DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 20 de xuño do 2013

Ocupa o posto 77 do listado elaborado por The Times Higher Education

Vigo entra no ránking das 100 mellores universidades do mundo de menos de 50 anos

A institución viguesa tamén está no Top400 das mellores do mundo


ImageA experiencia é un grao pero, desta volta, son a xuventude e a excelencia os valores principais que fixeron que a Universidade de Vigo entre por primeira vez no ránking das 100 mellores universidades do mundo de menos de 50 anos. Elaborado por The Times Higher Education, esta clasificación permite recoñecer e ponderar os resultados de investigación, calidade docente, internacionalización e transferencia de institucións académicas novas de todo o mundo. Este mesmo organismo vén de facer público tamén o listado das 400 mellores universidades do planeta, un club ao que tamén pertence a institución viguesa, que se sitúa no tramo entre 350 e 400. Para o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García, “isto é froito do traballo de toda a comunidade universitaria durante moitos anos e confirma que as cousas se están facendo ben dende hai tempo”.

M. Del Río | Vigo
A experiencia é un grao pero, desta volta, son a xuventude e a excelencia os valores principais que fixeron que a Universidade de Vigo entre por primeira vez no ránking das 100 mellores universidades do mundo de menos de 50 anos. Elaborado por The Times Higher Education, esta clasificación permite recoñecer e ponderar os resultados de investigación, calidade docente, internacionalización e transferencia de institucións académicas novas de todo o mundo. Este mesmo organismo vén de facer público tamén o listado das 400 mellores universidades do planeta, un club ao que tamén pertence a institución viguesa, que se sitúa no tramo entre 350 e 400. Para o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García, “isto é froito do traballo de toda a comunidade universitaria durante moitos anos e confirma que as cousas se están facendo ben dende hai tempo”.

Unha visión de futuro

No posto 77, o mesmo que a Charles Darwin University, de Australia, a Universidade de Vigo entra por primeira vez neste ránking que, segundo explica o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández, “proporciona unha visión cara ao futuro, non pretende exhibir aquelas institucións con séculos de historia, senón as estrelas en ascenso que mostran un gran potencial”. Cunha puntuación de 33.8, The Times Higher Education destaca que é a 15ª universidade española no eido científico e subliña que “a transferencia de coñecemento é unha prioridade institucional”.

Entre estas 100 universidades novas, hai tan só seis españolas, incluíndo Vigo. Nos posto 22 está a Autónoma de Barcelona, no 25 a Pompeu Fabra, no 52 a Autónoma de Madrid, no 77 Vigo, no 80 a Politécnica de Valencia e no 99 a Politécnica de Cataluña. Segundo explica Fernández, cabe subliñar que entre elas non hai ningunha privada, unha mostra máis do potencial do ensino superior público en España. Por outra banda, estas seis universidades representan unicamente a catro comunidades autónomas: Madrid, Barcelona, Comunidade Valenciana e Galicia. Este ránking está encabezado pola Pohang University of Science and Technology (Corea), seguida da École Polytechnique Fédérale de Lausanne (Suiza) e Korea Advanced Institute of Science and Technology (Corea). Para o vicerreitor de Economía e Planificación é destacable o feito de que Vigo sexa a única universidade “do seu tamaño e da súa idade” presente nesta clasificación e subliña que proporciona unha visión da evolución en positivo de cara ao futuro”.

Entre os indicadores que serviron para situar Vigo no posto 77 destaca principalmente o índice de artigos citados, no que obtén 63.7 puntos e a transferencia e a innovación con 36.6, seguido da vertente de internacionalización que valoran cun 26.9. Como a punta o vicerreitor Manuel Fernández, “o panel de avaliación considera os mesmos 13 indicadores que avalía o prestixioso World University Rankings, pero a metodoloxía foi coidadosamente recalibrada para reflectir as características especiais das universidades máis novas, dando menos importancia aos indicadores subxectivos de reputación académica e máis aos que reflicten a excelencia, o bo facer e o potencial de crecemento futuro”.

O potencial do Campus do Mar

Entre as 100 mellores universidades de menos de 50 anos hai tres parceiras do Campus do Mar, Vigo, Minho e Aveiro. Das sete universidades socias do campus do excelencia, dúas delas non poderían entrar nesta clasificación dada a súa antigüidade (Santiago de Compostela e Porto). Das outras cinco potenciais candidatas a entrar no ránking, estas tres están dentro do Top100, un elevado índice de éxito que demostra o potencial deste proxecto internacional que ten o mar como eixo principal.

Entre as 400 mellores universidades do mundo

Precisamente no World University Rankings a Universidade de Vigo tamén ten o seu oco, situándose no tramo entre as 351 e 400 das mellores do mundo, como única representante galega. Neste Top400 están presentes sete universidades españolas: no tramo 201-225 hai tres catalás, a Autónoma de Barcelona, a Universidade de Barcelona e a Pompeu Fabra. No tramo 301-350 está a Autónoma de Madrid e, finalmente, entre o 351-400 están, xunto coa de Vigo, a de Valencia e a Politécnica de Valencia. Do mesmo xeito que no ránking das universidades novas, nesta lista aparecen unicamente universidades públicas. Á fronte deste Top400 hai dúas universidades estadounidenses (California Institute of Technology e Stanford University) seguidas dunha inglesa (Oxford).

Os rankings Times Higher Education World University, impulsados por Thomson Reuters, son as únicas clasificacións globais de rendemento universitario para poder avaliar as universidades de todo o mundo a través da análise das súas funcións fundamentais, como son a ensinanza, a investigación, a transferencia de coñecementos e a perspectiva internacional. Para isto, empréganse 13 indicadores coidadosamente calibrados para prover as comparacións máis amplas e equilibradas dispoñibles, obtendo resultados de utilidade tanto para estudantes, académicos e líderes da universidade, como para a industria e os gobernos.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós