DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Opinión
Mércores, 26 de novembro do 2008

Por Mª del Carmen Cabeza, vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes

300 palabras contra a violencia de xénero


Image Cando aínda resoan os ecos da celebración nas últimas horas do Día Internacional para eliminar a Violencia contra a Muller, a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza, reflexiona desde e para a Universidade de Vigo sobre o que cualifica como “unha realidade de medo, de humillación, de ferida, de morte”.
Cabeza reivindica no seu artigo de opinión a importancia da educación como fórmula de contención de violencia en xeral e da violencia de xénero en particular, unha lacra que só este ano en España quebrou a vida de 57 mulleres, pero que se estima afectou a unhas 400.000.
A procura dun tecido social que axude á prevención e que encare sen medo “algo que forma parte do máis escuro e inescrutable da mente humana e que enraíza nos sentimentos e nas incertezas”, así como a formación das novas xeracións para dotalos de instrumentos de prevención e detección, son para a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, elementos clave para combater “unha das manifestacións máis crúas e máis cotiás da violencia: a exercida sobre a muller”.
Martes, 14 de outubro do 2008

Por Santiago Lago, profesor titular do Departamento de Economía Aplicada

Crise económica


Image O profesor titular do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Santiago Lago Peñas, afonda neste artigo de opinión nas causas da crise que afecta as economías española e galega. Tras anos dun crecemento baseado no financiamento barato, o boom inmobiliario e o consumo das familias, segundo Lago "a necesidade dun axuste estaba cantado. E a cousa levará o seu tempo".
No caso de Galicia o profesor do Departamento de Economía Aplicada sinala que se está a producir un mellor comportamento, o que sen embargo, aclara Lago Peñas, "non nos vai permitir fuxir da crise económica" ata o punto de que "a meirande parte dos indicadores da economía galega irán a peor alomenos ata o verán do 2009, pero algo menos que no resto de España".
Mércores, 04 de xuño do 2008

Por Anxo Saborido, presidente de Adenco:

Camiñando cara Ecotopía


Image Baixo o lema CO2 Deixa o hábito!. Cara a unha economía baixa en carbono, celébrase este xoves 5 de xuño o Día Mundial do Medio Ambiente. Desta volta as institucións piden á cidadanía, chegada esta data, unha reflexión sobre a necesidade de reducir as emisión de CO2 a través dunha maior eficiencia enerxética, así como o necesario cambio cara a formas limpas e renovables de xeración de electricidade e sistemas de transporte.
Precisamente sobre a necesaria implicación da cidadanía en xeral e da comunidade universitaria en particular na consecución dun cambio de pensamento global, reflexiona neste artigo de opinión o presidente do grupo ecoloxísta Adenco, Anxo Saborido. Con 17 anos de vida a Asociación para a Defensa da Natureza do Condado, traballa na defensa, conservación e divulgación da natureza a través da promoción de prácticas como a reciclaxe ou o desenvolvemento sostible.
Venres, 16 de maio do 2008

Por Rexina Vega, escritora e doutora de Filoloxía Románica:

Arqueoloxía ou lúdico mercado? O día das letras galegas hoxe


Image Co gallo da celebración este 17 de maio do Días das Letras Galegas a escritora e profesora do Departamento de Lingua Española na Universidade de Vigo Rexina Vega, reflexiona sobre a evolución experimentada pola efeméride nas últimas décadas. Dun "entusiasamo contaxioso" pasouse segundo Vega "a unha celebración que pouco a pouco foi perdendo azos"e nos sitúa neste 2008 ante a necesidade, de "sacar todos os libros á rúa, exhibilos, fomentar a súa compra e darlles visibilidade a través dos autores convertidos durante unha semana en atractivos axentes comerciais".
Venres, 02 de maio do 2008

Por Jaime Cabeza, catedrático de Dereito do Traballo

Primeiro de maio e unidade sindical


Image O catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, Jaime Cabeza reflexiona ao fío da celebración do 1º de Maio sobre a necesaria unidade sindical ante a situación de crise que sofre a economía mundial. "As organizacións sindicais teñen a obriga social de prestarlle atención e adoptar todas as medidas ante un eventual risco de descenso da cobertura social", afirma Cabeza neste artigo de opinión, no que lembra que lonxe de desaparecer os problemas laborais se manteñen.
A precariedade, os accidentes de traballo ou a discriminación laboral da muller, son segundo o catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, "eivas que ben merecerían unha chamada de atención ás cúpulas sindicais: a unidade de acción non se expresa, tense", apunta Cabeza que tamén sinala que " as organizacións sindicais teñen a obriga social de prestarlle atención e adoptar todas as medidas ante un eventual risco de descenso da cobertura social".
Luns, 14 de abril do 2008

Por Salustiano Mato, director xeral de I+D+i

A relación Universidade- Empresa


Image O director xeral de I+D+i da Consellaría de Innovación e Industria afonda neste artigo de opinión na evolución experimentada na relación entre universidade e empresa. Das dificultades que por causa duns obxectivos moi distintos, presidían as relacións hai dúas décadas, pasouse coa intervención da administración a un novo escenario no que a transferencia de coñecemento incorpórase como unha terceira misión das institucións académicas, sumada ás da investigación e docencia.
Agora, cando xa ninguén dubida das avantaxes da relación entre universidade e empresa cómpre, segundo Salustiano Mato, preguntarse cales son os problemas que atopan investigadores e empresarios e darlle solución, para o que o ex vicerreitor de Investigación da Universidade de Vigo apunta que "actualmente é imprescindible para as empresas sistematizar o proceso de innovación no modelo de organización empresarial. Por outra banda, no mundo universitario faise imprescindible crear instrumentos novos para que os investigadores poidan transferir o seu coñecemento de maneira eficaz ás empresas".
Resultados 37 - 42 de 51

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós