DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 17 de febreiro do 2017

A súa candidatura recibiu 35 votos a favor, oito en contra e oito en branco

O equipo decanal encabezado por Mar García renova o seu mandato á fronte de Ciencias da Educación

Entre os retos do centro para o novo período, a docente salientou a próxima acreditación dos graos


ImageEste venres celebráronse na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense as votacións para elixir ao equipo decanal que estará á fronte do centro durante os vindeiros tres anos. Os membros da Xunta de Facultade deron o seu apoio á única candidatura presentada, a candidatura de renovación do equipo decanal que, encabezado por Mar García, dirixiu nos últimos tres anos a facultade con máis alumnado do campus de Ourense. A proposta da docente recibiu 35 votos a favor, oito en contra e oito en branco.

Rosa Tedín | Ourense
Este venres celebráronse na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense as votacións para elixir ao equipo decanal que estará á fronte do centro durante os vindeiros tres anos. Os membros da Xunta de Facultade deron o seu apoio á única candidatura presentada, a candidatura de renovación do equipo decanal que, encabezado por Mar García, dirixiu nos últimos tres anos a facultade con máis alumnado do campus de Ourense. A proposta da docente recibiu 35 votos a favor, oito en contra e oito en branco.

Con este resultado, mantense como decana Mar García; como secretario Antonio González e como vicedecanos ou vicedecanas Ramón Ángel Fernández, en organización académica, espazos e recursos; Pino Díaz, en coordinación de graos e posgraos; Xosé Manuel Cid, en relacións institucionais, actividades culturais e intercambio, e Carmen Ricoy, en calidade e innovación educativa. “O motivo fundamental para volver a presentarnos foi considerar que pode ser beneficioso para os procesos avaliativos dos títulos e polo compromiso e responsabilidade de sacar adiante a acreditación dos graos e a certificación do sistema de garantía interna de calidade”, explicou Mar García durante o seu discurso. Neste tres anos de mandato, lembrou, produciuse a renovación da acreditación dos títulos de mestrado que se imparten na Facultade de Ciencias da Educación e o vindeiro mes de marzo celebrarase a acreditación dos graos de Educación Infantil, Primaria, Social e Traballo Social. Cando este paso estea superado, o seguinte reto, recordou, será acadar para o centro a certificación da implantación do sistema de garantía interna de calidade Fides-Audit.

Seguir mellorando

Tras agradecer o traballo, esforzo e colaboración de cada un dos colectivos que forman parte do centro, tanto persoal de administración e servizos e persoal docente e investigador como alumnado, García Señorán foi explicando aos presentes nas votacións os retos para os vindeiros tres anos en cada un dos eidos de actuación do centro. Na actualidade, destacou, Ciencias da Educación conta con máis de1600 alumnos e alumnas, cifra en crecemento, e máis dun cento de docentes para catro graos, tres mestrados e un programa de doutoramento. “Xestionar un centro tan grande é moi difícil. Aínda que sempre se pode mellorar, non podemos dedicarlle máis horas do que o facemos”, recalcou. Durante os vindeiros tres anos, apuntou a docente, “traballaremos para pór en marcha novas ideas e seguir mellorando a coordinación e colaboración entre o persoal do centro e institucións externas, para proporcionar un clima favorable que contribúa ao desenvolvemento profesional de todas e todos”.

No seu discurso, a decana subliñou como “estes últimos anos foron de moito traballo e difíciles, polas restricións económicas. Primeiro foi a adaptación dos títulos deste centro ao Espazo Europeo de Educación Superior, agora a acreditación e despois a certificación. Pero pasado todo isto podemos empezar a pensar en construír ese modelo de facultade que desexamos, que non estea tan centrado en aspectos burocráticos senón na innovación e mellora real da práctica educativa”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós