DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Investigación
Mércores, 01 de febreiro do 2017

O proxecto, liderado pola rede Géant, está financiado pola UE con 5 millóns de euros

Vigo participa nun consorcio europeo que busca facilitarlle ao alumnado o salto do ensino secundario ao superior

Trabállase na creación dun ‘ecosistema de docencia virtual’ dirixido ao alumnado de entre 11 e 19 anos


ImageA Universidade de Vigo leva máis dunha década apostando polo uso dos medios audiovisuais na educación e froito desta forte aposta en 2015 participou na posta en marcha do primeiro repositorio europeo de materiais educativos audiovisuais. Hoxe, apenas dous anos despois, dá un paso máis e convértese na única universidade de fala hispana en participar no proxecto Up to University, Up2U (Bridging the gap between schools and universitys trough informal education), financiado no marco do programa H2020 da Unión Europea con cinco millóns de euros e cuxos socios, un total de 18 entidades de 12 países, traballarán ao longo dos vindeiros tres anos na creación dun ecosistema de docencia virtual audiovisual, que servirá de apoio na educación presencial, dirixido a facilitarlle ao alumnado de secundaria o salto ao ensino universitario.
Martes, 31 de xaneiro do 2017

O xornalista Jesús Fontela analizou na súa tese as vantaxes desta figura de autorregulación

Dotarse dun servizo de defensa do espectador aumenta a credibilidade das televisións públicas

O seu estudo abrangue tamén a proposta dun modelo para a canle autonómica galega


ImageNun contexto marcado polos “menores recursos” e por “continuas denuncias de manipulación informativa”, dotar a unha televisión pública dun defensor ou defensora do espectador pode supor un “engadido de credibilidade de especial valor”, segundo sostén o xornalista Jesús Fontenla, quen estudou na súa tese de doutoramento o desenvolvemento desta figura de autorregulación xornalística nas diferentes canles españolas. Contribuír a mitigar o control político, promover a autocrítica entre as e os profesionais do medio e servir como canle de participación da audiencia son as principais vantaxes desta figura, segundo destaca Fontenla Rodríguez nunha investigación na que tamén propón un modelo de defensor ou defensora para a CRTVG. Ademais de abordar a experiencia en diferentes cadeas, reúne tamén 16 entrevistas realizadas ás persoas responsables destes servizos, directores de consellos audiovisuais ou representantes políticos.
Luns, 30 de xaneiro do 2017

O profesor Juan Picos presenta en Eslovenia un informe ao abeiro do grupo de expertos do EIP-AGRI

Nove incentivos para acabar cos problemas de mobilización de biomasa forestal e madeira na UE

Galicia, cunha produtividade alta pero cos seus montes repartidos en pequenas propiedades, é un "caso paradigmático"


Image"É como dicir que hai moitos peces no mar: que os haxa non quere dicir que ti os pesques. Pode ser que non teñas caña, que non saibas pescar, que estean demasiado profundos e non chegues...". Así é como explica o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Juan Picos o obxectivo do grupo de traballo impulsado pola Asociación Europea de Innovación e Agricultura Produtiva e Sustentable (EIP-Agri). Os 20 expertos que conforman o grupo reúnense esta semana en Eslovenia, onde Picos presentará un informe realizado polo grupo de traballo que coordina con nove incentivos forestais directos e indirectos cos que intentar fomentar o uso da biomasa e da madeira con fins enerxéticos e de innovación.
Luns, 30 de xaneiro do 2017

Un proxecto de investigación afondou nas características dos razoamentos probatorios

A determinación dos feitos no proceso xudicial sométese a xuízo

O estudo contou con financiamento estatal e estivo liderado polo profesor Pablo Raúl Bonorino


ImageNunha sentencia xudicial hai dous elementos fundamentais implicados. Por unha banda, están as cuestións xurídicas, cuxa xustificación requiren razóns de dereito, e por outra a determinación dos feitos, pois débese xustificar a verdade de certas afirmacións. “O que é verdade ou falsidade xa non é un tema xurídico. O coñecemento do dereito non serve para determinalos. Entramos xa no eido da filosofía, da teoría do coñecemento, etc”, explica Pablo Raúl Bonorino, profesor da Facultade de Dereito do campus de Ourense. O docente vén de dirixir un proxecto de investigación no que se afondou durante tres anos no coñecemento dos feitos e a decisión xudicial.
Xoves, 26 de xaneiro do 2017

No proxecto Candela participan Setga, Itelsis, Inteco, Insitu, Universidade e Gradiant

Empresas e investigadores vigueses deseñan un sistema de xestión intelixente do alumeado público

Propoñen un modelo de luminaria conectada que permita dixitalizar e automatizar os sistemas lumínicos urbanos


ImageUn consorcio formado por empresas de enxeñaría e investigadores da Universidade de Vigo e de Gradiant leva un ano traballando nunha iniciativa innovadora para deseñar un sistema de xestión intelixente do alumeado público para as cidades galegas. O proxecto, denominado Candela, foi un dos seleccionados na convocatoria ConcectaPeme e ten como obxectivo avanzar no eido das smart cities coa creación dun conxunto de solucións que permitan medir, modelar, optimizar e actuar en tempo real sobre todo o sistema lumínico público urbano. O consorcio está formado por catro empresas galegas (Setga, que lidera o proxecto, Sistemas Audiovisuales Itelsis, Inteco Ingeniería Avanzada e Ingeniería Insitu) xunto cos grupos de Tecnoloxía Enerxética e de Xeotecnoloxías Aplicadasda Universidade de Vigo e Gradiant.
Mércores, 25 de xaneiro do 2017

Acada unha posición media-alta no 83% dos aspectos avaliados no primeiro informe do Observatorio Urbano

Pontevedra, unha das cidades con maior nivel socioeconómico de Galicia

O grupo de investigación G4 Plus analizou xunto con outros 20 especialistas e investigadores 1,1 millóns de datos


ImageA cidade coa poboación máis nova e mellor formada, cunha boa evolución do paro e de creación de empresas e a mellor cohesión social das grandes cidades galegas. Ese é o perfil de Pontevedra que se debuxa no informe socioeconómico 2015 do Observatorio Urbano, unha plataforma de información estruturada creada entre o Concello e a Universidade no marco do proxecto de especialización CREA S2i. Liderada polo grupo G4 Plus, a plataforma avaliou coa axuda de máis dunha vintena de investigadores e especialistas 1,1 millóns de datos para facer unha diagnose da realidade pontevedresa e unha comparativa co resto das seis grandes cidades de Galicia e dos concellos da comarca.
Resultados 49 - 54 de 2171

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós