DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Investigación
Mércores, 12 de xullo do 2017

No VII Foro Internacional de Innovación Universitaria que se celebra en Vigo ata o venres

Profesionais do ámbito universitario reflexionan sobre a transformación das institucións académicas na sociedade dixital

Preto de 200 persoas procedentes de América, Asia e Europa reúnense na sede de AFundación


Image Desde hoxe e ata o venres 180 persoas procedentes de varios países de Europa, América e Asia participarán no VII Foro Internacional de Innovación Universitaria que se celebra na sede de AFundación en Vigo. Baixo o lema Tendencias actuais das transformacións das universidades nunha nova sociedade dixital, as sesións, organizadas xunto ao foro polas tres universidades galegas, abordarán durante tres días, “os temas máis sobranceiros que atinxen á universidade, especialmente aqueles que teñen que ver coa transformación dixital, cos novos xeitos de entender a docencia centrada na aprendizaxe autónoma do alumnado e coa xestión das institucións, así como a responsabilidade social nun mundo cambiante”, dixo na inauguración o director da Área de Calidade da Universidade de Vigo e membro do comité organizador, Xosé María Gómez Clemente.
Mércores, 12 de xullo do 2017

Un equipo de 20 persoas traballa durante o mes de xullo en Armea e a súa contorna

As primeiras escavacións nas Pioucas da Santa de Allariz sinalan unha orixe romana

A intervención está realizada polo Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio


ImageDesde o pasado 1 de xullo, un equipo de 20 persoas baixo a dirección do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo traballa en diferentes puntos do Concello de Allariz co obxectivo de afondar no coñecemento histórico da "Cibdá de Armea", que os arqueólogos datan no século I. A piques de chegar ao ecuador da intervención, xa está ao descuberto a zona da atalaia da finca municipal que forma parte do xacemento do castro e realizáronse as primeiras escavacións no lugar de culto das Pioucas da Santa. Os primeiros achados neste último enclave apuntan a que as pioucas datarían de época romana e terían unha funcionalidade de lagar.
Martes, 11 de xullo do 2017

O traballo aborda o uso de precedentes estranxeiros por parte do Tribunal Constitucional

A revista 'Teoría y realidad constitucional' premia un artigo do docente Aday Jiménez


ImageFoi no seu período como bolseiro do Servicio de doctrina del Tribunal Constitucional cando o docente e investigador da Área de Dereito constitucional Aday Jiménez comezou a observar que nalgunhas resolucións deste órgano se facía mención a resolucións de altos tribunais estranxeiros, “unha práctica bastante común noutros ordenamientos xurídicos, pero moi controvertida". Esta curiosidade persoal está na orixe do traballo Universalismo y particularismo en el Tribunal Constitucional. Sobre su uso (y abuso) de los procedimientos extranjeros polo que Jiménez recibiu o premio da revista Teoría y realidad constitucional para artigos científicos de constitucionalistas novos.
Luns, 10 de xullo do 2017

Na 38th Annual Conference of the International Society for Clinical Biostatistics

600 especialistas dos cinco continentes participan en Vigo no congreso internacional de bioestatística clínica

Debaten ao longo da semana os retos de futuro centrados no seu impacto na medicina


ImageA bioestatística clínica estuda modelos e métodos para o deseño e análise estatístico de datos obtidos na investigación clínica, xa sexa a través de ensaios clínicos, de estudos retrospectivos ou rexistros ou ben que proveñan de resultados de estudos anteriores, facendo unha revisión sistemática e un meta-análise. É esta disciplina, polo tanto, esencial para a medicina e para os ensaios clínicos, xa que “pola súa natureza vertebra a propia investigación que se realiza na medicina clínica”. Por este motivo, a Annual Conference of the International Society for Clinical Biostatistics, que celebra a súa 38ª edición en Vigo, organizada polo grupo de investigación SIDOR, reúne dende hoxe luns e ata o xoves especialistas do eido estatístico, clínico, epidemiolóxico, farmacolóxico, etc.
O simposio, que arrancou hoxe no auditorio Mar de Vigo, comprende sesións de comunicacións, cursos paralelos, sesións convidadas...
Venres, 07 de xullo do 2017

Persoal docente e investigador asiste á V Xornada Universitaria Galega en Xénero

Fronte común das universidades galegas para liderar unha transformación social a prol da igualdade

O psicólogo R. Lucas Platero falou sobre feminismo e movementos trans* na encrucillada


Image O psicólogo, investigador e activista dos dereitos do colectivo LGTBQ R. Lucas Platero considera que a universidade, como lugar de produción do coñecemento, ten unha responsabilidade clave respecto á comunidade educativa e, en concreto,” con aquelas persoas que teñen unha situación de vulnerabilidade clara, como son as persoas trans*, pero tamén con aquelas con corporalidades racializadas, con diversidade funcional ou con dificultades económicas, por poñer algúns exemplos". Cunha conferencia titulada Feminismos e movementos trans* na encrucillada, na que abordou as interrelacións entre os movementos feministas e os das persoas trans* desde a transición democrática ata a actualidade, o docente e investigador R. Lucas Platero inaugurou esta mañá a V Xornada Universitaria Galega en Xénero.
Venres, 07 de xullo do 2017

Con novos equipamentos, dirixidos a abordar o procesado integral da madeira e residuos forestais

A EE Forestal achega o alumnado aos procesos de biorrefinería

A través da transformación química, abordarán o seu procesado para obter produtos como biocombustibles


ImageA química ten cada vez un papel máis relevante no aproveitamento dos recursos forestais, que poden servir como fonte para elaboración de biocombustibles ou antioxidantes. Co propósito de achegar a formación práctica do alumnado aos procesos de biorrefinería, a Escola de Enxeñaría Forestal vén de ampliar o seu laboratorio de celulosas e pasta de papel cunha serie de fermentadores, para convertelo nun “laboratorio de transformación integral da madeira, que integre tamén a química” e que permita aos estudantes iniciarse nas súas clases prácticas nas múltiples opcións de procesado da madeira e os residuos forestais, como explica a subdirectora en funcións do centro, Ángeles Cancela.
Resultados 37 - 42 de 2328

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós