DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Actividades Académicas
Mércores, 19 de abril do 2017

A área de Formación e Innovación Educativa organiza un curso sobre intelixencia emocional

Traballar a aprendizaxe social e emocional na aula

O curso será impartido polas expertas en coaching e xestión das emocións Ana Sanjuán e Belén Varela


ImageCada vez máis as empresas demandan candidatos que, ademais de ter un currículo académico brillante e experiencia profesional, teñan un perfil con capacidades sociais como a comunicación, o liderado e control das emocións. Para isto é importante que o profesorado poida formar ao alumnado nestas competencias. Por iso, a área de Formación e Innovación Educativa da Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado organiza un curso para traballar estas competencias na docencia en relación á intelixencia emocional. A matrícula está aberta ata o venres 21 de abril e pódese inscribir tanto o profesorado como o persoal investigador.
Martes, 18 de abril do 2017

Catro partidos creados por estudantes compiten nunhas eleccións ficticias, que terán lugar o xoves 27

Tempo de lemas e pancartas en CCSS e da Comunicación

Nos comicios, dispútanse parte das súas cualificacións nunha materia impartida por Xosé Rúas


ImageUn partido inspirado na estética dos filmes de Harry Potter e outro que toma como punto de partida 101 Dálmatas, unha formación que busca crear un sentimento de tribo na facultade e outra que usa un pentágono como sinal de identidade. Todas elas impulsadas polo alumnado de CCSS e da Comunicación para as eleccións ficticias nas que, o vindeiro xoves 27, xogaranse parte da súa cualificación na materia Técnicas de comunicación electoral e institucional, que imparte Xosé Rúas, impulsor un ano máis deste “xogo de rol”, no que o alumnado debe poñer en práctica os coñecementos adquiridos sobre comunicación e estratexias electorais.
Martes, 18 de abril do 2017

No III Foro do Consello Social, que se celebra este martes no campus pontevedrés

A Universidade reflexiona sobre si mesma e a súa comunicación

Representantes de diferentes medios debateron sobre o tratamento informativo da institución


ImagePromover “unha reflexión da Universidade sobre si mesma” é, como explica o profesor Fernando Ramos, o obxectivo central do III Foro do Consello Social que, con ese propósito, propón este martes un debate sobre a comunicación da propia institución académica e as súas relacións coa sociedade na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Con ese obxectivo, representantes de diferentes medios participaron nun coloquio sobre o tratamento informativo da Universidade de Vigo na prensa galega, nunha xornada na que tamén se abordou a imaxe simbólica da institución e o labor que realizan os seus servizos de comunicación e imaxe.
Venres, 07 de abril do 2017

O Geaat organizou en Campo Lameiro unha xornada de aprendizaxe con esta metodoloxía

Para aprender arqueoloxía experiencial, 'unha giornata al sole'

Os participantes realizaron actividades imitando técnicas da Prehistoria


ImageBaixo o título Unha giornata al sole, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo Geaat organizou estes venres unha xornada no Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro que tivo por obxectivo afondar na arqueoloxía desde un punto de vista experiencial. Deste xeito, alumnado universitario e visitantes do centro tiveron a oportunidade de pórse na pel de habitantes da Prehistoria e intentar elaborar materiais da súa vida cotiá, desde cerámica a gravados en pedra, empregando as técnicas e os recursos dispoñibles nese período histórico.
Venres, 07 de abril do 2017

Este venres clausurouse a quinta edición do curso de Afaor dedicado a esta enfermidade

Unha nova xeira de estudantes preparados para dar unha mellor atención aos pacientes con alzhéimer

Os seus promotores adiantaron o desexo de darlle continuidade á iniciativa o vindeiro ano


ImageO campus de Ourense acolleu este venres a clausura do Curso de Intervención Socioeducativa con Persoas Afectadas de Alzhéimer, unha iniciativa da Asociación de Alzhéimer de Ourense (Afaor) realizada co apoio da Fundación Dorzán, a Vicerreitoría do campus e a Facultade de Ciencias da Educación. A vintena de estudantes de Traballo e Educación Social e algún profesional que o realizaron recolleron este venres uns diplomas que corroboran a súa formación especializada nun eido que demanda cada vez máis profesionais capacitados que permitan ofrecer aos pacientes e ás súas familias unha mellor calidade de vida.
Xoves, 06 de abril do 2017

As actividades permitíronlle ao alumnado achegarse á realidade comercial e económica galega

A EU de Estudos Empresarias celebra patrón con dúas intensas xornadas ‘de conversas’

Este xoves a sesión tivo ‘acento galego’ e afondou no valor da lingua na actividade empresarial


ImageDúas intensas xornadas de conversas coas que estreitar lazos entre a actividade académica do centro e a súa contorna económica máis inmediata, Vigo e Galicia. Así celebrou a Escola Universitaria de Estudos Empresariais o seu patrón, San Vicente Ferrer. As actividades arrancaron onte mércores cunha xornada que fixo volver ao centro a moitas das súas egresadas e egresados, hoxe profesionais en activo en diferentes sectores, que tiveron a ocasión de relatarlles aos seus futuros compañeiros de profesión as súas experiencias, e continuaron hoxe xoves cunha sesión Con acento galego.
Resultados 49 - 54 de 2717

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós