DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 06 de novembro do 2014

O reitor entregou as acreditacións aos responsables destes tres centros

Minas, Informática e Filoloxía e Tradución certifican a implantación dos seus sistemas de garantía interna de calidade

Ao abeiro da convocatoria aberta pola Acsug dentro do programa FIDES/AUDIT


ImageA Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas, a Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Facultade de Filoloxía e Tradución veñen de recibir o visto e prace ao proceso de implantación dos seus Sistemas de Garantía Interna de Calidade (SGIC). Estes tres centros participaron na primeira convocatoria aberta pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia para que escolas e facultades acreditasen a implantación destes sistemas e acadaron a certificación de calidade que avala este proceso interno. Os tres centros únense á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e á Facultade de Bioloxía, que obtiveron a certificación na convocatoria piloto que tivo lugar en 2012.

M. Del Río | Vigo
A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas, a Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Facultade de Filoloxía e Tradución veñen de recibir o visto e prace ao proceso de implantación dos seus Sistemas de Garantía Interna de Calidade (SGIC). Estes tres centros participaron na primeira convocatoria aberta pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia para que escolas e facultades acreditasen a implantación destes sistemas e acadaron a certificación de calidade que avala este proceso interno. Os tres centros únense á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e á Facultade de Bioloxía, que obtiveron a certificación na convocatoria piloto que tivo lugar en 2012.

O reitor explicou durante o acto de entrega das certificación que “contamos xa con cinco centros que poden acreditar a implantación correcta dos seus SGIC”. Previamente, todas as escolas e facultades da Universidade de Vigo acadaron o certificado FIDES-AUDIT para o deseño destes sistemas; agora o que lles toca é acreditar a implantación real dos mesmos. Os SGIC teñen como obxectivo xestionar de forma sistemática e estruturada a calidade dos centros e títulos cunha orientación cara á mellora continua. Entre outras medidas, establécense documentalmente as actividades a desenvolver no centro, de xeito que dean resposta ás esixencias normativas e dos grupos de interese, recóllense os rexistros adecuados como proba do funcionamento e eficacia do sistema, analízanse sistematicamente os resultados e tómanse as decisións precisas para a mellora. Son, polo tanto, ferramentas estratéxicas que se aplican tanto á planificación da docencia e da investigación como, por exmplo, aos criterios de adminisión de estudantes, ás prácticas externas, os programas de mobilidade ou ao Plan de Acción Titorial. Deste xeito, os SGIC axudan aos centros a coñecer as súas fortalezas, mellorar os puntos febles e favorecer a transparencia.

Xosé María Gómez Clemente, director da Área de Apoio á Docencia e Calidade, deu os parabéns aos responsables dos tres centros e destacou que “obter estes estándares de calidade non só é importante para o funcionamento do centro, senón tamén para potenciar o traballo en equipo; foi un proceso duro pero van chegando as compensacións”. Subliñou tamén que estas certificacións serán de especial importancia “á hora de acreditar os títulos, xa que teremos parte do camiño andado ao demostrar a excelencia do traballo a través dunha acreditación externa”.

Un traballo en equipo

Con estas tres novas acreditacións, a Universidade suma un total de cinco centros coa certificación da implantación do SGIC, “tres enxeñarías, un do eido das humanidades e outro do campo da ciencia e agardamos poder sumar outros tres dentro de seis meses”, detallaba Gómez Clemente. A vicerreitora de Organización Académica e Profesorado, Ana Graña, recoñeceu o grande esforzo realizado “non só polos equipos directivos e decanais, senón por todos os colectivos dos centros”, algo no que coincidiu con Rosa Pérez, decana da Facultade de Filoloxía e Tradución, que lembraba que “este proceso de acreditación serviu para que uns empezasen a valorar a importancia da calidade e outros se achegasen a este concepto por primeira vez”. Tanto ela como o director da ETSE de Minas, Benito Vázquez, e a directora da ESE Informática, Ana Garriga, puxeron en valor a unión que se xerou nos centros a raíz deste traballo, “foi un compromiso asumido que se converteu nun proceso enriquecedor e moi útil”, destacaba a directora ourensá. Os tres responsables académicos tamén se amosaron satisfeitos de que a súa experiencia poida sirvir, como apuntaba Benito Vázquez, “para as seguintes escolas e facultades da Universidade que se embarquen neste proceso de avaliación”.

Coa entrega destas acreditacións conclúe un proceso que os tres centros iniciaron a finais de 2013. O traballo realizado durante estes meses para a implantación real dos SGIC foi auditado por unha comisión externa que, tras analizar a situación de desenvolvemento do sistema e unha visita ao centro na que se entrevistaron co equipo directivo, coa Comisión de Garantía de Calidade e con representantes dos distintos colectivos do centro (profesorado, PAS, alumnado, egresados, empregadores, etc...) elaborou o informe definitivo sobre o Sistema de Garantía Interna de Calidade. Baseándose neste documento, a Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) emitiu a certificación que lle vén de ser entrega aos centros.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós