DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Institucional
Martes, 21 de marzo do 2017

Profesor do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e Comunicación, faleceu o pasado venres

O campus fica en silencio en memoria de Antonio Maceira

Centos de persoas reuníronse ás portas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte


ImageAlumnado, profesorado e persoal de administración e servizos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte baleiraron este mediodía o interior deste centro do campus para reunirse ás súas portas e gardar un minuto de silencio en memoria do profesor Antonio Delfín Maceira Gago, falecido o pasado venres. “Era un gran profesor, moi querido por todos e o seu falecemento supón un gran pesar para toda a comunidade universitaria, especialmente para esta facultade”, salientou o decano do centro, Vicente Romo, trala celebración desta pequena homenaxe ao que foi docente deste centro desde os seus inicios.
Luns, 20 de marzo do 2017

A nova titulación comezaría a impartirse na Escola de Enxeñería Industrial no curso 2018-2019

O Consello de Goberno aproba á declaración de interese do grao de Enxeñería Biomédica

Considerarase a futura implantación en 2019/20 dun Grao en Deseño e Creación en Pontevedra


Image A Universidade de Vigo comeza a dar pasos cara ao novo mapa de titulacións e faino coa aprobación por parte do Consello de Goberno da declaración dunha nova titulación de grao e sete de máster, que se implantarían no curso 2018-2019, mentres que cara ao curso 2019-2020 o órgano de goberno manifestou o seu interese cara á considerar unha aprobación formal doutras declaracións de interese para implantar neste caso outro grao e dous novos mestrados. En relación coas declaracións de interese aprobadas hoxe, o Consello deu luz verde á presentada pola Escola Enxeñería Industrial para a implantación no curso 2018-2019 dun Grao en Enxeñería Biomédica. Cara ao curso 2019-2020, o Consello de Goberno manifestouse favorable a considerar unha oferta futura cara á aprobación formal dunha declaración de interese para que se poida impartir na Facultade de Belas Artes un Grao en Deseño e Creación.
Venres, 17 de marzo do 2017

A versión en liña da feira de emprego universitario celebrarase do 21 ao 24 de marzo

A II edición da Finde.U Virtual contará coa participación de máis de cen empresas de toda Europa

En 2016 ofertáronse 1324 postos de emprego e recibíronse máis de 4400 currículos


ImageMáis de cen empresas procedentes de toda Europa participarán a vindeira semana na II edición da Feira Internacional Virtual de Emprego Finde.Eu, unha cita organizada polas universidades de Vigo, Porto e Tras Os Montes e Alto Douro, que este ano se celebrará do 21 ao 24 de marzo e na que a expectativa é superar os bos resultados que xa se acadaron na anterior edición, na que participaran 78 empresas que ofertaron 1324 postos de emprego para os que se recibiron máis de 4400 currículos. A matrícula para o alumnado, totalmente gratuíta, manterase aberta ata o xoves.
Mércores, 15 de marzo do 2017

Este mércores asinouse o convenio para a posta en marcha deste órgano

Créase na Facultade de Dereito o Observatorio de Estudos sobre Corrupción Pública

Estará financiado pola Fundación Alfonso Martín Escudero e dirixido por Roberto Bustillo


Image“Crear, impulsar e difundir coñecemento sobre aspectos xurídicos e metaxurídicos relacionados co fenómeno da corrupción do poder público”. Con este obxectivo presentouse este mércores no campus de Ourense o novo Observatorio de Estudos sobre Corrupción Pública. Xestionado desde a Facultade de Dereito polo Grupo de Investigación Medea Iuris deste centro, o laboratorio nace grazas á alianza da Universidade de Vigo coa Fundación Alfonso Martín Escudero, que financiará o funcionamento deste instrumento. O profesor Roberto Bustillo será o seu director.
Martes, 14 de marzo do 2017

Coa novidade da participación do alumnado e de grupos de investigación de referencia

A Crusoe traballará para ampliar o programa de mobilidade Iacobus á macrorrexión de Rexións do Sudoeste de Europa

En paralelo á reunión celebrada en Vigo, a comunidade autónoma de Cantabria adheriuse á Resoe


Image O programa de mobilidade macrorrexional de Galicia e o norte de Portugal, Iacobus, verá ampliado o seu ámbito xeográfico, así como os colectivos que del se están a beneficiar, tralo acordo adoptado hoxe pola Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste de Europa, Crusoe, reunida en Vigo, nunha xuntanza previa ao acto de celebración e ratificación da adhesión da comunidade autónoma de Cantabria á macrorrexión de Rexións do Sudoeste de Europa, Resoe, no que participaron os presidentes e responsables políticos de Galicia, Asturias, Castela e León, as rexións norte e centro de Portugal e Cantabria. Así mesmo, na xuntanza, a Resoe realizou unha encomenda formal á Conferencia de Reitores para elaborar un mapa de capacidades por sectores e actividades económicas que permita posicionar politicamente determinados tipos de proxectos tractores para o seu financiamento estrutural.
Xoves, 09 de marzo do 2017

A institución lusa acolleu hoxe o II Cumio Universidade do Porto-Universidade de Vigo

As universidades de Vigo e Porto captaron nos dous últimos anos máis de 10 millóns de euros para Galicia e o norte de Portugal

Emprendemento, innovación e creación de emprego, principais obxectivos da colaboración


Image Fortalecer alianzas estratéxicas en materia de innovación social e emprendemento; identificar oportunidades de creación e consolidación de emprego cualificado e afianzar a cooperación e competitividade interterritorial son os piares da estratexia de acción definida hoxe no II Cumio Universidade do Porto-Universidade de Vigo celebrado na institución académica lusa e na que tomaron parte os equipos de goberno de ambas as súas institucións, encabezados polos reitores Sebastião Feyo de Azevedo e Salustiano Mato. Desde o primeiro cumio, celebrado en Vigo o ano 2015, ambas as dúas universidades desenvolveron proxectos conxuntos nas áreas de investigación, mobilidade, innovación e emprendemento, empregabilidade e organización. Froito desta cooperación nos ámbitos das relacións internacionais e cooperación rexional, acadáronse máis de 10,6 millóns de euros de investimento en Galicia e no norte de Portugal.
Resultados 7 - 12 de 2268

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós