de Galicia, con cargo a fondos Feder da UE.

Beneficios económicos e ambientais

“Con este proxecto buscamos unha maneira innovadora de usar residuos e coprodutos procedentes do sector agroindustrial galego”, explicou Francisco Javier Prego, do Departamento de I+D+i da empresa ourensá Extraco, que destacou como o proxecto Innobiorresiduos, que conta cun orzamento superior ao millón de euros, implica a empresas de diferentes puntos da xeografía galega e dos diferentes sectores, desde o primario ao terciario. A valorización destes subprodutos e polo tanto o proxecto, apuntou, ten “un interese tanto económico como ambiental”. No seu primeiro ano de desenvolvemento, indicou Prego, acometeuse a caracterización dos produtos da industria madereira e da castaña elixidos, co obxectivo de “coñecer exactamente para que serven”. Tamén se estiveron realizando, engadiu, as primeiras probas dos produtos obtidos en mostras de asfalto e solos e se comezou a traballar na valorización enerxética dos residuos xerados nestes procesos a través de compost ou produción eléctrica. “Os resultados están sendo moi positivos”, afirmou.

Esta caracterización dos materiais de partida, dos residuos e coprodutos estudados, foi realizada polo Laboratorio de Biotecnoloxía Agroalimentaria da Universidade de Vigo. Concretamente, apuntou José Manuel Domínguez, investigador principal do laboratorio, analizáronse quimicamente as características de varios residuos de castaña, como son follas, restos de podas e ourizos, e un conglomerado de madeira de eucalipto. O seguinte paso do proceso é, indicou, o fraccionamento destes materiais para obter os produtos de interese para o proxecto, fase na que actualmente están a traballar. “A finalidade última é obter bacteriocinas, para a conservación das castañas; biosurfactantes, para a mellora dos taboleiros de madeira, e antioxidantes para facer biopavimentos”, explicou Domínguez. “Esta revalorización de residuos e coprodutos permitirá non só incrementar o valor engadido de produtos e empresas implicados senón tamén minguar os danos ambientais que provoca a existencia destes residuos”, comenta a investigador da Universidade de Vigo.

Fomento da colaboración público-privada

Durante a xornada de traballo realizada na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, os membros do proxecto analizaron os avances realizados durante o último ano, revisaron a planificación para este segundo ano de actividade e fixeron unha presentación do proxecto aberta a todas as persoas interesadas. Durante a súa visita á xornada, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, destacou como Innobiorresiduos é unha iniciativa que “fai traballar conxuntamente a empresas e universidades e iso, dende logo, ten un enorme valor e importancia para a Universidade de Vigo”. O vicerreitor fixo fincapé nos froitos que dá a colaboración público-privada no eido da I+D+i e recalcou o aposta da institución académica co seu fomento.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós