DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Campus de Pontevedra
Venres, 15 de setembro do 2017

Coas actividades que o vindeiro mércores se desenvolven en CC da Educación e do Deporte e BBAA

Unha xornada para falar de arte e deporte con perspectiva de xénero

Trátase de dúas actividades patrocinadas pola Unidade de Igualdade da Universidade


ImageReflexionar sobre o papel da muller na creación contemporánea, analizar como as e os artistas afondan na idea de xénero ou debater sobre os estereotipos vinculados a deportes como a ximnasia rítmica. Estes son tres dos obxectivos que conflúen nas dúas xornadas que, co patrocinio da Unidade de Igualdade, se desenvolven o vindeiro mércores no campus. Neste día, Ciencias da Educación e do Deporte acolle Expresión artística e xénero, integrada por cinco conferencias centradas nos deportes artísticos e na plástica contemporánea, mentres que en Belas Artes terá lugar o coloquio Entre a escena e a arte de acción..
Xoves, 14 de setembro do 2017

Coa Semana Europea da Mobilidade comeza a implantarse o terceiro plan de acción do Green Campus

54 medidas para facer de Pontevedra un campus máis verde

Do 19 ao 21 de setembro, desenvolveranse diferentes actividades arredor do vial central, pechado ao tráfico


ImageDesde finais de 2015, ondea en Pontevedra a bandeira verde coa que a FEE recoñece o labor de educación e xestión ambiental de campus e facultades. Unha bandeira que é o resultado das múltiples accións desenvolvidas nos últimos anos ao abeiro do proxecto Green Campus, que neste novo curso continúa o seu labor de concienciación coa implantación do seu terceiro plan de acción. 54 medidas, vinculadas a oito obxectivos estratéxicos, integran un documento realizado segundo “criterios pragmáticos e realistas”, como sinala o director da Área de Planificación, Celso Cancela. Entre elas figuran accións como a conmemoración da Semana Europea da Mobilidade, coa que entre o martes 19 e o xoves 21 porase inicio á implantación do documento.
Mércores, 13 de setembro do 2017

A Área de Benestar, Saúde e Deporte mantén aberta a inscrición nas súas diferentes iniciativas

Dúas semanas de portas abertas para poñer en movemento á comunidade universitaria

Entre os días 18 e 30, será libre a participación nas actividades dirixidas para aboados e aboadas


ImageO inicio dun novo curso constitúe tamén é unha boa oportunidade para manterse ou poñerse en forma e para axudar neste propósito a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade propón no campus unha serie de servizos e actividades que desde inicios de mes manteñen aberta a súa inscrición. Ademais de ligas internas ou dos centros deportivos colaboradores, a área organiza por segundo curso unha serie de actividades dirixidas gratuítas para os usuarios dos abonos Muver e Ponte en Forma, que estarán abertas á participación de calquera membro da comunidade universitaria entre os días 18 e 30 deste mes.
Mércores, 13 de setembro do 2017

A Casa das Campás acolleu o acto de benvida ao alumnado internacional

México encabeza a relación de 15 países que achegan estudantes estranxeiros ao campus

44 mozos e mozas permanecerán en Pontevedra o primeiro cuadrimestre e outros 12 todo o curso


ImageProcedentes de 15 países de tres continentes, as universitarias e universitarios chegados nestes mes a Pontevedra para vivir unha experiencia formativa e vital reuníronse este mércores na Casa das Campás, onde representantes de diferentes servizos da Universidade quixeron guialos nos seus primeiros pasos no campus. Con México, Portugal e Brasil como principais países de orixe, Pontevedra recibe neste primeiro cuadrimestre un total de 44 estudantes internacionais, aos que hai que sumar, para un total de 59, os doce que permanecerán na cidade o curso completo e os tres polo de agora confirmados para o segundo cuadrimestre.
Martes, 12 de setembro do 2017

A facultade celebrou un minuto de silencio en recordo desta titulada, falecida o pasado sábado

CC da Educación e do Deporte rende homenaxe a María Ferreira


ImageEgresada da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde cursou tanto Educación Infantil, como o mestrado en Investigación en Deporte, Actividade Física e Saúde, a porriñesa María Ferreira perdeu a vida o pasado sábado nun accidente de bicicleta en Asturias, ata onde se desprazara para ver unha das últimas etapas da Vuelta Ciclista a España. Un tráxico acontecemento que deixou un fondo pesar neste centro do campus, que no mediodía deste martes celebrou un minuto de silencio na súa memoria, coa participación tanto dos que foron os e as súas docentes como de estudantes e persoal e administración e servizos.
Martes, 12 de setembro do 2017

O profesor chileno Mario Quintanilla impartiu un relatorio en CC da Educación e do Deporte

O desenvolvemento de competencias científicas, primeiro paso para cambiar o mundo

Abordou tamén un proxecto de investigación con Finlandia, no que colabora profesorado da facultade


ImageNunha sociedade marcada polos avances tecnolóxicos, “o coñecemento científico é algo que dalgunha maneira resoa no noso día a día”, sostén o investigador da Ponficia Universidad Católica de Chile Mario Quintanilla, quen nesta xornada defendeu na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a necesidade de formar “suxeitos competentes en ciencia”. Isto, engadiu, “implica ter mestres que sexan críticos co que sucede no mundo, conscientes das incertezas, dificultades e conflitos”, para así poder “darnos conta do enorme potencial que ten a educación como poder transformador”.
Resultados 49 - 54 de 3361

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós