DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 29 de setembro do 2014

Ata agora non había unha aplicación informática que permitise o seguimento e trazabilidade das mensaxes

A Universidade reactiva unha “fiestra” a través da que recibir queixas, suxestións e parabéns

Os usuarios poderán coñecer o estado do seu comentario, que debe recibir resposta en 15 días


ImageCentralizado, informatizado e renovado. O sistema de xestión de queixas, suxestións e parabéns da Universidade estrea novo formato, tratando de mellorar a súa xestión e abrindo unha fiestra de comunicación eficaz coa comunidade universitaria e coa cidadanía en xeral. Esta caixa está aberta a estudantes, persoal e sociedade en xeral, de xeito que poidan dispor dunha canle a través da que expoñer cuestións relacionadas coa calidade e mellora do servizo público prestado polas unidades, oficinas e servizos da Universidade. Explica Rosa Graña, coordinadora da Unidade de estudos e programas, que “as administracións públicas, e as universidades en concreto, veñen establecendo Sistemas de QSP nos últimos anos como cauce xenérico de relación coa cidadanía.

Duvi | Vigo
Centralizado, informatizado e renovado. O sistema de xestión de queixas, suxestións e parabéns da Universidade estrea novo formato, tratando de mellorar a súa xestión e abrindo unha fiestra de comunicación eficaz coa comunidade universitaria e coa cidadanía en xeral. Esta caixa está aberta a estudantes, persoal e sociedade en xeral, de xeito que poidan dispor dunha canle a través da que expoñer cuestións relacionadas coa calidade e mellora do servizo público prestado polas unidades, oficinas e servizos da Universidade. Explica Rosa Graña, coordinadora da Unidade de estudos e programas, que “as administracións públicas, e as universidades en concreto, veñen establecendo Sistemas de QSP nos últimos anos como cauce xenérico de relación coa cidadanía, para recoller a súa insatisfacción ou a manifestación sobre a atención recibida, así como para recibir suxestións ou iniciativas para mellorar o servizo prestado”. Este sistema, que permite unha reposta rápida e sinxela, forma parte dos programas de modernización e mellora continua da xestión, procedementos e servizos.

As queixas, suxestións e parabéns poden enviarse de xeito anónimo. Se o usuario ou usuaria desexa unha resposta deberá facilitar un correo electrónico ou os datos necesarios para unha resposta por correo ordinario. O prazo de resposta será como máximo de 15 días hábiles e os usuarios e usuarias poderán coñecer a través da aplicación o estado da súa mensaxe. Graña apunta que “de momento funciona para os servizos centrais e en aspectos relacionados coa xestión, pero estamos traballando conxuntamente coa Área de Calidade para implantala nos centros, e incluíndo as QSP no ámbito de docencia, dando deste xeito cobertura ao Sistema de Garantía de calidade de escolas e facultades”. Este caixón ten un acceso directo dende a páxina web principal da Universidade e dende todas as páxinas que dela dependen e as mensaxes poderán referirse tanto a procesos como a persoas, instalacións e prestacións.

Cada vez menos comentarios dende 2011

O Sistema de queixas, suxestións e parabén entrou en funcionamento, co seu anterior formato, a finais de 2010. En 2011 recibiu máis de 200 mensaxes de diferente tipo, pero dende ese intre o número de comunicacións foi baixando substancialmente, unha situación atribuíble á falta de seguimento e ao deficiente funcionamento. Con este cambio de formato e contando cunha aplicación informática, dende a Unidade de Estudos e Programas agardan reactivalo, recollendo así o sentir tanto da comunidade universitaria como de empresas colaboradoras ou cidadáns. Destaca Graña que “agora implantamos un procedemento no que están perfectamente definidas as responsabilidades e os prazos e mellórase tamén con varias medidas, entre elas a posibilidade de que a persoa usuaria poida consultar a través da web o estado da súa queixa, suxestión e parabén. Cada ano publicarase un informe no que se recollerán os principais indicadores do procedemento e as propostas de mellora”.

O procedemento de QSP está conectado cos procedementos de Tratamento de non conformidades e Accións correctivas e preventivas polo que haberá trazabilidade entre a queixa e as accións que se tomen para a súa corrección ou prevención.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós