DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 18 de maio do 2011

Salustiano Mato, Santiago Domínguez e Iolanda Veloso asinaron dous convenios de colaboración

Universidade e Concello poñen en marcha un plan integral de emprego para a mocidade viguesa

A institución académica incrementará a súa presenza cultural e social na cidade a través de RECUVI


ImageAnte a situación actual de paro, que afecta sobre todo á poboación xuvenil, Universidade e Concello póñense mans á obra para desenvolver propostas activas que leven á consolidación de novos horizontes laborais para a xuventude viguesa. A sinatura esta mañá dun convenio de colaboración permitirá a posta en marcha dun Plan Integral de Emprego Xuvenil que porá sobre a mesa diferentes ferramentas para potenciar a empregabilidade xuvenil. O reitor, Salustiano Mato; o tenente de alcalde, Santiago Domínguez e a concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, foron os encargados de rubricar o acordo.

D. Besadío | Vigo
Ante a situación actual de paro, que afecta sobre todo á poboación xuvenil, Universidade e Concello póñense mans á obra para desenvolver propostas activas que leven á consolidación de novos horizontes laborais para a xuventude viguesa. A sinatura esta mañá dun convenio de colaboración permitirá a posta en marcha dun Plan Integral de Emprego Xuvenil que porá sobre a mesa diferentes ferramentas para potenciar a empregabilidade xuvenil. O reitor, Salustiano Mato; o tenente de alcalde, Santiago Domínguez e a concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, foron os encargados de rubricar un acordo “co que nos poñemos a traballar conxuntamente para que a mocidade teña máis doado acceder ao mercado laboral”, salientou o reitor vigués.

Co plan estratéxico da Área de Emprego da Universidade como base, o novo Plan Integral de Emprego Xuvenil centrarase nos mozos e mozas que, unha vez rematados os seus estudos, precisan mergullarse no mercado laboral. A idea, segundo expuxo o reitor vigués, é estender diferentes iniciativas que xa se están levando a cabo dende a propia Universidade para os titulados universitarios e indicar de que maneira, en colaboración co Concello, se pode axudar de forma extensiva á xente moza a penetrar no mundo laboral. “Dende xa”, subliñou o tenente de alcalde, o equipo de traballo da Vicerreitoría de Transferencia do Coñecemento está a traballar neste plan que “ten que ser e vai a ser esa gran folla de ruta que nos próximos meses o goberno municipal teña que pór en marcha para acadar, dentro das nosas posibilidades, a reactivación económica”.

O plan concrétase en dous eixes de actuación fundamentais: autoemprego e guía de acceso ao mercado laboral. No que a emprendemento se refire, farase fincapé en asesorar ás persoas interesadas en crear a súa propia empresa nas diferentes formas de aproveitar as oportunidades ás que pode acceder e, a outra liña, centrarase en axudar á xuventude no seu “mergullo laboral”, o que inclúe dende asesoramento en formación e busca de información ata como pór en valor os coñecementos e capacidades de cada persoa e harmonizalos coa busca dun emprego, “é dicir, non todos os lugares, nin todas as ofertas, nin todas as posibilidades son as máis axeitadas para as capacidades e expectativas que cada un ten”, subliñou o reitor.

Nace RECUVI, Rede Cultural Univer-Cidade de Vigo

Ademais de emprego, a colaboración Concello-Universidade fortalecerase tamén no aspecto cultural e deportivo “ámbitos nos que xa vimos colaborando dende hai anos”, apuntou o tenente de alcalde. Esta revitalización virá da man de RECUVI, a nova Rede Cultural Univer-Cidade de Vigo unha “ventanilla única”, indicou o reitor, coa que a Universidade porá a disposición da cidadanía toda a súa produción cultural e deportiva. “Trátase de mergullarse na cidade, fundamentalmente nos barrios e nas parroquias, de estreitar lazos de colaboración sociocultural e de alicerzar e incrementar a presenza social da Universidade na nosa sociedade”, indicou o reitor.

Para este fin a cidade de Vigo establecerá unha rede de nódulos con persoas responsables en todas as asociacións veciñais, culturais, recreativas e deportivas da cidade, co obxecto de que o fluxo de formación e información sexa continuo e recíproco, que a cidadanía demande da Universidade e que esta responda ás demandas cidadás e motive outras dinámicas de intercambio de coñecemento.

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós