DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Actividades Académicas
Venres, 17 de marzo do 2017

O campus acollerá a finais de mes un curso dedicado a esta temática

Unha inmersión empresarial no mundo dos deportes acuáticos

Durante a celebración visitarase o Club Náutico de Castrelo de Miño


ImageDo 31 de marzo ao 1 abril, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense volverá a acoller unha nova edición, a quinta, do curso complementario sobre Organización e Desenvolvemento de Eventos Deportivos: as Claves do Éxito. Tendo en conta o proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga e co obxectivo de un ano máis renovar os seus contidos, este ano o curso dedicará unha especial atención aos deportes relacionados coa auga, visitando durante o seu desenvolvemento o Club Náutico de Castrelo de Miño.
Martes, 14 de marzo do 2017

Nunha conferencia ofrecida polos emprendedores Daniel Diéguez e Pablo Piñeiro

Ciencias Empresariais e Turismo introduce ao seu alumnado nas vantaxes da cooperación

Os relatores destacaron a importancia de colaborar pensando en solucionar problemas aos demais


ImageÁ hora de falar de cooperación, recoñecen Daniel Diéguez e Pablo Piñeiro, emprendedores e socios cooperativistas, son moitas as persoas ás que lles xorden moitas dúbidas sobre a súa conveniencia ou non. Para explicar ao alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense como cooperar si lles pode axudar a sacar adiante proxectos propios, Diéguez e Piñeiro ofreceron este martes unha conferencia neste centro. “O noso obxectivo con este tipo de accións é facer pensar ás persoas sobre o que realmente precisan para sacar adiante un proxecto entre varios”, destacou Daniel Diéguez.
Martes, 14 de marzo do 2017

Premiados na última edición dos Goya e dos Mestre Mateo figuran entre os participantes na súa sexta edición

Augal reúne os éxitos máis recentes do audiovisual galego

‘Sicixia’ abre este mércores un programa integrado por catro longametraxes e unha sesión de curtas


ImageO gañador de dous premios Goya Alberto Vázquez, a directora e o produtor do Mestre Mateo á mellor película, María y los demás, ou o filme que Uruguai presentou como candidata ao Oscar. Estes son algúns dos traballos que forman parte da programación da sexta edición da Máster Class Audiovisual Galego, Augal, que este mércores bota a andar en Ciencias Sociais e da Comunicación coa proxección de Sicixia, de Ignacio Vilar. Catro longametraxes e unha xornada dedicada ás curtas integran o programa deste ciclo con inscrición gratuíta, que un ano máis repite un formato no que as proxeccións complétanse cun coloquio cos e coas responsables dos filmes.
Luns, 13 de marzo do 2017

Alex Ferradás achegouse este luns ao campus a ofrecer a I Xornada Super-Acción

Unha lección en primeira persoa do que supón a diversidade funcional

A iniciativa do Gabinete Psicopedagóxico ten como obxectivo fomentar a integración deste colectivo


ImageCada día son máis as persoas con algún tipo de diversidade funcional que estudan no campus de Ourense. Co obxectivo de que os diferentes membros da comunidade universitaria poidan relacionarse con este colectivo en equidade, o Gabinete Psicopedagóxico do campus puxo en marcha este luns unha serie de actividades que terán como obxectivo visibilizar as necesidades destas persoas e contribuír á súa integración fóra e dentro das aulas. A primeira das sesións correu a cargo de Álex Ferradás, persoa dependente dunha cadeira de rodas dende o ano 2006 e un dos fundadores do proxecto Working Wheels.
Venres, 10 de marzo do 2017

Nel analizaranse os últimos avances no uso do modelo hidrodinámico de partículas suavizadas

Ourense acollerá en xuño o encontro internacional de expertos en simulación de fluídos

O evento contará coa asistencia de máis dun centenar de persoas


ImageDesde que no ano 2011 o grupo Ephyslab, Environmental Physics Laboratory, da Universidade de Vigo lanzou o seu software DualSPHysics tense convertido nun referente internacional en simulación de fluídos, sendo a súa ferramenta empregada por todo tipo de entidades públicas e privadas, desde Mercedes á Nasa. Por estar á vangarda do desenvolvemento tecnolóxico neste eido, o grupo organizará o vindeiro mes de xuño o 12th International Smoothed Particle Hydrodynamics European Research Interest Community Workshop. A cita, coñecida como Spheric 2017, reunirá a expertos dos diferentes continentes para afondar nas últimas novidades no modelo computacional SPH.
Mércores, 08 de marzo do 2017

A cita desenvolverase do 20 de marzo ao 6 de abril na Facultade de Ciencias da Educación

O campus acollerá unha nova edición do curso de lingua de signos

A formación ten un carácter principalmente práctico


ImageDespois de celebrar a súa última edición, a terceira, no campus de Pontevedra, o Curso complementario en inclusión educativa da discapacidade auditiva volve este ano a celebrarse no campus de Ourense. Do 20 de marzo ao 6 de abril, as persoas interesadas en completar a súa formación con coñecementos sobre a lingua de signos, especialmente o alumnado e profesionais do eido educativo e social, están chamadas a participar nun curso que en cada edición é moi demandado polo seu carácter práctico e por dar resposta a unha necesidade formativa moi especializada e que non entra no currículo académico.
Resultados 13 - 18 de 2648

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós