DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Investigación
Mércores, 21 de xuño do 2017

Segundo conclúe o último informe de Economics for Energy presentado por X. Labandeira e P. Linares

Volatilidade e incrementos bruscos dos prezos dos combustibles, principais riscos para a seguridade enerxética en España

Os expertos recomendan fomentar o uso de fontes menos variables e estimular o aforro enerxético


ImageO último informe do Centro de Investigación Economics for Energy, presentado hoxe no Club Español de la Energía en Madrid, conclúe que a volatilidade e os incrementos bruscos nos prezos dos combustibles fósiles, nomeadamente petróleo e gas, son actualmente os maiores factores de risco económico en relación coa seguridade enerxética en España. O informe, presentado polos directores de Economics for Energy, o catedrático de Economía da Universidade de Vigo Xavier Labandeira e o vicerreitor de Investigación e Internacionalización da Universidad Pontificia Comillas, Pedro Linares, destaca que nun contexto de moi elevada garantía de subministro físico de enerxía, debida á actual regulación e xestión dos sistemas, os factores relacionados cos prezos supoñen un custo para a economía española de ata un 1% do PIB, equiparable en ocasións ao 100% do prezo da propia enerxía, o que indica a súa relevancia.
Martes, 20 de xuño do 2017

O Observatorio Económico presentou este martes o informe de ocupación laboral

A provincia de Ourense concentra o 55% dos traballadores ocupados en Galicia nas industrias extractivas

Sete sectores sosteñen máis da metade do mercado de traballo


ImageEste martes Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, e Andrés Mazaira, profesor da Universidade de Vigo, presentaron no Centro Cultural Marcos Valcárcel o informe do Observatorio Económico Ourensán, que desenvolve a entidade provincial, referido nesta ocasión á ocupación laboral. Nel destácase que a provincia de Ourense concentra o 55% dos traballadores ocupados en Galicia nas industrias extractivas. Deste xeito, indican desde a institución, “as industrias extractivas, e en particular a extracción da lousa e as actividades empresariais de apoio a este sector, son as responsables do indicador laboral máis favorable da provincia”.
Martes, 20 de xuño do 2017

Participan 40 especialistas dos principais grupos de investigación a nivel mundial

O Comité de Combustión da Axencia Internacional da Enerxía dáse cita esta semana en Baiona

A xuntanza está coordinada polo profesor da Escola de Enxeñería Industrial Jacobo Porteiro


ImageEspecialistas de 14 países (Estados Unidos, Xapón, Corea, Alemaña e Francia, entre outros) participan esta semana en Baiona na xuntanza anual do Comité de Combustión da Axencia Internacional de Enerxía, organismo autónomo no que se reúnen os grandes consumidores de recursos enerxéticos do mundo desenvolto. Coordinados polo profesor da Escola de Enxeñaría Industrial Jacobo Porteiro, actual presidente do comité, teñen por diante catro días nos que analizar, debater e valorar os avances tecnolóxicos e científicos en materia de combustión, con especial atención a aqueles dirixidos a reducir a emisión de contaminantes á atmosfera.
Martes, 20 de xuño do 2017

Ourense acolle este martes e mércores a celebración do I Congreso Red Localis

As entidades locais, ante o reto da transparencia e a innovación

A cita pretende tender pontes de transferencia entre o mundo académico e profesional


ImageUn centenar de expertos e expertas tanto do eido académico como profesional danse cita este martes e mércores no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense no I Congreso Red Localis. A cita, organizada pola Red Localis e a Asociación Gen+, ambas lideradas polo Grupo de Investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, nace co obxectivo de posicionarse como o foro de referencia estatal no que se refire a temas de goberno local. Para a súa primeira edición, os organizadores escolleron como lema As entidades locais ante a transparencia e a innovación, ante a convicción de que estes dous factores son os grandes e ineludibles retos que teñen na actualidade os gobernos locais e as demais institucións públicas.
Martes, 20 de xuño do 2017

Alumnado de doutoramento e da EE Forestal coñeceu en Cotorredondo o funcionamento dun multicóptero

Unha clase práctica de cartografía desde o aire

A actividade enmárcase nun curso de doutoramento do Campus do Mar


ImageMáis de 25 estudantes de posgrao das tres universidades galegas e da Universidade de Cabo Verde participan desde comezos de xuño no curso de especialización Coastal Dinamics and Environmental Evaluation, inserido no programa de doutoramento de excelencia internacional do Campus do Mar e dirixido a achegalos ás novas tecnoloxías cartográficas que permiten modelizar contornas costeiras. Tecnoloxías como os vehículos aéreos non tripulados que, dotados de tecnoloxía LiDAR permiten tamén realizar labores cartográficos de espazos como masas forestais. De aí que, a última xornada do curso que dirixe a profesora da EE Forestal Julia Armesto trasladase a súa última sesión aos montes de Pontevedra, co propósito de que tanto os investigadores e investigadoras como o alumnado da escola puidese de coñecer de primeira man o traballo que un multicóptero pode desenvolver neste eido.
Martes, 20 de xuño do 2017

Participan 40 científicos de 12 institucións distintas

A Red Española de Simulación Molecular reúne en Galicia especialistas de todo o estado

Preséntanse traballos sobre ciencia de materiais, biofísica, combustibles ou métodos de obtención de enerxía limpa


ImageEspecialistas en simulación molecular de toda España reúnense esta semana no Hotel Talaso Atlántico de Oia no III Workshop da Red Española de Simulación Molecular. Dende onte luns e ata hoxe 40 científicas e científicos de 12 institucións estatais reúnense para presentar traballos que abordan os últimos avances en técnicas de simulación molecular e métodos de cálculo masivo. Á fronte do comité de organización está o profesor do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo Manuel Martínez Piñeiro, que explica que ademais dos participantes da rede procedentes de Huelva, Madrid, Sevilla, Santander ou Barcelona, “este ano contamos coa participación de dous investigadores invitados, Fernando Bresme, profesor do Imperial College de Londres, e José Alejandre, da Universidade Autónoma Metropolitana de México.
Resultados 7 - 12 de 2268

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós