DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Alumnado
Venres, 21 de abril do 2017

‘Inefable’ e ‘Fume’ figuran entre as quince finalistas deste concurso universitario

Dúas curtas sobre superación nacidas no campus, finalistas dos Showing Film Awards

O vindeiro luns celebrarase en Madrid o acto de entrega de premios


ImageAlumnado de 25 países ten participado ao longo dos últimos sete anos nos Showing Film Awards, o certame internacional de curtametraxes promovido pola Showing Foundation e o Centro Universitario Villanueva que o vindeiro luns celebrará en Madrid a entrega de premios da súa sétima edición, na que a Universidade de Vigo estará representada por partida dobre. Un xurado integrado por profesionais do eido seleccionou as curtas Fume e Inefable, realizadas por alumnado e egresados de CCSS e da Comunicación, entre as 15 finalistas dun certame que neste 2017 tivo como eixo temático a resiliencia, a capacidade de adaptación a situacións adversas.
Xoves, 20 de abril do 2017

Entrega dos Premios á Excelencia Académica ao estudantado de novo ingreso

Máis da metade do novo alumnado “excelente” escolle unha enxeñaría

A simultaneidade ADE-Dereito e Tradución e Interpretación, outras das titulacións máis demandadas


ImageSon os 45 mellores expedientes do alumnado de novo ingreso e hoxe recolleron o agasallo co que a Universidade de Vigo quere recoñecer o seu esforzo durante os estudos secundarios e tamén o ter escollido esta institución para realizar a súa carreira universitaria. 22 mulleres e 23 homes que acadaron os Premios á Excelencia Académica deste curso ao obter un mínimo de 8.5 de nota media do Bacharelato ou ben de 9 nun ciclo superior de Formación Profesional. Este xoves recibiron como regalo unha tableta de mans do reitor, Salustiano Mato, que explicou que “con este acto queremos recoñecer a importancia que ten o mérito, a capacidade e o esforzo que se plasman nos resultados académicos que tivestes no ensino secundario”. Destes 45 expedientes excelentes, 25 optaron por algunha enxeñaría, sendo a máis demandada Telecomunicación (6). A simultaneidade ADE-Dereito e o grao en Tradución e Interpretación son outra das titulacións máis demandadas entre este grupo.
Mércores, 19 de abril do 2017

Nunha xornada organizada ao abeiro do cuarto proxecto DivulGATE

Alumnado de Bioloxía chama a atención sobre o perigo que supoñen as especies invasoras

O programa inclúe charlas, unha saída polo campus e, xa en xuño, unha visita ás illas Cíes


ImageÁrbores como o eucalipto ou a mimosa (Acacia dealbata), plantas como as uñas de gato (Carpobrotus edulis) ou herbas como a Pampa (Cortaderia selloana), a tintureira (Phytolacca americana) ou a da envexa (Vinca difformis)... forman xa parte da paisaxe galega malia tratarse todas elas de especies exóticas invasoras que chegaron a este territorio de maneira intencionada ou accidental e que a día de hoxe supoñen un serio perigo para a conservación da diversidade biolóxica orixinal. Co obxectivo de concienciar sobre esta problemática e dar pautas sobre como axudar a mellorar a situación a Delegación de Alumnos Lynn Margulis da Facultade de Bioloxía organizou este mercores as III Xornadas de Especies Invasoras.
Luns, 17 de abril do 2017

Teresa Búa gañou, xunto a María Vázquez, o primeiro premio no seu certame de deseñadores novos

Unha alumna de Esdemga triunfa na Mostra do Encaixe de Camariñas

O seu proxecto resultou merecedor dun premio de 2100 euros


ImageTomando como inspiración a estética futurista da película de Luc Besson O quinto elemento, a estudante de Esdemga Teresa Búa deu forma, xunto á alumna da EASD Mestre Mateo de Santiago, a Verde, súper verde, a colección coa que na tarde deste domingo se proclamaban gañadoras do certame de deseñadores noveis da XXVII Mostra do Encaixe de Camariñas. “A verdade é que era un proxecto moi arriscado que non tiña que ver co que se soe ver na mostra, quizais por isto gustou tanto”, recoñece Búa da proposta que foi recoñecida, coa unanimidade do xurado, como gañadora dun certame que reuniu preto dun cento de candidaturas.
Venres, 07 de abril do 2017

Estudantes da facultade protagonizan este sábado a Sétima Feira

O alumnado de BBAA fará do mercado de abastos un fervedoiro creativo

Nos diferentes postos, presentarán as súas ilustracións, gravados ou deseños téxtiles


ImageNacida co propósito de revitalizar o mercado de abastos da rúa Serra a través da moda, a gastronomía, a música ou as artes plásticas, a Sétima Feira tiña como un dos seus obxectivos dar visibilidade ao potencial creativo que o campus reúne en Pontevedra. De feito, alumnado e egresadas de centros como Belas Artes ocuparon nos últimos meses varios dos postos desta iniciativa da Concellería de Promoción Económica. Mais ata o de agora, en ningunha edición tivera tanto protagonismo o estudantado desta facultade, que achegará as súas ilustracións, serigrafías ou deseños téxtiles a 12 dos 16 postos da feira deste sábado.
Xoves, 06 de abril do 2017

No día do seu patrón, a EE Forestal acolleu un acto en lembranza dos traballadores e traballadoras do campus

Celebración e lembranzas únense no San Leandro

Dous coloquios sobre morcegos e aves rapaces abriron un programa que completan varios concertos


ImageProfesorado, persoal de administración e servizos e alumnado de diferentes centros do campus reuníronse este mediodía na EE Forestal para participar na ofrenda floral que persoal deste centro dedica cada ano aos membros da comunidade universitaria falecidos. Fixérono ademais nunha xornada marcada pola celebración neste centro, que conmemora o día do seu patrón, San Leandro, con diferentes actividades formativas e lúdicas impulsadas polo alumnado. Así, esta xornada de homenaxe e celebración abriuse con dous coloquios sobre morcegos e aves rapaces nocturnas e verase completada ao longo da tarde por diferentes actuacións musicais.
<< Inicio < Ant. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seg. > Remate >>
Resultados 1 - 6 de 1513

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós