DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Actividades Académicas
Xoves, 04 de maio do 2017

Preto de 140 estudantes participaron na sexta edición da Máster Class Audiovisual Galego

'Psiconautas' pechou unha das edicións máis concorridas de Augal

O gañador do Goya ao mellor filme de animación, Alberto Vázquez, protagonizou a última sesión


ImageCo Goya que hai poucos meses gañaba pola súa longametraxe de animación Psiconautas, Alberto Vázquez retornou na tarde deste mércores ao campus de Pontevedra para protagonizar a última sesión da sexta edición de Augal. Promovida polos profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comuniación Miguel Anxo Fernández, Fortunato Rodríguez e Paulino Pérez, co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a sexta edición desta Máster Class Audiovisual Galego contou con preto de 140 estudantes matriculados, unha das participacións máis elevadas desta iniciativa.
Mércores, 03 de maio do 2017

Participou no ciclo 'Entre poetas', financiado pola Unidade de Igualdade

Ángeles Mora, Premio Nacional de Poesía 2016, comparte experiencias co alumnado de filoloxía

Afondou na súa traxectoria poética, así como no seu proceso e intereses creativos


ImageO alumnado do Grado de Estudos Galego-Español tivo este mércores a oportunidade de compartir experiencias cun dos grandes nomes da poesía española actual, a poeta cordobesa Ángeles Mora, Premio Nacional da Crítica e Premio Nacional da Poesía 2016, polo seu poemario Ficciones para una autobiografía (Bartleby Editores). Con ela tiveron a oportunidade de escoitar en primeira persoa un resumo da súa traxectoria poética, do seu proceso e intereses creativos e de sentir na súa voz os seus propios versos. Financiada pola Unidade de Igualdade, con esta charla pechouse o ciclo Entre poetas: dúas aproximacións a poetas españolas contemporáneas, que tamén trouxo a Vigo –o pasado mes de marzo- á poeta Gloria Bosch, quen afondou na figura de Gloria Fuertes.
Venres, 28 de abril do 2017

Presentáronse 20 proxectos de ámbitos como TIC, saúde ou alimentación

LPRO Days saca a relucir as ideas máis innovadoras do alumnado da EE de Telecomunicación

Gradiant e a empresa Cardiovascular Gallega entregaron premios ás mellores propostas


ImageUn sistema de detección e láser contra a avespa velutina, un de alerta ao condutor, outro para contar persoas en manifestacións, un para traducir lingua de signos empregando recoñecemento de vídeo, unha aplicación que funciona como asistente nutricional ou un simple, pero moi útil, afinador automático de guitarras. A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación viviu este venres unha das xornadas máis importantes do curso coa celebración de LPRO Days, un día co que dar a coñecer os traballos feitos polo alumnado de último curso no marco da materia Laboratorio de proxectos. Con certos nervios pero moita profesionalidade, pasaron a mañá presentando os produtos a docentes, ao resto de compañeiras e compañeiros e aos representantes do sector empresarial.
Venres, 28 de abril do 2017

Alumnado de Dirección e Xestión Pública visitou o Parlamento de Galicia e a sede do Valedor do Pobo

Unha clase práctica sobre as institucións dentro das institucións

A actividade coordinada por Álvaro López Mira reuniu a alumnado e investigadores de seis nacionalidades


ImageCuestións sobre transparencia, políticas de xénero ou sobre as relacións entre os grupos políticos da oposición veñen de ser obxecto de debate no Parlamento de Galicia. Mais non nunha sesión plenaria, nin nunha comisión, senón no encontro que un grupo de preto de 30 estudantes do grao en Dirección e Xestión Pública mantiveron no Pazo do Hórreo con representantes dos catro grupos políticos da cámara. A actividade promovida polo profesor Álvaro Xosé López Mira no marco da materia Sistema político español e galego reuniu desta volta a alumnado e investigadores de seis nacionalidades e viuse precedida por unha visita ao Valedor do Pobo.
Venres, 28 de abril do 2017

Na 8º edición participaron 139 alumnos de Bioloxía, EE Industrial, CCXX e do Traballo e Filoloxía e Tradución

O Congreso de Traballos Colaborativos consolídase como punto de encontro de estudantes das diferentes titulacións de Vigo

Hoxe venres presentáronse os 21 traballos que desenvolveron en grupos multidisciplinares


Image Dous dos principais retos do alumnado universitario son o traballo en grupo e as presentacións de traballos en público. Para traballar estas dúas capacidades hai catro anos naceu unha iniciativa que busca que estudantes de diferentes titulacións do campus de Vigo se unan en grupos multidisciplinares para preparar proxectos científicos e presentalos publicamente. Este venres desenvolveuse a oitava destas citas, o VIII Congreso de Traballos Colaborativos, no que 139 alumnos e alumnas das facultades de Bioloxía, CCXX e do Traballo, Filoloxía e Tradución e a Escola de Enxeñería Industrial presentaron 21 traballos que abordan eidos como a viticultura, a veterinaria, as enerxías renovables, a acuicultura ou a xenética. Detrás desta iniciativa están os profesores da EE Industrial José Luis González Cespón e José Antonio Alonso Rodríguez.
Xoves, 27 de abril do 2017

Con 164 votos, fronte aos 45 de La Tribu, os 42 de Pentágono e os sete logrados polo partido 101

Brieffindor imponse nas eleccións ficticias de CCSS e da Comunicación

As enquisas realizadas polo alumnado vaticinaron a vitoria desta formación


ImageCon máis de 100 votos de diferencia con respecto aos seus competidores, o partido Brieffindor impúxose este xoves nas eleccións ficticias que cada ano promove na Facultade de CCSS e da Comunicación o profesor Xosé Rúas, no marco da materia Técnicas de comunicación electoral e institucional. O alumnado crea para estes comicios uns partidos que, tras desenvolver diferentes iniciativas no centro ao longo da campaña, mídense nunha votación aberta a todo o estudantado e persoal do centro. Votacións que se pecharon co triunfo de Brieffindor, que obtivo 164 votos, fronte aos 45 de La Tribu, os 42 de Pentágono e os sete logrados pola formación 101.
Resultados 55 - 60 de 2742

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós