DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 17 de febreiro do 2017

CCSS e da Comunicación acolle unha nova edición do taller ‘Fala. Oratoria e comunicación’

Para mellorar as dotes oratorias hai que poñer o chándal

Inserido na programación de obradoiros da Vicerreitoría, céntrase no uso de técnicas teatrais e de clown


Image“Nos días previos ao inicio do taller, sempre envío un correo aos alumnos pedíndolles que sexan puntuais e veñan con roupa e calzado deportivo e iso rómpelles os esquemas...”, apunta Alberto Rosell, responsable do obradoiro Fala. Oratoria e Comunicación, que, no marco da programación de obradoiros de Extensión Cultural do campus, busca mellorar as dotes comunicativas dos e das asistentes. E de facelo ademais a través do traballo das emocións e da desinhibición, a través dunha serie de exercicios e dinámicas grupais que os levan a saltar, rir, suar e mesmo cantar nas sesións que se veñen desenvolvéndo ao longo deste mes en Ciencias Sociais e da Comunicación.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
“Nos días previos ao inicio do taller, sempre envío un correo aos alumnos pedíndolles que sexan puntuais e veñan con roupa e calzado deportivo e iso rómpelles os esquemas...”, apunta Alberto Rosell, responsable do obradoiro Fala. Oratoria e Comunicación, que, no marco da programación de obradoiros de Extensión Cultural do campus, busca mellorar as dotes comunicativas dos e das asistentes. E de facelo ademais a través do traballo das emocións e da desinhibición, a través dunha serie de exercicios e dinámicas grupais que os levan a saltar, rir, suar e mesmo cantar nas sesións que se veñen desenvolvéndo ao longo deste mes en Ciencias Sociais e da Comunicación.

Que unha desas dinámicas propostas para gañar confianza sexa realizar o “salto do anxo”, saltar ao aire para ser recollido polos compañeiros e compañeiras dá boa mostra de porque se trata dun taller que cómpre facer en chándal. “Trátase dun exercicio para gañar confianza, porque saben que os van coller, pero o que fan realmente é vencer ese medo a saltar”, explica este experto en técnicas de clown, que avoga por un “traballo 100% activo” para vencer medos e inseguridades que supoñen un lastre á hora de falar público. “Se o medo a voar, pérdese voando, o medo a falar en público, pérdese falando en público”, engade o responsable deste taller no que os alumnos e alumnas que cheguen tarde, deben situarse no medio da sala e cantar antes de incorporarse ao grupo. “Hai xa quen sabe que vai chegar tarde e vén pensando no coche que vai cantar”, apunta Rosell.

Da desinhibición á linguaxe corporal

Estudantes de diferentes facultades do campus e do Programa para Maiores, xunto con profesionais de diferentes eidos integran o grupo de 13 alumnos e alumnas que participan nun obradoiro que xerou “un feedback moi positivo” nas súas tres anteriores edicións, como recoñece Rosell. “De feito, neste curso teño como alumnas á nai e a unha irmá dunha participante no anterior”, engade dun obradoiro de 30 horas no que busca que as diferentes actividades sirvan como “ferramentas coas que superar os seus medos”.

Nese senso, gañar confianza en si mesmos e mellorar o seu manexo das emocións constitúen o primeiro paso para afondar logo “en cuestións máis técnicas, como a realización dunha presentación de Power Point ou falar de linguaxe corporal, pero sen perder de vista esa parte emocional”, que traballan a través de xogos e dinámicas baseadas en técnicas teatrais e na figura do pallaso. “Cada dinámica ten un obxectivo e de feito a última actividade de cada clase é un rondo de relaxación guiado, no que van repasando mentalmente todos os exercicios que fixeron, como se sentían, que sacaron en claro, que medos tiñan”... explica Rosell.

Propostas abertas a toda a cidadanía

Xunto a Fala. Oratoria e Comunicación, outros seis talleres integran o programa de obradoiros de Extensión Universitaria impulsado pola Vicerreitoría do campus para este segundo cuadrimestre. Cun prezo de matrícula de 26 euros para os membros da comunidade universitaria e de 40 para o resto das persoas interesadas, ás actividades xa en marcha súmanse nas próximas semanas cursos como Achégate ao tempo libre. A educación non formal como escenario profesional, que a partires do 8 de marzo impartirá a profesora Begoña Paz en Ciencias da Educación e do Deporte, ou Control de son en radio, que se desenvolverá en marzo en CCSS e da Comunicación, da man do técnico e locutor José María Bará. A estes talelres sumarase tamén nos meses de marzo e abril o taller Fotografía e xénero. Análise de imaxes contra a desigualdade; e tamén o vindeiro mes, unha nova edición do curso de Locución Audiovisual que imparte a xornalista e actriz Maika Aguado.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós