DUVI
Luns, 24 de Agosto do 2009

Situado entre Riós e A Gudiña, é un enclave cunha excepcional riqueza patrimonial

Arqueólogos da Universidade inician un proxecto de intervención no Monte Urdiñeira

Englóbase nun proxecto maior de posta en valor deste patrimonio cultural e paisaxístico


ImagePese a estar no mes de agosto, cando a actividade académica e docente diminúe considerablemente, un equipo de profesores e estudantes da Facultade de Historia inicia esta semana un dos traballos máis interesantes do curso: unha intervención arqueolóxica no Monte Urdiñeira e o seu entorno, entre os concellos de Riós e A Gudiña. O obxectivo é analizar os patróns de asentamento e a constitución como área de tránsito da Serra da Urdiñeira, así como analizar a importancia das rutas de paso natural desta zona, un dos enclaves máis representativos da rede viaria ourensá.

D. Besadío | Ourense
Pese a estar no mes de agosto, cando a actividade académica e docente diminúe considerablemente, un equipo de profesores e estudantes da Facultade de Historia inicia esta semana un dos traballos máis interesantes do curso: unha intervención arqueolóxica no Monte Urdiñeira e o seu entorno, entre os concellos de Riós e A Gudiña. O obxectivo é analizar os patróns de asentamento e a constitución como área de tránsito da Serra da Urdiñeira, así como analizar a importancia das rutas de paso natural desta zona, un dos enclaves máis representativos da rede viaria ourensá que combina a presenza de dous eixes fundamentais nas comunicacións deste territorio: oeste-este coa Meseta e norte-sur con Portugal.
Os traballos, que se extenderán ata os inicios do mes de setembro, levaranse a cabo baixo a dirección da profesora Beatriz Comendador, quen salienta que entre as actividades previstas está a prospección ou busca intensiva de posibles xacementos no entorno, “un lugar cunha excepcional riqueza patrimonial froito da súa remanencia no tempo, desde a Prehistoria ata os nosos días”.
Os traballos, nos que tamén participará un doutorando da Universidade de Cork en Irlanda, levaranse a cabo mediante exploración superficial, evitando nesta ocasión a remoción de terras. Entre outras áreas está previsto traballar na zona do achado denominado “Tesouro da Urdiñeira”, un conxunto de obxectos suntuarios da Idade de Bronce, localizado casualmente en 1921 e actualmente repartido entre os museos arqueolóxicos de Lugo e Ourense.
Ao longo destas dúas semanas revisaranse e incluiranse no proxecto para a súa avaliación e estudo outros xacementos xa catalogados previamente, así como a relación de vías de paso tradicionais e algúns elementos etnográficos, como varias explotacións mineiras de estano.

Talleres cos veciños

Os veciños do lugar non serán alleos a todo o rebumbio arqueolóxico que se vai producir estes días. “Temos programados unha serie de talleres de intercambio”, explicaba a directora do grupo, quen fai fincapé en que serán actividades con participación de todos “os arqueólogos imos falar do devir do tesouro, que é e que significa, pero é moi importante recoller tamén deles información, desde as lendas propias do lugar ata información toponímica, un material que para nós é dunha inmensa valía”, explicou. No concello de Riós os talleres terán lugar no Centro Interpretativo da Castaña, mentres que en A Gudiña, “aínda está por determinar tanto a hora como o lugar, pero será ao longo desta semana ou da que ven”.
A actuación tamén contempla o rexistro completo da denominada estatua-menhir do Tameirón, así como a revisión específica para arte rupestre do conxunto de abrigos ou covas das fragas da Urdiñeira.

Un proxecto de posta en valor do patrimonio

Este proxecto forma parte do proxecto marco Organización territorial da provincia de Ourense na Idade Media (ss- XII-XV), dirixido pola profesora Beatriz Vaquero, no que se inclúe o plan de difusión dos resultados. Para isto elaborarase unha páxina web na que aparecerán varios mapas históricos coas circunscricións administrativas e eclesiásticas e vilas medievais, castelos, mosteiros ou igrexas parroquiais románicas. “Nestes intres estamos co traballo de campo pero a idea é facer algo moito máis amplo, múltiples actividades para pór en valor o patrimonio da zona, que é moi importante”, destacou Comendador. “Trátase de facer unha divulgación que non sexa especificamente científica, barallamos, por exemplo, a posibilidade de facer un cómic contando a historia”, salienta.
Por agora o subproxecto da Urdiñeira iniciou xa a súa difusión a través do blog http:urdinheira.blogspot.com, onde se exploran ademais as potencialidades de posta en valor deste patrimonio cultural e paisaxístico dentro dun modelo de desenvolvemento sostible. “Concibímolo tamén como un lugar de intercambio, no que poder intercambiar información con outros investigadores, tanto de Portugal como de Zamora”, salienta a investigadora quen lembra que estamos a falar dunha zona que, debido ao seu carácter fronteirizo, “quedou un pouco esquecida á hora de estudala”.
O proxecto está financiado pola Deputación Provincial de Ourense a través da convocatoria de 2009 de axudas a grupos de investigación da Vicerreitoría do Campus de Ourense, para proxectos de temática relacionada co desenvolvemento social e económico da provincia de Ourense.

Tesouro da Urdiñeira

O coñecido como Tesouro da Urdiñeira, dous brazaletes de ouro e un disco ou botón de bronce cunha antigüidade de máis de tres mil anos, localizouse casualmente no ano 1921, preto do lugar de Parada da Serra.
Os brazaletes foron adquiridos polo coleccionista santiagués Ricardo Blanco Cicerón e posteriormente pasaron á colección de Álvaro Gil Varela. Finalmente, en 1974 ingresaron como depósito no Museo de Lugo, onde actualmente están expostos, aínda que é de recente actualidade o litixio da Deputación de Lugo cos descendentes de Gil Varela. Pola súa parte, a peza de bronce, considerada de menor entidade polos coleccionistas, foi separada do resto do conxunto e depositada no Museo Arqueolóxica Provincial de Ourense.
Seg. >

DUVI. Diario da Universidade de Vigo. 2007-2008 | Redacción