DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Campus de Ourense
Venres, 30 de xuño do 2017

A investigadora Laura Ruiz expuxo nel varios estudos sobre os hábitos do alumnado ourensán

O Campus ConVida, no VIII Congreso Iberoamericano de Universidades Promotoras da Saúde

Os traballos afondan en alimentación, deporte, adicións e sexualidade


ImageEsta semana a Universidade de Alacante acolleu do 27 ao 29 de xuño a celebración do VIII Congreso Iberoamericano de Universidades Promotoras da Saúde. Entre os proxectos presentados nel estivo o da Universidade de Vigo Campus da Auga ConVida, destinado a fomentar os hábitos de vida saudables no eido físico, psíquico e social entre a comunidade universitaria. A investigadora Laura Ruiz presentou nesta cita dúas comunicacións sobre a actividade física, os hábitos alimentarios e os comportamentos aditivos e sexuais do alumnado do campus de Ourense elaborados con datos recollidos nos postos dos Martes ConVida, que ao longo de cada curso percorrer os tres campus.
Venres, 30 de xuño do 2017

Desde o luns unha trintena de persoas formáronse no campus neste eido

Aíto García Reneses pecha “con bos fundamentos” o curso de adestradores de baloncesto

A iniciativa estivo organizada pola fundación que preside o técnico


ImageO Campus de Formación para Adestradores Galicia 2017 da Fundación Aíto García Reneses, que desde o luns 26 acolleu o Pavillón de Deportes do campus de Ourense, pechouse este venres cunha intervención de luxo, a do propio Aíto García Reneses. A trintena de técnicos e técnicas inscritos na cita asistiron a unha master class na que o adestrador, considerado un dos mellores da historia do baloncesto español, expuxo algunha das claves da súa filosofía de adestramento e levounas ao terreo de xogo coa axuda dos xogadores e xogadoras do Blanco Amor que participaron na sesión.
Xoves, 29 de xuño do 2017

Un equipo de 20 persoas traballará durante o mes de xullo neste xacemento de Allariz

Os arqueólogos volverán a Armea para deixar ao descuberto a súa atalaia e sondar a zona das Pioucas da Santa

A intervención será realizada un ano máis polo Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio


ImageRematar de escavar a finca da atalaia, de propiedade municipal, deixando toda esta zona exposta ao público, e realizar varias sondaxes na contorna do xacemento da "Cibdá de Armea" para ver a súa posible potencialidade expositiva para o futuro, entre elas, a zona das Pioucas da Santa. Con estes obxectivos presentouse este xoves a campaña 2017 de escavacións arqueolóxicas en Armea, no Concello de Allariz. Un equipo de 20 persoas liderado por arqueólogos do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (Geaat) volverá en xullo á zona para continuar sacando á luz un xacemento do que estiman só está descuberto arredor dun 5% da súa superficie. Esta actuación verase complementada cunha intervención en San Salvador dos Penedos, concretamente no Castelo de Malpaso e a súa contorna.
Mércores, 28 de xuño do 2017

Na actualidade estuda cuarto curso do Grao en Xeografía e Historia

O alumno Álex Garrido publica a novela 'Mafia: venganza en Chicago'

Na presentación o autor destacou o “dinamismo” e a “fácil lectura” da súa primeira obra literaria


ImageUn inspector do Departamento de Homicidios da Policía de Chicago -alcólico, mullereiro e perseguido pola morte do seu mellor amigo e compañeiro- enfróntase á posición idealista e positiva da súa compañeira que se acaba de licenciar, imposta polos altos cargos da Xefatura de Policía. Mentres tanto, a aparición do cadáver dun irlandés coa cara cortada sacará á luz unha guerra entre dúas faccións cuxo choque parece non beneficiar a ninguén, pero si ameaza a relativa tranquilidade da Cidade do Vento. Con este argumento presentouse este mércores no campus de Ourense Mafia: venganza en Chicago, unha novela de Álex Garrido, alumno de Historia.
Mércores, 28 de xuño do 2017

Durante o mes de xuño participaron nun curso intensivo para acadar este título

25 novos monitores e monitoras de tempo libre rematan a súa formación

Aprenderon a dinamizar todo tipo de grupos, desde menores a persoas maiores


ImageDurante todo o mes de xuño, en horario de mañá e tarde e de luns a venres, 25 persoas estiveron no campus de Ourense formándose de xeito intensivo para poder traballar de monitores ou monitoras de tempo libre. Este mércores o curso que realizaron, e que cada ano imparte a Escola de Tempo Libre Universitaria Estou e a Asociación Universitaria de Ciencias da Educación Auce, pechou a súa programación deixando a organizadores e participantes satisfeitos polo traballo levado a cabo. “Con este curso, concrétase unha vez máis, e con éxito, a aposta da asociación Auce por fomentar a formación específica en lecer e tempo libre dentro do espazo universitario”, destaca Millán Brea.
Martes, 27 de xuño do 2017

Coa participación do Auriense FG nos actos organizados na cidade co gallo do Día do Orgullo

O fútbol gaélico únese á celebración da diversidade

O día 1 terá lugar un partido nas instalacións deportivas do campus


ImageDo 27 ao 7 de xullo, Ourense acolle a celebración das II Xornadas da Diversidade, no marco dos actos co gallo do Día do Orgullo 2017. Na ampla programación organizada no marco desta iniciativa por diferentes colectivos, o fútbol gaélico terá o seu oco. Liderando o auxe deste deporte na cidade, o Auriense FG participará en varias das iniciativas que se levarán a cabo no amplo de actividades que se organizarán a asociación cultural A Galleira e Ourense Lgtb Friendly. Será, explican desde o club, “o colofón a unha tempada repleta de actividades".
Resultados 49 - 54 de 3743

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós