DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Investigación
Xoves, 20 de xullo do 2017

Ao abeiro dun contrato asinado este xoves coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil

Investigadores do campus analizarán a orixe da contaminación difusa por nitratos na conca do río Limia

No marco do proxecto de especialización arredor da auga


ImageCuantificar a orixe da contaminación difusa por presencia de nitratos na conca do río Limia mediante a realización dun estudo isotópico. Con este obxectivo, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Francisco Marín, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, asinaron este xoves un contrato de servizos. O traballo que levarán a cabo investigadores do campus de Ourense e técnicos do organismo de conca permitirá distinguir se a orixe destes nitratos se debe a fertilizantes químicos, residuos gandeiros ou outro tipo de residuos urbanos.
Xoves, 20 de xullo do 2017

Nun proxecto das universidades de Vigo e Santiago, coordinado polo Grupo de Ecofisioloxía Vexetal

Analizan o deterioro que a planta invasora Carpobrotus edulis produce no solo para mellorar as estratexias de erradicación e rexeneración

Compre modificar as condicións de pH e materia orgánica do solo, para evitar a incorporación doutras invasoras


ImageCarpobrotus edulis, tamén coñecida como herba de coitelo ou uña de gato, foi citada por primeira vez en España no Grove en 1900. Máis dun século despois esta planta invasora coloniza areais de toda a costa da península ibérica provocando unha grave perda de biodiversidade e ameazando a flora autóctona protexida. Un proxecto interuniversitario coordinado polo Ecofisioloxía Vexetal da Universidade de Vigo estudou durante tres anos a relación ecofisiolóxica entre a especie invasora e a alócta e conclúe que para erradicar a planta "a extracción manual require da retirada efectiva do material vexetal, para evitar os restos con facilidade para enraizar; dun seguimento do espazo recuperado, xa que as sementes presentes no solo teñen capacidade de xerminación; da modificación substancial das novas condicións do solo para evitar a incorporación de outras invasoras e dun plan estratéxico que favoreza o establecemento de nova flora autóctona”.
Mércores, 19 de xullo do 2017

O profesor asociado Miguel Ángel Vázquez é o coordinador do estudo

Un proxecto sobre a linguaxe discriminatoria cos maiores gaña a bolsa de investigación Fundación Dorzán

O obxectivo último da iniciativa é mellorar a calidade de vida do colectivo da terceira idade


ImageO pasado mes de febreiro tivo lugar a sinatura dun convenio marco de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Fundación Dorzán, institución privada sen ánimo de lucro centrada no colectivo da terceira idade. Entre as primeiras medidas contempladas estaba entón a convocatoria dunha bolsa de investigación para proporcionar apoio económico á realización de traballos científicos na área de atención ás persoas maiores. O proxecto Deseño dunha ferramenta de avaliación do 'elderspeak' ou 'hablageria' para profesionais en contornas de atención a persoas maiores, do profesor asociado Miguel Ángel Vázquez, vén de gañar a primeira edición desta bolsa.
Martes, 18 de xullo do 2017

Segundo Z. del Carmen Velásquez, as reformas derivaron nunha “tendencia endurecedora” en ambos países

Unha tese analiza similitudes e diferenzas entre o proceso penal xuvenil en España e Venezuela

A investigadora remarca que as medidas cautelares privativas de liberdade deben ter “carácter excepcional”


ImageAs medidas cautelares persoais reguladas no proceso penal xuvenil en España e Venezuela gardan similitudes pero tamén diferenzas. Para facer un estudo comparado da lexislación en ambos países a investigadora Zugey del Carmen Velásquez centrou a súa tese de doutoramento en estudar ambas casuísticas co fin de expoñer a regulación concreta de cada ordenamento xurídico e destacar os aspectos que poden mellorar ambas regulacións, exportando dun sistema ao outro “aquilo que mellor se adecúe ao interese superior do menor”. Un dos aspectos nos que se centrou Velásquez no seu estudo son as medidas cautelares e conclúe a que a súa aplicación en ambos países desvirtúa a súa natureza cautelar. E é que segundo a investigadora, estas medidas teñen como finalidade “asegurar o normal desenvolvemento do proceso, garantindo a presenza do investigado en todas as fases do proceso, especialmente, no xuízo, así como na execución da eventual sentenza condenatoria”.
Luns, 17 de xullo do 2017

Este luns presentouse en Ourense o primeiro produto académico deste proxecto de especialización

O programa de doutoramento do Campus da Auga arrancará no curso 2017/2018 ofrecendo 25 prazas

Conta coa participación de 134 investigadoras e investigadores galegos e lusos


ImageCo 100% do seu primeiro plan estratéxico de actuación completado con éxito, o proxecto de especialización do campus de Ourense, o Campus da Auga, vén de presentar este luns o que é o seu primeiro gran produto académico: o Programa de Doutoramento Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento, que se implantará no curso 2017/2018. Esta oferta académica nace avalada por 134 investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo, do Instituto Politécnico do Porto e da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro e co obxectivo de ser un programa capaz de ofrecer unha formación avanzada e de elevada calidade en temáticas propias do Campus da Auga, contando coa participación multidisciplinar de todas as escolas e facultades do campus ourensán. “Este doutoramento convértese no primeiro e máis ambicioso obxectivo acadado”, destacou Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense.
Luns, 17 de xullo do 2017

O docente Burghard Baltrusch é o investigador principal do proxecto internacional POEPOLIT

Unha análise do carácter político de certas expresións poéticas na actualidade occidental

Céntrase no período que vai de mediados do século XX á actualidade en catro espazos xeográficos


Image Que na poesía actual se pode observar, de forma aínda máis clara ca nas vangardas, a presenza do político como unha experiencia humana colectiva, mais tamén como un interface entre o público e o privado, entre a subxectivización e o suxeito, entre o global e o local , entre a asimilación e a subversión, entre a participación e a resistencia, etc. é a hipótese de partida do proxecto de investigación Poesía actual e política: análises das relacións contemporáneas entre produción cultural e contexto sociopolítico. POEPOLIT está financiado con algo máis de 36.000 euros do Programa Estatal de Fomento de la I+D+i de Excelencia 2016 e nel traballará un equipo internacional integrado por 18 persoas de 11 universidades e sete países, liderado polo docente e investigador do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Burghard Baltrusch.
Resultados 25 - 30 de 2328

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós