DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 11 de setembro do 2012

Moncho Iglesias convértese no primeiro tradutor do árabe ao galego

48 berros palestinos que soan en lingua galega

'Carné de Identidade' recolle 48 poemas de Darwix, un dos máis célebres literatos árabes contemporáneos


ImageEscritor e tradutor, Moncho Iglesias (Vigo, 1974) é licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Vigo e alumno de doutoramento en Filoloxía Galega cunha tese na que compara os contos de tradición oral palestinos e galegos, unha investigación que dirixe a catedrática Camiño Noia. Leva nove anos vivindo en Oriente Medio como profesor da Universidade Nacional de An-Najah na cidade palestina de Nablus, pero cada certo tempo visita a súa terra natal, sempre con traballos que presentar e novos proxectos rebulindo na cabeza. Nesta ocasión regresou con Carné de identidade, a primeira tradución do árabe ao galego de Mahmud Darwix, un dos máis célebres literatos árabes contemporáneos. Asina a obra coa súa compañeira Samar Sabat, con quen pensa xa na posibilidade, de cara ao ano que ven, de traducir ao árabe á autora galega máis universal, Rosalía.

D. Besadío | Vigo
Escritor e tradutor, Moncho Iglesias (Vigo, 1974) é licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Vigo e alumno de doutoramento en Filoloxía Galega cunha tese na que compara os contos de tradición oral palestinos e galegos, unha investigación que dirixe a catedrática Camiño Noia “traballadora, estudosa e boa amiga”. Leva nove anos vivindo en Oriente Medio como profesor da Universidade Nacional de An-Najah na cidade palestina de Nablus, pero cada certo tempo visita a súa terra natal, sempre con traballos que presentar e novos proxectos rebulindo na cabeza. Este verán regresou a Vigo con Carné de identidade, a primeira tradución do árabe ao galego de Mahmud Darwix, un dos máis célebres literatos árabes contemporáneos. Asina a obra coa súa compañeira Samar Sabat, con quen pensa xa na posibilidade, de cara ao ano que ven, de traducir ao árabe á autora galega máis universal, Rosalía.

A idea de traducir a Mahmud Darwix ao galego xurdiu da necesidade de achegar a realidade palestina á galega. “Palestina tamén ten literatura, e moita, e boa”, subliña Moncho Iglesias, que explica que nun principio pensaron nunha escolma de poetas palestinos, como Ibrhim e Fadwa Tuqan, Samith al-Quassim ou Tamin Bargouti, “pero logo pareceunos mellor a idea de Darwix, que é un autor xa coñecido e un abandeirado de Palestina e da súa literatura”, apunta Iglesias, que admite que se deixou seducir pola poesía social, política, reivindicativa e “incluso cronolóxica” deste autor.

A historia de Palestina a través dos versos de Darwix

En Carné de identidade Moncho e Samar realizaron unha selección de 48 poemas de toda a traxectoria do autor. Non elixiron esta cifra ao azar, senón por todo o que significa para o pobo palestino, xa que no 48 Mahmud Darwix foi expulsado da súa aldea natal e, como moita outra xente en Palestina, sufriu o exilio. Por iso os 48 poemas, xa que, amais de contar a historia de Palestina por medio dos versos de Darwix, que están colocados por orde de aparición, reflicte un feito importante para o pobo palestino “e que tamén pode lerse nalgún dos poemas de Darwix, como en Carta dende o exilio, onde o eu poético fala cos seus e pregunta sobre eses que tivo que deixar un día e aínda bota de menos”. Igual que este poema, a maioría dos que elixiron son berros, diálogos ou monólogos sobre un pobo que vive, na súa maioría, no exilio; “un pobo que ten saudades do seu e que é capaz de fotografar dende fóra o que sucede dentro”, puntualiza Iglesias, ao tempo que explica que iniciou este proxecto hai xa algo máis de tres anos.

Editado por Barbantesa, a tradución, que se presentou no mes de xullo na Feira do Libro de Vigo, saíu á rúa en formato bilingüe, xa que ademais de en galego os poemas poden lerse na súa versión orixinal “de maneira que podemos achegar non só a literatura árabe cara o lector galego, senón tamén achegar a literatura palestina ao mundo árabe”, subliña o filólogo vigués, que apunta como curiosidade que entre as pezas traducidas se atopa Pasaxeiros entre palabras fugaces que lera algunha vez Mahmud Darwix e que estaba traducido a varios idiomas, pero que non estaba rexistrado en papel.

Pioneiro tamén en traducir do hebreo ao galego

Carné de identidade non é, nin moito menos, o primeiro traballo no eido da tradución para Moncho Iglesias, que xa en 2006 foi o autor da primeira tradución do hebreo ao galego coa obra O condutor de autobús que quería ser Deus de Etgar Keret, un traballo ao que o ano pasado sumou Saudades de Kissinger do mesmo autor “unha boa colección de contos breves con moita ironía e imaxinación”.

“A verdade é que sempre hai proxectos”, subliña o tradutor que explica que hai tempo comezou a traducir Árabes danzantes, de Said Kaxúa, un escritor dos chamados árabes-israelís. “É árabe e escribe en hebreo, cunha prosa fácil e que logra reflectir a realidade dos palestinos desprazados dentro do seu territorio, e de contar os sentimentos duns e outros”, apunta Iglesias, ao tempo que subliña que lle gustaría traducir obras que falan sobre Palestina, como a novela Un mapa de casa, de Randa Jarrar, en inglés; ou mesmo a guía Palestina e os palestinos, editada en Palestina, e que xa está bastante avanzada.

Tradutor, narrador, poeta e ensaísta

Escribir é para Moncho Iglesias unha necesidade. Sempre leva con el bolígrafo e papel para anotar palabras ou frases que poden xurdir de calquera momento. “Aínda teño billetes de metro con versos soltos e follas e recortes por todos lados que, ás veces, se perden na nada ou outras forman parte de algo meu que podo chegar a confundir con citas que collo doutras persoas”, lembra.

A súa traxectoria da fe das súas verbas. Como poeta publicou en México -3’141516 (Indoamericano, 2001) e Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos ( Positivas, 2007) en Galicia e a finais de ano sairán dous poemarios “un sobre Palestina e outro sobre a miña avoa”. Como ensaísta Os contos de animais na tradición oral Palestina (Fundación Araguaney, 2008) e como narrador Tres cores: azul (Estaleiro Editora, 2010) completan por agora o currículo de Iglesias.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós