DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Campus de Ourense
Venres, 24 de febreiro do 2017

O centro organiza un ciclo de conferencias protagonizado por algúns dos seus 2174 egresados

Enxeñaría Informática conmemora 25 anos de historia poñendo en valor o talento forxado nas súas aulas

Jorge Vázquez, fundador e presidente de Redegal, foi o encargado de ofrecer a primeira das charlas


ImageA Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense cumpre este curso académico 25 anos de historia e para conmemoralo organiza o ciclo de conferencias #TalentoESEI, no que se convidará a algúns dos 2174 egresados e egresadas formados no centro a volver a el para expor a súa traxectoria profesional e falar dos eidos nos que desenvolven o seu traballo. A primeira das intervencións tivo lugar este xoves a cargo do ourensán Jorge Vázquez, fundador, presidente e CEO de Redegal, que falou do que considera as claves do éxito profesional: a dedicación e a constancia.
Xoves, 23 de febreiro do 2017

Un proxecto busca recuperar a memoria desta tradición oleira desaparecida nos anos 40

Unha segunda vida para a louza de Bamio

Trátase dunha iniciativa da Asociación de Mulleres Rurais da zona e de Beatriz Comendador


ImageNa parroquia de San Xinés de Bamio, no Concello de Vilagarcía de Arousa, houbo unha importante tradición oleira, concretamente de louza, coñecida a través de documentos históricos, arqueolóxicos e testemuñas pero perdida desde finais dos anos 40. O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, con Beatriz Comendador ao fronte, e a Asociación de Mulleres Rurais da zona están a desenvolver o Proxecto Louceiros de Bamio. O seu obxectivo é “recuperar a memoria oral compartida desta parroquia para conservar e revitalizar aspectos que, xuntamente coa memoria dos coñecidos como louceiros, teñen conformado a nosa cultura”.
Xoves, 23 de febreiro do 2017

A cita consistirá nunha xornada de portas abertas o 22 de marzo

O campus celebrará o Día Mundial da Auga con escolares das provincias de Ourense e Pontevedra

Co prazo de inscrición aínda aberto, son xa máis de 200 os estudantes apuntados


ImageDesde a posta en marcha do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga, cada ano o 22 de marzo, declarado polas polas Nacións Unidas como o Día Mundial da Auga, convértese nun día de celebración nas instalacións universitarias ourensás. Este ano, o campus volverá a abrir as súas portas a estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato das provincias de Ourense e Pontevedra. Co gallo desta conmemoración, tamén se convida aos escolares a participar nun concurso de fotografía sobre os recursos hídricos. O prazo para inscribirse a calquera destas dúas actividades está aberto ata o 15 de marzo.
Mércores, 22 de febreiro do 2017

A Escola Superior de Enxeñaría Informática acolleu este mércores a School Developers Parade #Ourense

Aprendendo en comunidade a manexar a última tecnoloxía

Coa asistencia de máis dun centenar de estudantes e profesionais


ImageGoogle Developers Group Ourense e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus organizaron este mércores o taller High School Developers Parade #Ourense. Máis dun centenar de estudante e profesionais puideron coñecer nesta cita como funcionan as comunidades de desenvolvedores e que é o que lles poden achegar á súa formación tecnolóxica. Nun sector como o da informática, que avanza a un ritmo frenético, apuntaron os relatores, o traballo e o estudo en comunidade permite "acelerar e complementar" a formación tradicional.
Mércores, 22 de febreiro do 2017

A sétima edición de Portugués Perto terá lugar do 6 ao 10 de marzo

Catro días para celebrar a riqueza da cultura lusófona

A programación incluirá unha actuación de Quico Cadaval e Celso Sanmartín


ImageNo campus de Ourense, a comunidade universitaria ten unha cita anual coa reivindicación da riqueza da lingua e da cultura lusófonas. Trátase da celebración de Portugués Perto, unha iniciativa da Vicerreitoría do campus que este ano celebra do 6 ao 10 de marzo a súa sétima edición consolidada xa no calendario cultural universitario. Seguindo o formato de anos anteriores, a programación mesturará actividades vinculadas coa lingua, a música, os contos, o baile e a festa, contando entre os participantes co actor e narrador Quico Cadaval e a banda portuguesa Parapente 700.
Martes, 21 de febreiro do 2017

A investigación liderada polo físico Alejandro Cabrera conta con financiamento estatal

O Proxecto Welcome optimizará os dispositivos de enerxía das ondas a través da simulación por ordenador

O obxectivo é ofrecer ao sector unha ferramenta computacional libre e aberta que contribúa ao seu avance


ImageA enerxía das ondas do mar, sinalan os expertos, presenta moitas vantaxes: é a enerxía renovable máis potente, limpa e constante. Porén, o deseño de dispositivos para a súa captación atópase aínda nunha fase temperá de desenvolvemento, sendo necesario aumentar a eficiencia e reducir os custos da súa tecnoloxía para facilitar unha maior implantación industrial. Investigadores do campus de Ourense lideran un proxecto con financiamento estatal que busca, a través da simulación por ordenador, optimizar o deseño dos dispositivos de enerxía das ondas e alcanzar aparatos máis eficientes e fiables. Froito deste traballo, crearase unha ferramenta computacional aberta e libre que permitirá ao sector mellorar estas estruturas pero tamén outras fondeadas lonxe de costa, como plataformas petrolíferas ou aeroxeradores.
Resultados 43 - 48 de 3566

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós