DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 24 de maio do 2011

O Equipo de Dirección reuniuse este luns na USC

Campus do Mar convoca 35 bolsas de mestrado por unha contía de 350.000 euros

No encontro tamén se esbozaron as bases do programa de contratación de tecnólogos


ImageCampus do Mar vai convocar para o vindeiro curso 35 bolsas de mestrado por unha contía de 350.000 euros. Así o decidiu o equipo de dirección do Campus do Mar nunha xuntanza mantida este luns no Edificio CACTUS da Universidade de Santiago de Compostela. O obxectivo, segundo manifestaron ao remate da reunión, é “que sexa un dos instrumentos centrais no proceso de transformación en Campus de Excelencia Internacional, co fin de conseguir así a maior calidade na formación de posgrao, tanto no mestrado como no doutoramento”.
Dirixidas a estudantes de calquera lugar do mundo que realicen un mestrado impartido en calquera das tres universidades galegas promotoras do Campus do Mar, espérase que os beneficiarios, en función da súa capacitación e formación se convertan en novos investigadores e investigadoras nos diferentes ámbitos da investigación mariña e marítima, adquiridas en calquera das institucións integrantes do Campus do Mar.


D. Besadío | Vigo
Campus do Mar vai convocar para o vindeiro curso 35 bolsas de mestrado por unha contía de 350.000 euros. Así o decidiu o equipo de dirección do Campus do Mar nunha xuntanza mantida este luns no Edificio CACTUS da Universidade de Santiago de Compostela. O obxectivo, segundo manifestaron ao remate da reunión, é “que sexa un dos instrumentos centrais no proceso de transformación en Campus de Excelencia Internacional, co fin de conseguir así a maior calidade na formación de posgrao, tanto no mestrado como no doutoramento”.

Dirixidas a estudantes de calquera lugar do mundo que realicen un mestrado impartido en calquera das tres universidades galegas promotoras do Campus do Mar, espérase que os beneficiarios, en función da súa capacitación e formación se convertan en novos investigadores e investigadoras nos diferentes ámbitos da investigación mariña e marítima, adquiridas en calquera das institucións integrantes do Campus do Mar. Sen determinar aínda a data exacta, Emilio Fernández, director do proxecto, destaca que “será nas próximas semanas, unha vez se superen os pasos administrativos habituais nestes casos, cando se publiquen as bases de convocatoria”.

Desde o Equipo de Dirección do Campus do Mar salientouse tamén que nas tres universidades galegas existen mestrados que centran os seus obxectivos no medio mariño e nas actividades que nel se desenvolven, pero ademais existen outros mestrados que, “aínda que non directamente relacionados co mar”, si inclúen materias que abordan diversos aspectos estreitamente vinculados ao medio mariño e marítimo tanto nos eidos científico e tecnolóxico, como no xurídico social e no das humanidades.

Proxección internacional

Ademais da convocatoria de bolsas, o Equipo de Dirección do Campus do Mar acordou tamén nesta reunión fomentar e desenvolver accións de proxección internacional, participando en foros e eventos en diferentes ámbitos e áreas xeográficas que permitan promocionar e difundir as accións e actividades do Campus do Mar no exterior.

No seguimento ás diferentes accións que están en marcha, o encontro serviu tamén para seguir perfilando o programa de contratación de tecnólogos e esbozar as bases de novas convocatorias para a organización de eventos internacionais e apoio á elaboración de proxectos.

Próxima reunión: a finais de xuño na Coruña

Xunto a Emilio Fernández, director do Campus do Mar, o equipo de dirección está integrado polo profesor do CSIC Francisco Gómez Figueras, responsable da Área de Investigación; Luis Fernández, da Universidade de A Coruña, coordinador da Área de Transferencia; Alberto González Garcés, conselleiro técnico no IEO, encargado da Área de Internacionalización; Elsa Vázquez, que fora vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, responsable da Área de captación de talento, e Victoriano Urgorri, catedrático da USC, ao fronte da Área de Proxección Social e Cultura Científica. Xunto con eles, con voz pero sen voto neste equipo directivo, a vicexerente de Internacionalización da Universidade de Vigo, Regina Carreira, é a directora da Área de Xestión.

A súa próxima reunión, aínda sen data fixa, será, segundo indicou o director, a finais do vindeiro mes de xuño na Universidade da Coruña.

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós