DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Institucional
Venres, 24 de marzo do 2017

Celebrarase no campus do 25 ao 27 de maio

Un congreso reunirá en Vigo a responsables de protocolo e relacións institucionais das universidades españolas e portuguesas

Debaterán sobre a transformación e os retos desta disciplina para adaptala ao contexto do século XXI


ImageAs e os responsables de protocolo e relacións institucionais das universidades españolas e portuguesas reuniranse no campus de Vigo entre o 25 e o 27 de maio para debater sobre a necesaria transformación da disciplina para adaptarse ás novas tecnoloxías ou ás redes sociais, conciliando conceptos como imaxe, márketing, relacións públicas, linguaxe, publicidade e comunicación. A xuntanza celebrarase no marco do XVI encontro estatal e o VIII hispano-luso, que por primeira vez teñen como sede unha universidade galega, como explican as organizadoras, Carmen Estévez, xefa da Secretaría do Equipo de Goberno e Ángeles Casal, xefa de Negociado da Secretaría Xeral.
Xoves, 23 de marzo do 2017

O Concello pon a disposición da institución académica un espazo na antiga Reitoría da rúa Areal

O alcalde traslada ao reitor da Universidade de Vigo as súas propostas sobre os terreos da ETEA para Campus do Mar e o pago do IBI


Image Case un ano despois do último encontro que mantiveran en dependencias municipais, o alcalde e o reitor da Universidade de Vigo reuníronse este mediodía nunha xuntanza na que Abel Caballero trasladou a Salustiano Mato a súa posición en relación cos terreos da ETEA destinados a Campus do Mar, o pago do IBI, a participación da institución municipal na exposición do pergamiño Vindel e a posibilidade de que a Universidade dispoña dun espazo no centro da cidade ata que non se rematen as obras da sede do Berbés. Na reunión Mato estivo acompañado polo vicerreitor de Economía de Planificación, José Manuel García e Caballero polos edís de Fomento, Limpeza e Contratación e de Orzamentos e Facenda, David Regades e Jaime Aneiros.
Xoves, 23 de marzo do 2017

A responsable de loxística de Arnoia Distribución de Libros, Alicia Ferreiro, falou sobre muller neste sector

A EE Industrial celebra o seu patrón, San Xosé, visibilizando a presenza feminina na enxeñaría

Entregáronse as distincións do centro a docentes, grupos de investigación e persoal de administración


ImageUn ano máis, e con motivo da celebración do seu patrón, a Escola de Enxeñería Industrial reuniu as comunidades universitarias das súas dúas sedes, campus e cidade, no acto institucional en honra de San Xosé. Como vén sendo habitual, o edificio de Torrecedeira acolleu unha cita na que o centro ofrece un recoñecemento aos docentes máis valorados polo alumnado, aos seu grupos de investigación punteiros, aos investigadores novos e ao persoal docente e de administración e servizos con máis antigüidade na escola. Nesta ocasión, a conferencia central do acto correu a cargo de Alicia Ferreiro, responsable de loxística de Arnoia Distribución de Libros e egresada do centro, que se centrou na visión feminina na enxeñaría industrial.
Mércores, 22 de marzo do 2017

Universidade e Deputación renovaron este mércores o seu convenio de colaboración anual

220.000 euros para actividades culturais e deportivas, investigación e mobilidade no campus de Ourense

Os representantes das dúas institucións salientaron a alianza existente entre ambas


Image220.000 euros para a promoción e o fomento de actuacións e programas en materia de cultura, educación e deporte a desenvolver no campus de Ourense e que redunden en beneficio da sociedade e do interese xeral da provincia. Con este obxectivo, Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense, asinaron este mércores o convenio de colaboración anual entre as dúas institucións, incrementándose a contía que a entidade provincial destina neste 2017 ao financiamento de actividades culturais e deportivas, de mobilidade de estudantes e de fomento da investigación realizadas desde o campus ourensán. Trátase, apuntou o reitor, “dun convenio estrutural” que permite continuar consolidando o campus de Ourense como “o campus non central máis solvente” do mapa universitario galego.
Mércores, 22 de marzo do 2017

Con cadansúa axuda complementaria de 1000 euros

O Centro Comercial Gran Vía axudará economicamente a alumnado excelente que participe no programa Erasmus+

Manuel J. Fernández e Fernando Pinto asinaron este mércores o convenio de colaboración


ImageAs tres alumnas ou alumnos con mellor expediente académico seleccionados para participar o próximo curso no programa Erasmus+ recibirán cadansúa axuda complementaria de 1000 euros financiada polo Centro Comercial Gran Vía de Vigo. Así se establece no convenio de colaboración asinado este mércores entre esta entidade e a Universidade de Vigo, un documento no que se explican os detalles dun novo lanzamento das denominadas bolsas Erasmus+ Gran Vía de Vigo, axudas que xa se puxeran en marcha en 2015 e que agora volven pórse a disposición do alumnado universitario vigués.
Mércores, 22 de marzo do 2017

O campus de Ourense uniuse este mércores á celebración do día mundial deste recurso natural

Compoñendo un futuro ao son da auga

Arredor de 300 escolares de centros do sur de Galicia participaron nunha xornada de portas abertas


ImageO día 22 de marzo, declarado polas Nacións Unidas como o Día Mundial da Auga, é unha data que pretende concienciar ás persoas da importancia da auga doce e promover a sustentabilidade da xestión deste recurso. Desde a posta en marcha do seu proceso de especialización como Campus da Auga, esta data é para o campus de Ourense un día de celebración, un día para abrir as súas portas ás futuras xeracións de universitarios e amosar o que se coce nas súas aulas e laboratorios. Arredor de 300 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato das provincias de Ourense e Pontevedra participaron este mércores nas actividades organizadas co gallo desta data sinalada para a Universidade de Vigo. A todos eles e elas, Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, deulles a benvida recalcándolles o desexo da institución académica de que, con iniciativas coma esta, “naza en vós a paixón polos estudos universitarios”.
<< Inicio < Ant. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seg. > Remate >>
Resultados 1 - 6 de 2268

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós