DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 16 de xaneiro do 2017

Iria Fdez. Silva, do Campus do Mar, inicia un proxecto sobre especiación e hibridación de especies

O estudo dos peixes anxo ananos axudará a entender a biodiversidade mariña e a aprender a protexela

Xunto a Vigo participan investigadores de Estados Unidos, Xapón e Australia


Image“O noso traballo constitúe unha avaliación sen precedentes dos procesos de especiación, hibridación e introgresión nos ecosistemas mariños e os resultados que academos permitirán comprender mellor os procesos evolutivos e ecolóxicos que manteñen a biodiversidade mariña e os patróns xerais da evolución molecular”. Así describe a investigadora do Campus do Mar, Iria Fernández Silva, responsable da liña de Xenómica Mariña, o proxecto de investigación que acaba de iniciar, un traballo para o que acaba de recibir unha axuda do Programa Estatal de Fomento da Investigación Científica e Técnica de Excelencia de 60.000 euros.
A realización do proxecto corre a cargo dun equipo pluridisciplinar que inclúe investigadoras e investigadores de Vigo, Berkeley (Estados Unidos), Ryukyus (Xapón), Curtin (Australia) e da California Academy of Sciences (San Francisco).

D. Besadío | Vigo
“O noso traballo constitúe unha avaliación sen precedentes dos procesos de especiación, hibridación e introgresión nos ecosistemas mariños e os resultados que academos permitirán comprender mellor os procesos evolutivos e ecolóxicos que manteñen a biodiversidade mariña e os patróns xerais da evolución molecular”. Así describe a investigadora do Campus do Mar, Iria Fernández Silva, responsable da liña de Xenómica Mariña, o proxecto de investigación que acaba de iniciar, un traballo para o que acaba de recibir unha axuda do Programa Estatal de Fomento da Investigación Científica e Técnica de Excelencia de 60.000 euros.

Baixo o epígrafe Especiación e hibridación en peixes mariños: combinando estudos de xenómica, ecoloxía e comportamento fronte ao cambio global, a realización do proxecto corre a cargo dun equipo pluridisciplinar que inclúe investigadoras e investigadores das universidades de Vigo, Berkeley (Estados Unidos), Ryukyus (Xapón), Curtin (Australia) e da California Academy of Sciences (San Francisco), onde Fernández, investigadora do Laboratorio de Filoxenómica da Universidade, veu desenvolvendo a súa actividade nos últimos anos como beneficiaria dunha bolsa Marie Curie. “Imos empregar unha metodoloxía de investigación punteira, na que a xenómica se combina con estudos de ecoloxía e comportamento”, explica a investigadora, que fai tamén fincapé na importancia de estudar este tipo de procesos “para entender como se xera a biodiversidade e aprender a protexela”.

Observacións de campo nos arrecifes de coral dos océanos Índico e Pacífico

O obxectivo deste proxecto é estudar en peixes mariños a especiación, “proceso evolutivo polo que se forman novas especies, xeralmente a partir dunha soa que se fragmenta”, e a hibridación, “cando dúas especies xeralmente próximas entran en contacto e se reproducen entre si”. Para logralo estudarán un complexo de peixes anxo ananos (xénero Centropyge) que viven nos arrecifes de coral dos océanos Índico e Pacífico, especies que se parecen moito entre si pero que se distinguen polas súas rechamantes cores.

Por que os peixes anxo ananos e non outros? A investigadora explica que este xénero de peixes teñen unha gran diversidade de especies que se distinguen polas súas cores, un aspecto “moi interesante”, xa que a cor é comunmente empregada polos peixes de arrecife de coral para recoñecer individuos da mesma especie no apareamento. “En concreto nós estámonos centrando en tres especies de peixe anxo anano emparentadas pero que se diferencian polas súas cores, que sabemos que hibridan nos lugares onde se sobrelapan, e que hibridaron durante a súa historia evolutiva.

“Queremos estudar o seu uso do espazo, o seu comportamento e os seus xenomas”

Queremos estudar o seu uso do espazo, o seu comportamento e os seus xenomas para saber que é o que as mantén separadas, que é o que leva a que hibriden, e comprender mellor o impacto da hibridación e da especiación nos seus xenomas”, recalca Fernández, que fai fincapé en que aínda que se centrarán no estudo destes peixes, as conclusións do traballo permitirán entender máis sobre estes procesos na xeneralidade de especies mariñas. Primeiro secuenciarase o xenoma do peixe anxo anano C. vrolikiii, que servirá como referencia e, despois, secunciaranse a baixa profundidade os xenomas completos de individuos das especies parentais en zonas onde non teña habido sobrelapamentos (“para representar os tipos puros”) e de zonas de hibridación.

Para levar a cabo o traballo realizaranse observacións de campo para estudar os mecanismos ecolóxicos e de comportamento conducentes ao establecemento de poboacións híbridas e o rol dos taxons de orixe híbrido nos ecosistemas. Haberá observacións de campo en Micronesia e Vanuatu, no Pacífico, e tamén en Christmas Island, no océano Índico, onde hai numerosas poboacións híbridas deste tipo de peixes.

Regreso a Galicia tras seis anos de experiencia internacional

Santiaguesa, titulada en Bioquímica pola Universidad Complutense de Madrid, Iria Fernández Silva está vinculada á Universidade de Vigo dende 2011, cando se puxo en contacto co grupo de investigación de Filoxenómica, liderado polo catedrático David Posada, para traballar conxuntamente na solicitude dun proxecto Marie Curie, programa co que que a Unión Europea financia a estancia de investigadores mozos en países extracomunitarios. “Conseguímolo e dende entón levo traballando co grupo de Filoxenómica dende o 2013, a maior parte do tempo desenvolvendo a miña actividade en San Francisco, na California Academy of Sciences”, explica Fernández.

Tras este paso por California, ao que se engaden diferentes experiencias internacionais vividas previamente, acaba de regresar a Galicia contratada polo Campus do Mar –grazas á convocatoria europea FellowSea, dirixida á contratación de persoal investigador posdoutoral con máis de catro anos de experiencia-. “Levo seis anos fóra. Para min volver resulta unha oportunidade extraordinaria de poder aplicar os coñecementos adquiridos ao estudo dos ecosistemas galegos, relacionarme cos investigadores galegos e aprender máis sobre Galicia”, explica a investigadora, ao que engade que tamén ten moitas ganas de facer traballo de divulgación, pois gran parte da súa investigación dos últimos anos centrouse en estudar a fauna dos arrecifes de coral que son extremadamente diversos e fráxiles e uns grandes descoñecidos en Galicia. “Teño moitas ganas traballar en educación e concienciación medio ambiental, que creo que é moi necesaria en Galicia e, por suposto dende o punto de vista persoal tamén resulta moi gratificante estar cerca da miña familia”, conclúe a investigadora.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós