DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Institucional
Venres, 27 de xaneiro do 2017

98 estudantes recibiron os premios á excelencia académica e outros seis os Egeria

A Universidade reivindica en San Tomé o seu papel como referente e motor da sociedade

Mato referiuse ao “traballo, o compromiso e a excelencia” como valores que rexen a institución


ImageA Universidade de Vigo celebrou este venres o acto académico que, en palabras do reitor, Salustiano Mato, “permite visualizar os mellores valores que rexen esta Universidade: o traballo, a rigorosidade, a seriedade, o compromiso e a excelencia”. Co gallo da celebración do seu patrón, San Tomé, a institución académica viguesa entregou este mediodía ao seu alumnado os premios fin de carreira, grao e doutoramento do curso 2015-2016, así como os III Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero en traballos de fin de grao e mestrado, en total, preto dun cento de galardóns cos que a Universidade recoñece ao seu estudantado máis excelente. No acto celebrado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, 57 mulleres e 41 homes recibiron as insignias e medallas da Universidade que, asegurou Mato, “premia feitos, realidades, compromiso, seriedade, rigorosidade, traballo e excelencia”.
Xoves, 26 de xaneiro do 2017

Alumnado de preto de trinta institutos coñeceu as titulacións e servizos que se ofrecen nos campus

1500 estudantes de bacharelato descobren a Universidade de Vigo na I Xornada de Orientación

A través de charlas, stands informativos e obradoiros nunha iniciativa do Siope


Image Francisco, alumno do IES Poio ten amigos que estudan no campus de Vigo, pero el nunca viñera. Andrea do IES Pazo da Mercé de As Neves si coñecía o campus, igual que Jacobo do IES San Tomé de Freixeiro porque o seu pai traballará aquí. Francisco, Andrea e Jacobo, son tres dos aproximadamente 1500 estudantes de 26 institutos da provincia de Pontevedra que este xoves “tomaron” o campus de Vigo na I Xornada de Orientación da Universidade de Vigo. Organizada polo Siope, nesta xornada a Universidade abriu as súas portas ao alumando de bacharelato para amosar a través de charlas, stands informativos e obradoiros as titulacións que se están a impartir nos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo, así como todos os servizos que se ofertan na institución académica.
Mércores, 25 de xaneiro do 2017

Representantes de Universidade, Concello e Deputación asistiron á posta en marcha do composteiro

O campus comeza o seu camiño cara os residuos cero

Con 10 módulos, acollerá os restos dos preto de 250 servizos diarios dos dous comedores universitarios


ImageRestos de entre 200 e 250 comidas diarias dos comedores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría Forestal que servirán para abonar os xardíns universitarios. O campus de Pontevedra puxo en marcha este mércores o seu propio composteiro, instalado coa colaboración do Concello e da Deputación e co que a comunidade universitaria se suma ao Plan Revitaliza da institución provincial. Este plan de compostaxe intégrase de xeito harmonioso tanto no proxecto Green campus como no de especialización CREA S2i, que ten a innovación sustentable como un dos seus eixos principais.
Luns, 23 de xaneiro do 2017

III Semana de recollida de RAEEs, enmarcada no proxecto Green Campus

Dar unha saída ecolóxica aos vellos aparellos electrónicos

Na última edición desta iniciativa, promovida pola Vicerreitoría, recuperáronse 162 dispositivos


ImageAno novo, aparellos novos. O Nadal é época de renovación de equipos e dispositivos tecnolóxicos e o campus de Pontevedra quere darlle un final ecolóxico a todos aqueles aparellos antigos que quedan abandonados en armarios e caixóns. Por este motivo, dende este luns e ata o vindeiro 27 de xaneiro estará en marcha a III Semana da recollida de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEEs), unha iniciativa impulsada pola Vicerreitoría e enmarcada no proxecto Green Campus que nesta ocasión busca recoller todos aqueles equipos que xa non lle son útiles aos membros da comunidade universitaria ou a usuarios e usuarias particulares.
Venres, 20 de xaneiro do 2017

O campus celebra unha xornada de concienciación co gallo do Día Internacional da Mediación

Unha clara aposta pola resolución de conflitos con menor custe emocional e económico

Arredor do 60% dos casos que acoden ao servizo de mediación familiar da Xunta rematan en acordo


ImageNon só ten un menor custe emocional e económico, senón que contribúe tamén "a pacificar a sociedade". Co gallo do Día Internacional da Mediación, o campus de Pontevedra celebrou este venres unha xornada de concienciación sobre a importancia da resolución pacífica dos conflitos cunha pegada de carteis na Casa das Campás e en distintas institucións e cunha mesa informativa na praza da Peregrina. A iniciativa foi organizada polo grupo de Psicoloxía Xurídica xunto coa dirección e alumnado do curso de Especialista de Mediación e o grupo de innovación docente 'Educación transformadora: ciencia, comunicación e sociedade'.
Venres, 20 de xaneiro do 2017

O Consello de Goberno dá luz verde aos premios fin de carreira, grao e doutoramento 2015-2016

97 premios para o alumnado máis extraordinario

Os galardóns entregaranse o vindeiro 27 de xaneiro co gallo da celebración de San Tomé


Image O Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou na sesión extraordinaria celebrada este mediodía outorgar un total de 97 premios extraordinarios de fin de carreira, grao e doutoramento no curso 2015-2016 a outras tantas alumnas e alumnos da institución académica viguesa. As 57 mulleres e 40 homes galardoados cos premios extraordinarios polo seu rendemento académico recibirán as insignias e medallas da Universidade co gallo da celebración do patrón da institución, San Tomé, o vindeiro 27 de xaneiro, nun acto no que tamén se entregarán os III Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero en traballos de fin de grao e mestrado. A secretaria xeral da Universidade, Gloria Pena, foi a encargada de dar lectura ás propostas de galardóns que foron aprobadas por unanimidade polas e polos integrantes do Consello de Goberno.
Resultados 37 - 42 de 2269

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós