DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 09 de febreiro do 2015

Despois de que Ciencias Sociais e da Comunicación participase con éxito na fase piloto

A Universidade acredita a calidade de seis novos títulos

A Acsug enviou o informe favorable do grao en Comercio e de cinco mestrados, dous de Vigo e tres de Ourense


ImageA Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación foi a pioneira en Galicia en acadar os informes finais favorables que acreditan os seus catro títulos, tres graos e un mestrado. O centro pontevedrés participou en 2014 na fase piloto e obtivo o visto bo da Acsug para as súas titulacións. Agora, xa iniciado este proceso de forma normalizada, a Universidade vén de recibir o informe favorable de acreditación de seis novas titulacións: tres da EU de Estudos Empresariais de Vigo; dúas de Ciencias da Educación de Ourense, e outra da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, tamén en Ourense. Como explica o director da Área de Calidade, Xosé María Gómez Clemente, estes son os seis títulos que participaron na primeira fase do proceso, á que segue unha segunda, con outros dez mestrados que están a ser avaliados na actualidade.

M. Del Río | Vigo
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación foi a pioneira en Galicia en acadar os informes finais favorables que acreditan os seus catro títulos, tres graos e un mestrado. O centro pontevedrés participou en 2014 na fase piloto e obtivo o visto bo da Acsug para as súas titulacións. Agora, xa iniciado este proceso de forma normalizada, a Universidade vén de recibir o informe favorable de acreditación de seis novas titulacións: tres da EU de Estudos Empresariais de Vigo; dúas de Ciencias da Educación de Ourense, e outra da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, tamén en Ourense. Como explica o director da Área de Calidade, Xosé María Gómez Clemente, estes son os seis títulos que participaron na primeira fase do proceso, á que segue unha segunda, con outros dez mestrados que están a ser avaliados na actualidade: cinco da Escola de Enxeñería Industrial, tres da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, un de Ciencias Xurídicas e do Traballo, dous de Ciencias de Ourense e o Máster para o profesorado de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanza de idiomas. O director da Área de Calidade agarda que os informes definitivos de todas elas estean entregados antes do 12 de maio.

O único grao desta primeira fase é o de Comercio, que xunto cos mestrados en Comercio Internacional e en Dirección de Pemes, consigue que toda a oferta académica da EUEE conte xa con esta credencial. A acreditación das titulacións é a fase final dun proceso de avaliación que deben completar todos os títulos das universidades galegas. Tras a verificación inicial dos plans de estudo de graos e mestrados para a súa implantación, sucédese un proceso de seguimento de carácter anual que agora dá pasa ao de acreditación. Este proceso faise dun xeito escalonado, de xeito que os graos deben pasar por el cada seis anos e os mestrados cada catro.

Para os centros, un recoñecemento ao esforzo

O director da Escola Universitaria de Estudos Empresarias, Patricio Sánchez, fai unha valoración moi positiva deste proceso de avaliación, porque permite acreditar "a calidade da formación que ofrecemos". Destaca principalmente o caso do grao en Comercio, “unha titulación que tivo un arranque un pouco conflitivo” e subliña tamén que o mestrado de Comercio Internacional é “o máis demandado da Universidade” e, xunto co de Dirección de Pemes, “que tamén ten moi boa acollida”, conforma a oferta deste centro.

A decana da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, Mar García Señorán, recibiu a confirmación do informe favorable de dous mestrados do centro que dirixe. Por unha banda o Máster en Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivos e pola outra o Master en Intervención Multidisciplinar na Diversidade en Contextos Educativos. Subliña que é moi positivo para o centro porque “garante a calidade e a continuidade destas titulacións” pero tamén recoñece que foi un esforzo considerable tanto para o equipo directivo como para a comisión de calidade e para a comisión de coordinación dos mestrados. Neste sentido demanda á institución académica máis medios e apoio para a xestión deste proceso e lembra que a comisión destacou no seu informe a implicación de todos os colectivos no proceso de mellora continua, así como a cualificación do profesorado, “moitos procedentes de grupos moi relevantes doutras universidades” e o importante papel que desenvolve o estudantado durante as prácticas nas empresas e institucións.

Pola súa banda, Elena Rivo, decana de Ciencias Empresariais e Turismo, remarca que este recoñecemento externo ao Mestrado en Creación, dirección e innovación na empresa serve para amosar “que estamos a facer ben as cousas” e valora moi positivamente ter acadado esta certificación. Recoñece que o traballo foi “intenso e concienciudo” sobre todo nos últimos meses, aínda que o esforzo vén de atrás, xa que a avaliación fai especial fincapé nos tres últimos anos. O informe destaca como puntos fortes do mestrado a estreita relación co tecido empresarial, tanto á hora de asesorar como da realización da prácticas, e tamén destaca a calidade do equipo docente, que inclúe moitos profesionais, “o que permite un maior achegamento do estudantado ao eido empresarial real”.

O proceso de acreditación

Aínda que o proceso para estes seis títulos iniciouse en xullo, en realidade a acreditación comeza xa coa implantación dos mesmos. Para arrancar coa docencia, explica Gómez Clemente, “o centro debe contar cunha memoria verificada, un proxecto autorizado pola Universidade que recibe o visto e prace da Acsug”. Unha vez que comeza a impartirse o grao ou mestrado, este é sometido a un seguimento anual, interno e externo, durante catro anos para os mestrados e seis para os graos. Unha vez finalizado este período é o momento da acreditación, que consiste, como explica o director da Área de Calidade, “nunha revisión documental moi fonda de todos os aspectos que atinxen ao título, e inclúe a visita dun comité avaliador que mantén xuntanzas con diversos colectivos do centro como o equipo directivo, os responsables dos títulos ou a comisión de calidade, pero tamén co profesorado, o alumnado, egresados e mesmo empregadores. Tras a visita emiten un informe provisional, con suxestións e melloras no caso de ser necesarias, que dará paso unha vez implementadas, ao informe definitivo.

O comité avaliador, entre outros aspectos, analiza a coordinación entre materias e as súas competencias, os resultados das mesmas, a empregabilidade, as prácticas, traballos fin de mestrado e de grao, etc. Tamén escollen determinadas materias que analizan máis en profundidade, incluíndo os contidos, as probas avaliación, o currículo do profesorado... Todo isto supón para os centros un esforzo e unha presión, recoñece o director da Área de Calidade, pero estes procesos permiten mellorar, cambiar determinados procesos e optimar a xestión. Con todo, os comezos sempre son duros e Gómez Clemente agarda que unha vez que xa se coñecen as demandan das comisións e a documentación precisa “poidamos orientar mellor aos centros e axudalos a preparar este proceso en vindeiras fases”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós