DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Investigación
Venres, 14 de xullo do 2017

O campus acolleu este venres a reunión constitutiva do seu comité de xestión e coordinación

O Proxecto RISC Miño-Limia arranca co obxectivo de mitigar os efectos do cambio climático na conca internacional

O orzamento da iniciativa ascende a 2.335.283 euros


ImageO campus de Ourense acolleu este venres a reunión constitutiva do Comité de Xestión e Coordinación do Proxecto RISC Miño-Limia. Este proxecto, financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España-Portugal (Poctep) 2014-2020, ten como obxectivo o deseño de medidas orientadas a mitigar os efectos dos fenómenos extremos derivados do cambio climático, como inundacións ou secas, nesta demarcación hidrográfica internacional. O líder do proxecto, que conta cun orzamento superior aos dous millóns de euros, é a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e os socios a súa homóloga lusa ARH Norte e as universidades de Porto e Vigo.
Venres, 14 de xullo do 2017

O proxecto, dirixido polo Centro Ramón Piñeiro, foi desenvolvido por investigadores de Vigo e Santiago

O sintetizador de voz CoToVía permite converter un texto escrito en galego nunha cadea oral

Permite a accesibilidade web a persoas con discapacidades visuais e a automatización das comunicacións


ImageTras máis dunha década de traballo de investigadores do Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade de Vigo e do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, coordinados polo Centro Ramón Piñeiro, este venres presentouse oficialmente a versión definitiva do sintetizador de voz CoToVía. Trátase dunha ferramenta informática que permite a conversión dun texto escrito en galego nunha cadea oral. Os encargados de presentalo foron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e o director científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) e coordinador do proxecto, Manuel González.
Venres, 14 de xullo do 2017

Son 50 décimas dirixidas contra don Diego Zernadas, o coñecido Cura de Fruíme

Descobren un manuscrito inédito escrito en galego culto en plenos Séculos Escuros

Xosé A. Fdez Salgado, profesor da FFT, transcribe e estuda unha longa carta en verso sen asinar e sen datar


ImageÉ unha longa carta en verso, sen asinar e sen datar, pero de arredor de 1770, con 50 décimas dirixidas contra don Diego Zernadas, o coñecido Cura de Fruíme, unha das figuras máis sobranceiras da Galicia da Ilustración. O profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Xosé A. Fernández Salgado acaba de publicar o libro Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas, publicado por Edicións Laiovento, no que dá a coñecer a edición e estudo dun manuscrito inédito, escrito en galego, que se encadra dentro do período coñecido como dos Séculos Escuros.
A escaseza de textos escritos en galego do século XVIII acrecentan a valía destas Cincuenta décimas e obrigan a matizar afirmacións sobre o anecdótico uso do galego escrito nesta altura.
Xoves, 13 de xullo do 2017

Nun documento asinado polo profesor da Universidade Albino Prada

O Foro Económico lanza propostas para unha nova estratexia industrial

Entre as medidas contempladas está incrementar o número de empresas exportadoras


ImageO Foro Económico de Galicia presentou este xoves un novo documento de análise, centrado neste caso na estratexia industrial para Galicia e asinado por Albino Prada, profesor de Economía Aplicada na Universidade de Vigo. Cunha visión a medio e longo prazo, no documento, sinalan desde a entidade, avalíase a situación actual das actividades de produción material de Galicia, centrándose no conxunto das manufacturas, e formúlanse propostas e recomendacións encamiñadas a mellorar o saldo comercial de Galicia e incrementar o número de empresas exportadoras e o seu tamaño, entre outras cuestións.
Xoves, 13 de xullo do 2017

Ademais de España e Portugal, entre as e os 76 asistentes, hai participantes de Xapón, Estados Unidos...

Os avances en acuicultura centran as presentacións do congreso ibérico de Endocrinoloxía Comparada

O encontro arrancou este xoves na Facultade de Bioloxía e prolongarase ata o sábado


ImageAfondar nos diferentes sistemas endocrinos dun animal permite coñecer os procesos que ocorren no mesmo e optimizar o seu cultivo ou produción e, consecuentemente, mellorar tamén os procedementos que se empregan na industria acuícola. Nisto traballan centos de investigadoras e investigadores en todo o mundo e unha parte deles participan esta semana no campus na undécima edición do congreso da Asociación Ibérica de Endocrinoloxía Comparada, marco no que se van presentar as investigacións máis recentes relacionadas co mundo da acuicultura de peixes (metabolismo, crecemento, reprodución, resposta ao estrés…). Participan 76 investigadores e investigadoras, fundamentalmente de España e Portugal, pero tamén chegados desde países como Xapón, Estados Unidos, Reino Unido ou China.
Xoves, 13 de xullo do 2017

O proxecto está encabezado pola investigadora Nazaret Rodríguez

Desenvolven unha crema solar con auga termal e pebidas de bagazo

Co obxectivo de valorizar os recursos hídricos e os residuos vitivinícolas


ImageNos últimos anos, investigadoras dos departamentos de Enxeñería Química, Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde e de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo, con Herminia Domínguez, María José Pérez e Elena Falqué á cabeza, veñen desenvolvendo diferentes proxectos nos que se aborda a valorización tanto das augas mineromedicinais de Ourense como de residuos forestais e agroalimentarios a través da elaboración de produtos cosméticos. Un dos últimos avances acadados neste eido foi a recentemente realización con éxito de cremas solares con augas dos principais mananciais termais ourensáns e cun extracto de pebida de bagazo de Mencía.
Resultados 31 - 36 de 2328

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós