DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Campus de Ourense
Luns, 13 de marzo do 2017

Segundo un informe elaborado por investigadores do campus de Ourense

A evolución das empresas familiares durante a crise foi homoxénea nas diferentes provincias galegas

Este comportamento contrasta co acontecido a nivel xeral no tecido produtivo


ImageA Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, liderada desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, vén de facer público o seu informe Recuperación da empresa familiar: análise provincial. Nel avalíase a variación da cifra de ventas ao largo do período de crise, realizando unha comparativa entre provincias e entre empresa familiar e non familiar. As conclusións apuntan a que a evolución das empresas familiares é máis estable e homoxénea nas diferentes provincias que as non familiares.
Luns, 13 de marzo do 2017

O Campus Universitario Ourense Coosur consolídase no quinto posto da táboa

O equipo de rugby do campus suma unha nova vitoria en Eibar

Os bos resultados tamén acompañaron ás diferentes categorías de baloncesto


ImageO Campus Universitario Ourense Coosur sumou esta fin de semana unha nova vitoria, a número doce, na División de Honra B do rugby estatal. Os ourensáns gañaron en Eibar ao Avia Eibar RT por un marcador final 11-18. "Gañamos nun campo difícil e cun equipo que o seu xogo non reflicte o posto onde está na clasificación", recalcan desde o club de rugby do campus. Os bos resultados tamén acompañaron ás diferentes categorías de baloncesto, gañando os partidos disputados nas súas respectivas fases de clasificación.
Venres, 10 de marzo do 2017

Nel analizaranse os últimos avances no uso do modelo hidrodinámico de partículas suavizadas

Ourense acollerá en xuño o encontro internacional de expertos en simulación de fluídos

O evento contará coa asistencia de máis dun centenar de persoas


ImageDesde que no ano 2011 o grupo Ephyslab, Environmental Physics Laboratory, da Universidade de Vigo lanzou o seu software DualSPHysics tense convertido nun referente internacional en simulación de fluídos, sendo a súa ferramenta empregada por todo tipo de entidades públicas e privadas, desde Mercedes á Nasa. Por estar á vangarda do desenvolvemento tecnolóxico neste eido, o grupo organizará o vindeiro mes de xuño o 12th International Smoothed Particle Hydrodynamics European Research Interest Community Workshop. A cita, coñecida como Spheric 2017, reunirá a expertos dos diferentes continentes para afondar nas últimas novidades no modelo computacional SPH.
Venres, 10 de marzo do 2017

O campus acolle a celebración dunha nova edición do obradoiro sobre este instrumento

Os xoves toca gaita

A formación introduce aos participantes na música tradicional galega


ImageA programación de obradoiros que ofrece neste segundo cuadrimestre a Vicerreitoría do Campus de Ourense está nestas datas en pleno desenvolvemento. Entre as propostas que saíron a diante nesta edición está o Obradoiro de Gaita Galega, que por cuarto curso consecutivo volve a facer que resoe a música tradicional nas instalacións universitarias. Cada xoves, de 19.00 a 22.00 horas, unha ducia de persoas de perfís e inquedanzas moi diversas danse cita no Pavillón de Asociacións para, en moitos casos sen coñecementos previos, comezar a familiarizarse cos instrumentos máis significados da música galega.
Xoves, 09 de marzo do 2017

Entre as súas fortalezas sitúan a cantidade e calidade das augas e a existencia de infraestruturas

Investigadoras do campus identifican as vantaxes competitivas de Ourense como destino turístico termal

Entre as debilidades apuntan a pouca sinalización e a dificultade de acceso ás instalacións


ImageA provincia de Ourense busca posicionarse como un destino turístico termal referente no ámbito estatal. Tendo en conta esta aposta estratéxica e a especialización do campus de Ourense como Campus da Auga, un grupo de investigadoras da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo vén de realizar un proxecto de investigación que tivo como obxectivo determinar as vantaxes competitivas desta provincia como destino turístico termal. Entre as súas fortalezas identificaron a cantidade e calidade das augas existentes, a existencia de infraestruturas de calidade, a posibilidade de aloxamento e a realización de investimentos na creación e mellora das infraestruturas.
Xoves, 09 de marzo do 2017

Membros da comunidade universitaria uníronse á folga e mobilizacións convocadas este 9 de marzo

As protestas contra a Lomce e o 3+2 tamén se escoitaron en Ourense

Os manifestantes reivindicaron un ensino público galego


ImageMembros da comunidade universitaria do campus de Ourense uníronse este xoves á folga xeral e mobilizacións convocadas por diferentes colectivos en defensa do ensino público galego e reclamando medidas como a derrogación plena da Lei orgánica para a mellora da calidade educativa Lomce e do decreto 3+2. As protestas culminaron coa celebración dunha manifestación, na que confluíron os diferentes colectivos que participaron nesta convocatoria, que arrancou diante da Subdelegación do Goberno e que percorreu as rúas do casco vello da cidade das Burgas.
Resultados 25 - 30 de 3570

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós