DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Campus de Pontevedra
Mércores, 21 de xuño do 2017

O centro acolle dous talleres sobre esta técnica, inseridos no programa de cursos de verán da Vicerreitoría

Belas Artes propón un dobre achegamento ao universo da cerámica

Tras un primeiro obradoiro sobre moldes, a actividade desta semana céntrase na produción manual


ImageUn achegamento teórico e práctico a unha disciplina que combina arte e artesanía reúne nestes días a 27 alumnos e alumnas na Facultade de Belas Artes, participantes na segunda edición de Cerámica agora, un dos cursos de extensión universitaria promovidos para este verán pola Vicerreitoría do campus. Iimpartido polo artista Pablo Barreiro, este taller viuse precedido pola primeira edición dun curso de iniciación aos moldes cerámicos, sumando deste xeito o concepto da serie a este dobre achegamento a unhas técnicas que forman parte da historia da humanidade, pero que tamén están presentes na produción artística contemporánea.
Mércores, 21 de xuño do 2017

Nenas e nenos gozaron coas súas familias dunha tarde de celebración

A Escola Infantil celebra o seu fin de curso máis tropical

Música e xogos abriron un evento que pechou a entrega de diplomas


ImageNon só pola calor que marcou as últimas xornadas, senón pola ambientación e vestiario, a Escola Infantil do campus celebrou na tarde deste martes a súa festa de fin de curso máis tropical. Desta volta, optouse por facer desta celebración unha festa hawaiana que levou tanto aos nenos e nenas como as profesoras do centro e a algúns dos familiares que lles acompañaron a sumar algunhas flores ao seu vestiario nunha xornada dedicada a despedir aos nenos e nenas neste curso rematan a súa etapa na escola. Na celebración que tivo lugar no patio do centro non faltaron a música, os xogos, as pompas de xabón ou a merenda.
Martes, 20 de xuño do 2017

Grazas ao convenio asinado coa Deputación de Pontevedra, que destina 170.000 euros a este proxecto

O Cinae desenvolverá unha tecnoloxía de detección con drones de especies invasoras e prevención de lumes forestais

O ente provincial colabora tamén nun programa de visibilización de mulleres directivas na industria pesqueira


ImageDesenvolver unha tecnoloxía que permita traducir as imaxes captadas por vehículos aéreos non tripulados en información coa que traballar na detección e no seguimento da evolución de especies vexetais invasoras, así como na detección de posibles factores de risco de lumes forestais. Este é o propósito central do proxecto que desenvolverán os investigadores e investigadoras do Cinae (Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia), grazas ao convenio asinado nesta xornada coa Deputación de Pontevedra. Cunha duración de dous anos, o acordo contempla o investimento de 170.000 euros nun proxecto centrado no desenvolvemento dun sistema de procesado da información obtida por drones, satélites ou sensores para poder intervir nos sectores medioambiental, agroforestal e mariño.

Martes, 20 de xuño do 2017

Alumnado de doutoramento e da EE Forestal coñeceu en Cotorredondo o funcionamento dun multicóptero

Unha clase práctica de cartografía desde o aire

A actividade enmárcase nun curso de doutoramento do Campus do Mar


ImageMáis de 25 estudantes de posgrao das tres universidades galegas e da Universidade de Cabo Verde participan desde comezos de xuño no curso de especialización Coastal Dinamics and Environmental Evaluation, inserido no programa de doutoramento de excelencia internacional do Campus do Mar e dirixido a achegalos ás novas tecnoloxías cartográficas que permiten modelizar contornas costeiras. Tecnoloxías como os vehículos aéreos non tripulados que, dotados de tecnoloxía LiDAR permiten tamén realizar labores cartográficos de espazos como masas forestais. De aí que, a última xornada do curso que dirixe a profesora da EE Forestal Julia Armesto trasladase a súa última sesión aos montes de Pontevedra, co propósito de que tanto os investigadores e investigadoras como o alumnado da escola puidese de coñecer de primeira man o traballo que un multicóptero pode desenvolver neste eido.
Luns, 19 de xuño do 2017

O profesor de BBAA Ignacio Pérez-Jofre comisaría unha exposición de obras xurdidas da reciclaxe

Creacións artísticas que antes foron refugallo nas rúas

Resultado dun taller da asociación Emaús, ‘Reconstrución’ pode verse na Fundación Barrié de Vigo


ImageBolsas de plástico, envoltorios, cabichas, anacos de papeis ou de cristal, táboas ou cartóns, diferentes residuos atopados na rúa convertéronse nos materiais no que un grupo de persoas en risco de exclusión social deron forma, o pasado ano, a unha serie de obras no marco dun taller da Fundación Emaús coordinado polo profesor da Facultade de Belas Artes Ignacio Pérez-Jofre. Obras que agora buscan promover unha reflexión sobre a reciclaxe e a recuperación daquilo que é rexeitado na exposición Reconstrucción, a mostra comisariada por este docente e artista que ata o 17 de setembro pode visitarse na sede da Fundación Barrié en Vigo.
Luns, 19 de xuño do 2017

Trátase da primeira edición deste galardón promovido pola AECPA

A profesora Rosa Ricoy obtén o premio á innovación docente da Asociación Española de Ciencia Política

No seu proxecto, avoga polo uso educativo de elementos como o cómic, a arte ou a música


ImagePalestina, de Joe Sacco, Maus, de Art Spiegelman, ou Persépolis, de Marjane Satrapi, son tres recoñecidas novelas gráficas, pero tamén un xeito de achegarse ao conflito en Oriente Medio, ao holocausto ou ao ascenso ao poder do aiatolá Jomeini. Facer uso de diferentes manifestacións culturais, desde o propio cómic, á arte, a música ou o cinema, como un recurso capaz de captar a atención do alumnado nas aulas e achegalos a unha determinada temática é a base do proxecto polo que a profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Rosa Ricoy vén de ser recoñecida co primeiro premio á innovación docente da Asociación Española de Ciencia Política e da Administración (AECPA). “O proxecto forma parte dalgo que xa veño facendo desde hai anos na docencia e refírese a introducir aspectos que poidan favorecer que o alumnado preste atención, poñendo exemplos que fagan as clases amenas sen perder calidade nos contidos”, salienta da proposta premiada.
Resultados 7 - 12 de 3271

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós