DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Campus de Vigo
Luns, 06 de marzo do 2017

Daniel Arenas estuda novas técnicas sobre retención de metais pesados en diferentes terreos

Premiada unha tese viguesa como a mellor do ano en Ciencias do Solo

É á terceira vez que a SECS premia as investigacións realizadas desde o grupo Plant and Soil Sciences


ImageA Sociedade Española de Ciencias dos Solo acaba de elixir como mellor tese do 2015 a do investigador vigués Daniel Arenas Lago, unha investigación na que se amplía, afonda e achega novos coñecementos sobre a capacidade de absorción e retención de metais pesados nos solos, unha cuestión cada vez máis preocupante porque moitos destes elementos son tóxicos para os organismos e poden entrar na cadea trófica producindo efectos nocivos no ser humano.
O premio, que recolleu hai uns días nun acto celebrado en Madrid, certifica a calidade do estudo de Arenas e, ao tempo, tamén a capacidade e solvencia do grupo de investigación Plant and Soil Science, liderado polo catedrático Manuel J. Reigosa, pois en menos de dez anos esta é a terceira vez que o galardón recae nun dos seus investigadores.
Luns, 06 de marzo do 2017

Destinado a estudantes, operadores xurídicos e activistas, terá 40 horas de duración

Ciencias Xurídicas e do Traballo acollerá un módulo europeo sobre a protección dos dereitos fundamentais

O curso arranca este mércores 8 e estenderase ata finais de abril


Este mércores arranca na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo un Módulo Jean Monnet sobre a protección dos dereitos fundamentais na Unión Europea. Esta iniciativa responde á necesidade de suplir algúns dos principais déficits formativos detectados nesta materia, contribuíndo así a unha análise reflexiva que, como explican os seus organizadores, “tome como punto de partida o recoñecemento de plena eficacia xurídica a un catálogo propio de dereitos no seo da UE, pero sen perder de vista a complexa realidade que é hoxe a efectiva protección dos dereitos e liberdades das persoas”.
Luns, 06 de marzo do 2017

Pola súa banda, Pablo Vidal proclamouse subcampión galego Sub18

O Universidade de Vigo-EXP mantén o liderado da División de Honra tras vencer ao Círculo Ferrolano


Image O Universidade de Vigo-Estratexia Pola Paz non afrouxa e mantén o liderado da División de Honra do xadrez galego tras vencer a domicilio ao Círculo Ferrolano, subcampión as dúas últimas temporadas. Mentres, en Primeira División C, a Escola Deportiva Universitaria de Vigo perdía ante o Marcote A, converténdose en colista do grupo. Pola súa banda, Pablo Vidal proclamouse subcampión galego Sub18, tras acadar catro vitorias e catro empates no campionato celebrado en Viveiro, no que o tamén representante da Universidade de Vigo David García quedaba relegado á sexta posición.
Venres, 03 de marzo do 2017

O documento orixinal das cantigas de Martin Codax exporase desde outubro no Museo do Mar en Vigo

O Pergamiño Vindel retorna á beira do mar que o viu nacer

É a primeira vez desde 1970 que a obra, propiedade do Morgan Library Museum, abandona Nova York


Image Entre os meses de outubro de 2017 e marzo de 2018 o Pergamiño Vindel, documento orixinal das sete cantigas de amigo de Martin Codax, regresará a Vigo, a cidade que o inspirou hai oito séculos. A obra, que xunto ás sete cantigas de amor de Dom Dinis é a única mostra atopada ata o momento da canción profana galego- portuguesa, será o eixo central da exposición Berce da nosa cultura que terá lugar no Museo do Mar de Galicia en Vigo durante cinco meses, nos que en paralelo se desenvolverá un completo programa de actividades académicas, culturais e de divulgación da época e da obra do trobador. O reitor da Universidade de Vigo e o conselleiro de Cultura, foron os encargados de dar a coñecer os detalles do regreso do Pergamiño Vindel a Galicia, onde chegará procedente de Nova York, tras máis de corenta anos depositado no Morgan Library Museum, propietario da obra desde a década de 1970.
Venres, 03 de marzo do 2017

Xunto a unha trintena de expositores procedentes de España, Portugal, Brasil, Polonia e Georgia

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía participa en Santiago na III Feira de Minerais

A directora do centro, Natalia Caparrini, impartiu dúas charlas sobre os recursos naturais de Galicia


ImageA Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía está a participar esta semana na III Feira de Minerais, unha cita que arrancou este xoves na Área Central de Santiago de Compostela e na que participan unha trintena de expositores procedentes de España, Portugal, Brasil, Polonia e Georgia. Convertida, segundo os seus organizadores, na “feira máis grande de Galicia e Portugal sobre esta temática”, a mostra recolle minerais, fósiles e xoiería de todo o mundo, así como toda unha serie de actividades complementarias, entre elas talleres e charlas.
Venres, 03 de marzo do 2017

Destínase un fondo de 40.000 euros, sendo a contía máxima por solicitude de 2000 euros

A Vicerreitoría de Estudantes abre unha nova convocatoria de axudas para o estudantado con dificultades económicas sobrevidas

O prazo para presentar as axudas manterase aberto ata o 22 de marzo


ImageCoa intención de que todos os mozos e mozas que estean a pasar por unha dificultade económica sobrevida grave poidan sufragar os gastos dos seus estudos, a Vicerreitoría de Estudantes acaba de abrir unha nova convocatoria de axudas dirixida ao alumnado que nos últimos meses se viu afectado por problemas coma desemprego, falecemento, enfermidade grave, ou outras situacións imprevistas dalgún dos sustentadores da unidade familiar. O obxectivo non é outro que facilitar aos e as estudantes a continuación da súa formación naqueles casos nos que por circunstancias excepcionais vexan minguada a súa capacidade para facer fronte aos pagos.
Resultados 43 - 48 de 5765

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós