DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 30 de outubro do 2014

É o único científico español no ránking publicado pola revista 'Nature'

Un artigo do catedrático vigués David Posada, entre os 100 máis citados da historia

Describe unha ferramenta bioinformática que deseñou mentras realizada o seu doutoramento nos EEUU


ImageEntre os 100 artigos científicos máis citados da historia só aparece o nome dun español, o catedrático da Universidade de Vigo David Posada. O seu paper, publicado en 1998 na revista Bioinformatics ocupa o posto 76 dos textos máis citados, segundo o ránking publicado esta semana pola revista Nature. O artigo, titulado MODELTEST: Testing the model of DNA, foi citado 14.099 veces e é o noveno máis recente dos 100 que se recollen nesta clasificación. De feito, o máis citado da historia é un artigo asinado por Lowry, O. H., Rosebrough, N. J., Farr, A. L. & Randall, R. J., sobre a medición da proteína co reactivo de fenol de Folin, que foi publicado en 1951 e acumula 305.148 citacións. O artigo de Posada describe unha ferramenta bioinformática que deseñou durante a súa estadía nos Estados Unidos para realizar o seu doutoramento na Brigham Young University.

M. Del Río | Vigo
Entre os 100 artigos científicos máis citados da historia só aparece o nome dun español, o catedrático da Universidade de Vigo David Posada. O seu paper, publicado en 1998 na revista Bioinformatics ocupa o posto 76 dos textos máis citados, segundo o ránking publicado esta semana pola revista Nature. O artigo, titulado MODELTEST: Testing the model of DNA, foi citado 14.099 veces e é o noveno máis recente dos 100 que se recollen nesta clasificación. De feito, o máis citado da historia é un artigo asinado por Lowry, O. H., Rosebrough, N. J., Farr, A. L. & Randall, R. J., sobre a medición da proteína co reactivo de fenol de Folin, que foi publicado en 1951 e acumula 305.148 citacións. O artigo de Posada, que asina conxuntamente con K. A. Crandall, describe unha ferramenta bioinformática deseñada durante a súa estadía nos Estados Unidos para realizar o seu doutoramento na Brigham Young University. O director do Laboratorio de Filoxenómica da Universidade de Vigo explica que “para reconstruír a historia evolutiva empréganse modelos probabilísticos e esta ferramenta axuda a facer a selección estatística do modelo de ADN que mellor se adapta aos datos”. O alto índice de citacións responde, segundo Posada, ao feito de que se trata dunha ferramenta “nada sofisticada pero extremadamente útil que permite facer dun xeito simple unha selección que, doutro xeito, sería tediosa”. A día de hoxe MODELTEST emprégase de xeito rutinario no campo da evolución molecular, o que responde a unha das metas dos investigadores e investigadoras, “que os nosos traballos sexan útiles para os compañeiros”, recoñece o primeiro investigador galego en acadar un Starting Grant da UE.

100 entre 50 millóns

Para realizar este ránking tivéronse en conta todos os artigos científicos publicados ata o momento e rexistrados na base de datos de Thomson, que contén arredor de 58 millóns de publicacións. Segundo explica a revista Nature, se se fixese un paralelismo no monte Kilimanjaro “os 100 artigos máis citados representarían so un centímetro no pico” e so 14.499 documentos acadan máis de 1000 citas. O investigador vigués apunta que moitos dos cen artigos que entraron nesta clasificación versan precisamente sobre ferramentas e métodos, que por ser transversais á investigación teñen moito impacto entre a comunidade científica.

A revista Nature apostou por elaborar este ránking coincidindo coa celebración do cincuenta aniversario do Science Citation Index (SCI), unha iniciativa pioneira para realizar un seguimento das citas na literatura científica, xa que a través das citacións, os científicos e investigadores recoñecen as fontes empregadas nos seus traballos, o que dá idea da importancia e utilidade dos documentos publicados.

Máis ferramentas que grandes descubrimentos científicos

Fronte ao que se puidese agardar deste tipo de clasificación, non son os grandes descubrimentos científicos da historia os que acaparan estes cen primeiros postos, senón que na súa gran maioría son métodos experimentais ou softwares que se teñen convertido en ferramentas esenciais nos seus campos de estudo, como é o caso do MODELTEST de Posada. O corte para entrar entre estes 100 traballos máis recoñecidos está nas 12.119 citas, e boa parte dos principais descubrimentos clásicos non superan esa cifra.

Con todo, os autores do artigo de Nature tamén lembran que os descubrimentos fundamentais, como podería ser a Teoría da Relatividade de Einstein “son tan importantes que se incorporan ao texto principal dos documentos sen necesidade de citas”. Entre os autores destes cen artigos hai varios premios Nobel, como Frederick Sanger, que obtivo o galardón por dúas veces na modalidade de Química e conta nesta clasificación cun artigo no posto cuarto. De feito, os artigos relacionados con técnicas biolóxicas ocupan boa parte dos postos máis altos nesta táboa. Pero a rápida expansión da secuenciación xenética axudou a impulsar nesta clasificación aos traballos do eido da bioinformática, no que se encadra a ferramenta deseñada por Posada, e da filoxenética, campos que tamén achegan varios textos a este Top100.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós